Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"Battosai" por Battosai

Punk rock, válvula fumegante

Dende Bertamiráns (Ames), os tres membros de Battosai. Cedida

Co paso dos anos, ás veces un cae vítima de certo, e ben negativo, “puretismo” musical, sorprendéndose, un tanto perplexo, ao escoitar moitas desas músicas que agora arrasan entre esa tribo á que, nos últimos anos, socialmente denominamos millennials. Igual tanto autotune produce en nós algún, inxustificado, desconcerto e mesmo esa suposta ausencia de carraxe sónica vintage, distorsión e bateristas asalvaxados bourando nas cancións nos descoloque un pouco de máis nestes últimos tempos, aínda que, o demo nos libre!, valoremos en toda a súa xusta medida a parte artística de moitas destas propostas, aínda co risco de que que pouco nos remexan nos adentros. É o que ten quedar un tanto fóra de onda e desenpolvando discos vellos con certa noltalxia e pensamentos enganosos de que, en certos ministerios, calquera tempo pasado asemelle que foi mellor. Pero, coma case sempre, cando se fan xeralizacións deste tipo, un trabúcase a máis non poder, pois a música ten que evoluír, mesturarse, ir cara adiante e cara atrás estilísticamente, e por suposto que librar novas batallas estéticas que a fornezan e a poñan relucinte en mil novos caladoiros artísticos e culturais.

Por outra banda, e tamén de xeito erróneo, damos por feito que as músicas modernas todo o acaparan e que o rock morreu, ou agoniza ou está cascado de tanto uso e outra vez nos trabucamos. E para exemplo o disco debut de Battosai, tres millennials que, dende logo, mellor cadrarían musicalmente naquela xeración X de chaquetas de lá, pelos a monte e pantalóns roídos mentres que Cobain, Vedder ou Cornell ouveaban coma se o mundo se fose acabar entre guitarras, angustias vitais e overdrives coa ganancia a tope. Mais o caso é que Battosai achégannos un disco debut de título homónimo que cheira a rock alternativo, a punk rock, a garaxe húmido e a válvula fumegante. Dez cancións colecionadas nun vinilo editado pola disqueira Spinda Records e gravadas e producidas na beira máis orgánica polo recoñecido Santi García nos seus estudios Ultramarinos na Costa Brava. Héctor Ojea (voz e guitarra), Nolo Chazo (batería) e Roque Sampedro (baixo) fan outra vez boa aquela máxima de que cando un bo trio de rock empasta, non hai maquinaria pesada que atrone máis (se dubidan de tal afirmación, pétenlle na porta a Motorhead e deixen alí a súa queixa). 'Idiota', 'A.M', os dous primeiros sinxelos que mostraron, 'Noria', a riffeira 'Más adentro' ou a hipnótica 'Nunca pensé' son exemplos da coidada factura dunhas cancións que soan afiadas pero coa profundidade harmónica precisa e perfectamente aquelada. Letras que camiñan entre o desacougo xeracional, néboas de verán e enerxías vitais cargadas de ansias, de oportunidades extraviadas e de miradas quentes de realidade que fan que o disco se deixe debullar con certa calma e con todo o interese.

Dende Bertamiráns, aló polo municipio de Ames, e igual mirando máis aos anos 90 dos seus pais que a estes estraños anos 20 que lles tocan vivir coa guitarra colgada, Battosai publican mañá, na sexta feira, este primeiro estalo musical que algúns xa tivemos a sorte de poder escoitar, para agora facervos ganas, e que é a súa presentación nunha escena galega que non deixa de sorprender semana a semana con novas alfaias que xorden dende os máis recónditos alxubes, poñendo enriba da mesa unha realidade de diversidade e de calidade que nos converte e apuntala coma un auténtico viveiro musical. Aquí vos queda a recomendación: o primeiro de Battosai, mañá xa á venda e en escoita en todas as plataformas da internet. Vaivos encantar.

O grupo Tanxugueiras. Cedida

Tanxugueiras, Eurovisión

Cando no ano 85 Jorge Martinez cantaba cos seus Ilegales aquilo de “nuevos cantantes hacen el ridículo en viejos festivales como Eurovisión”, moitos pensabamos que ese tipo de concursos eran de certo, os derradeiros latexos dunha fórmula que estaba a desaparecer e a quedar relegada aos amantes máis frikis da música lixeira. Pero o certo é que non podiamos estar máis trabucados nas nosas ulideiras. Pouco a pouco, fomos vendo o formato reinventándose ata chegar aos albores dun novo século no que a tv parecía perder forza fronte a incipiente realidade da internet, mais no que o festival, ano tras ano, aínda collía máis músculo, acadando cotas de popularidade fascinantes chegados a día de hoxe e, sobre todo e o máis sorprendente, entre a xente máis nova.

Pois acontece que, nestes pasados días, a música galega aló se veu mergullada nas noticias do eurofestival con miles e miles de votos e prendendo lume en regueiros de pólvora polas redes sociais, escollendo, pola súa conta, unha peza das Tanxugueiras como a súa preferida para representar a Spain no famoso concurso. E houbo quen o celebrou, quen o criticou e incluso quen foi velo como unha especie de sacrilexio cultural, polo pouco apropiado que lles parecería ese casamento entre a nosa música, as cousas das televisións e as modas de masas.

Mais moito de sintomático sobre o excelso futuro, e presente, da nosa escena hai sempre neste tipo de situacións e canto de valorable é ver a toda esa xente, seguidora de Eurovisión, votando unha canción en galego e dunha formación sempre tan conectada con todo o noso. Moitas cousas estan mudando na música galega grazas a unha nova xeración de músicas e músicos que con sobresaínte talento, sen prexuízos e tamén sen cancelas son quen de achegarse a torreiros que parecían imposibles de acadar. Marabilla de nova para a nosa música que estas cousas acontezan e, preste ou non che preste Eurovisión, ben polas Tanxugueiras, ben pola nosa música, pola nosa escena e ben por nós.

Compartir el artículo

stats