Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Equilibrio narratolóxico

Da escrita sobria

Ofrece Suso Bahamonde unha nova obra para a súa traxectoria. Se cadra non se esperaba del que se inseríse no ámbito da narración, aquel que fora membro do Batallón literario da Costa da Morte e autor de poemarios como Óxido nas flores da tarde (2001) e Expansión (2014) pola traxectoria que estaba desenvolvendo. Porén, non debemos esquecer que xa foi avisando ao serlle concedido un accésit no cada vez máis prestixioso Certame de Microrrelatos da Lonxa Literaria de Moaña.

Instrucións para matar un oso é un libro composto por nove relatos cuns protagonistas inzados dun desaxuste existencial que os leva ás máis imprevisibles, mesmo arroutadas decisións vitais. Cada un en situacións e tempos distintos, sen ningunha conexión maior que a do devir existencial patolóxico, hai un pouso de que os fai confluír nun ambiente de aparente normalidade no que discorre a narración. Esa cotiandade convencional sofre cando un menos o espera e sae o verdadeiro sentir destes personaxes. O mérito do autor está en facer fluír os tempos e ritmos de cada un dos relatos sen que haxa rupturas abruptas e pouco cribles. Lévanos á sensación do estrañamento cun oficio maxistral, natural de seu.

Instruccións para matar un oso

Instruccións para matar un oso

Estes relatos atrapan, porén non só polo que contan, senón que tamén por como se contan. Estilisticamente Bahamonde consegue o equilibrio no seu proceder narratolóxico. É unha escrita sobria, sen estridencias que leva ao receptor a unha lectura agradable, mais non facilona. Consegue un ritmo prosístico axeitado. Vese oficio. Se cadra nalgún momento percíbese algunha paranomasia que, precisamente por estar tan ben escrito o texto, chama máis a atención, porén non desmerece un labor xeral marcado por moitos méritos.

Non imos entrar aquí nas influencias que o autor ten recoñecido nalgunha ocasión publicamente. O que si apreciamos é un desempeño alicerzado en tres eixos matizables cada un deles dependendo do relato ao que nos refiramos: capacidade de estrañamento, finais, en principio sorprendentes e unha prosa perfectamente amoldada ás necesidades da proposta narrativa do autor.

BAHAMONDE, Suso, Instrucións para matar un oso, Belagua, Vigo, 2021, PVP. 14,25 €

Compartir el artículo

stats