Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Guerra e paz en Bosnia

25 anos dos acordos de Dayton

Combates nas rúas de Saraxevo (1992). De arriba abaixo: Slovodan Miloševic (1941-2006). Franjo Tudjman (1922-1999); o mariscal Tito (1892-1980);a Stari Most (Mostar).

Un día de primavera de 1987 tiven ocasión de visitar a embaixada de Iugoslavia en Madrid e falar durante un bo anaco cun membro da legación. Indo como eu ía en representación dun partido de ámbito catalán, o diplomático que me atendeu avisoume xa daquela de que calquera reacción dunha das repúblicas federadas produciría indefectiblemente unha implosión do estado federal. Porén, malia tales advertencias –que con certeza coñecerían as chancelerías europeas–, diversos estados entraron a saco para repartirse Iugoslavia, un estado unitariamente inviable unha vez caído o muro de Berlín. A saída de Eslovenia despois da declaración unilateral de independencia feita o 25 de xuño de 1991 (que provocou a chamada Guerra dos Dez Días), foi relativamente doada. A ollos de Belgrado, era un territorio etnicamente homoxéneo e ademais o Exército Popular Iugoslavo (JNA), de maioría serbia, estaba preparándose para o que daquela era o seu principal reto: a independencia de Croacia, declarada o mesmo día que a eslovena. Cómpre sinalar que, así como o proceso esloveno estaba timidamente ben visto por Washington e Bonn, a independencia croata tiña o apoio aberto da RFA e do Vaticano, fronte a Francia e unha URSS en descomposición, tradicionais aliados de Serbia.

Guerra e paz en Bosnia

Consumado o proceso –malia a guerra–, as autoridades de Belgrado conxuráronse coa minoría serbia de Bosnia-Herzegovina para conservar a unidade territorial, fronte ao cal os gobernantes de Saraxevo promoveron un referendo no que gañou a proposta independentista, e a pesar de que as forzas serbias ocuparon o 70% do territorio, a unión do Consello Croata de Defensa (da minoría bosniocroata) cos bosnios inverteu tal dominio. Naquela guerra cantonalista, onde cada minoría tiña un referente noutro territorio, ben axiña apareceu o fanatismo ultranacionalista, nunha reedición daquelas fantasmas que apareceron durante a Segunda Guerra Mundial (os chétniks serbios, os ustachas croatas, os musulmáns bosnios e croatas da SS Handschar).

Guerra e paz en Bosnia

Tratouse, entón, dunha guerra na cal a eliminación física do relixioso ou etnicamente diferente chegou acompañada da anulación das correspondentes identidades culturais: desde a matanza de Srebrenica á destrución da ponte de Móstar ou da biblioteca de Saraxevo. Unha proliferación de diversas variedades de crimes contra a humanidade por parte de todos os contendentes, con independencia da súa condición de agresores ou de vítimas.

Guerra e paz en Bosnia

Malia que nunca o confesaron, as diversas potencias que apadriñaban os bandos contendentes foron conscientes daquela de que a situación se lles escapara das mans. Para dar remate a unha desfeita para a cal non se vía solución, promoveron negociacións co compromiso de todos os axentes e co patrocinio indispensable do presidente Bill Clinton, que levaron aos acordos de Dayton, asinados en novembro de 1995 e referendados uns días despois en París polos presidentes Miloševic, Tudjman e Izetbegović.

Aquela guerra foi, certamente, a peor crise vivida en Europa desde 1945, sen máis causa que a diferencia entre nacionalismos.

decoration

Estes acordos tiveron unha continuidade na formación dun Tribunal Penal Internacional, creado pola ONU, que xulgou os crimes contra a humanidade e por violar as diversas convencións de guerra cometidos polos diversos contendentes. Impulsou ordes internacionais de busca, que foron efectivas na maioría dos casos (incluso coa colaboración de Belgrado), e que alcanzaron ao ex presidente Miloševic, ao xeneral croata Gotovina, ao comandante bosnio Ori, ao político serbocroata Hadžić ou aos serbobosnios Mladić e Karadži.ć

Aquela guerra foi, certamente, a peor crise vivida en Europa desde 1945, sen máis causa que a diferencia entre nacionalismos. Deixou un balance de 100.000 mortos, case dous millóns de desprazados, decenas de miles de mulleres violadas, 8.000 desaparecidos e centos de campos de detención arbitraria. Un balance que non levou ao escarmento: uns anos despois, e por simple interese estratéxico, os Estados Unidos e a OTAN alentaron a independencia unilateral de Kosovo, sen dubidar en apoiar a forza rebelde do UÇK (financiado pola mafia albanesa traficante en heroína) e bombardear Belgrado para forzar a aceptación serbia.

Un estado fallido

Na antiga Iugoslavia coincidían, coma non sucedía noutro estado europeo, tres confesións relixiosas distintas: católicos, ortodoxos e musulmáns. Tal condición –malia a común de ser eslavos– dividiu os diversos estados federados e axudou a constituír minorías incrustadas neles.

Unha das consecuencias dos acordos de Dayton foi a división de Bosnia-Hercegovina en dous territorios de extensión semellante, en función da identidade étnica: a propia federación de tal nome (musulmano-croata) e a República Serbia de Bosnia (o “Sprska”); o resto de minorías non tiveron recoñecemento. A organización plural dun goberno, incluída unha presidencia tripartita, salvou a paz pero comprometeu o futuro.

Bosnia-Hercegovina non funciona coma Estado de dereito, dominado pola corrupción, a pobreza e o sectarismo, unha inseguridade que incluso compromete a loita contra a Covid-19. Dos 4,4 millóns que tiña en 1991, en 2017 apenas vivían 2,7. A emigración dos mozos é constante -a taxa de paro é o 34%- cara aos países industrializados veciños.

Os dirixentes territoriais manteñen a teima secesionista, moitas veces por intoxicación externa

decoration

Os dirixentes territoriais manteñen a teima secesionista, moitas veces por intoxicación externa, o que impide unha actualización dos acordos que leven a unha maior integración democrática, circunstancia á que non axudou a intervención da OTAN nos conflitos balcánicos posteriores

Compartir el artículo

stats