Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sutileza no evocar

Recomendable poemario

Marcos Abalde fíxose co XXIII Premio de Poesía Johán Carballeira con este seu Alcatrán. Trátase dun volume que vai á cerna, ás orixes. Hai referencias nel ao noso pasado máis afastado nunha primeira parte para ir indo –sempre cun locus amoenus que evoca a extinta pero inda presente provincia de Mondoñedo– ,engordiño, achegándose a inxustizas non tan afastadas no tempo, nomeadamente aquelas das que son responsables os fascistas na Guerra Civil e posterior represión. Esta localización lévanos a lembrar a Luís Trigo, “O Gardarríos”, poño por caso, en sutil e moi intencionada homenaxe ou, outras referencias estratéxicas como o acontecido en 1483 co Mariscal ao aludir o Pranto da Frouxeira.

Non é moi explícito nestas reivindicacións, mais enténdese perfectamente por onde vai o autor de Alcatrán. É máis: esa sutileza no evocar fai que haxa un certo punto de expectación que enche de forza os poemas. Ter consciencia do pasado non quere dicir que se estea facendo un exercicio histórico. O xeito de enunciación, independentemente do que estea expoñendo, asume o presente e futuro como obxecto de interese. Do que se trata é de evitar as inxustizas coa bagaxe do aprendido.

Tamén coido que hai que destacar, máis alá da reivindicación dun tempo pasado e do desexo dun futuro mellor, a lingua que emprega Abalde. Faille un favor a nosa literatura. O seu léxico vizoso engádelle un maior gozo á lectura nuns tempos en que semella que a simplificación lingüística é unha virtude cando máis ben é todo o contrario. Facendo este esforzo demostra ser considerado co lector, pois o ten por persoa competente.

Todo isto provoca que Alcatrán atraia nunha lectura intensa. Hai momentos que recoñecen a Abalde como un dos poetas que debemos seguir no futuro. Xa que logo, un poemario moi recomendable.

ABALDE COVELO, M., Alcatrán, Xerais, Vigo, 2021, PVP. 10,64 €

Compartir el artículo

stats