Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O camiño Freixeiro Mato

Co legado dunha vida académica

"Idioma e sociedade, de Xosé Ramón Freixeiro Mato.

"Idioma e sociedade, de Xosé Ramón Freixeiro Mato.

Ao abeiro de Laiovento, a mesma editorial que recibiu as súas primeiras obras de investigación, Xosé Ramón Freixeiro Mato, catedrático da Área de Filoloxías Galega e Portuguesa na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, publica Idioma e sociedade. Sobre normalización e planificación da lingua galega, un volume de análise científica e de proposta social que ben se pode considerar o legado dunha vida académica.

Se ben é interesante a análise histórica que realiza dos diferentes enfoques teóricos, onde imos apreciar máis o valor da obra é precisamente alí onde o autor formula un conxunto de propostas, non exentas de polémica, que podemos denominar “o camiño Freixeiro Mato” para que o galego consiga un futuro digno.

Propón o noso autor o binormativismo como unha solución de urxencia para unha situación como actual. Deste xeito agruparíanse todas as persoas que están a favor do galego e mentres non se chegase a un acordo dunha norma única esta sería unha solución intermedia que permitiría aproveitar para o galego a estabilidade e prestixio da “proposta reintegracionista” e asemade manter o valor identitario e afectivo do que goza a “proposta isolacionista”.Asemade cre necesario mudar a imaxe social do galego, dunha banda, mediante o consenso político e social arredor do valor do idioma como marca esencial da nosa identidade, e doutra, mediante a consolidación dun modelo de galego liberado de españolismos. Deste xeito, para que o galego deixe de estar nunha situación de perigo e poida pasar a unha posición segura a sociedade galega debe mirar cara a Portugal e aos países da área lusófona. Un achegamento que se pode concretar de dúas maneiras: dunha parte, mediante a aprendizaxe de linguas a partir do galego(-portugués) como idioma básico. Debe haber unha aposta decidida polo portugués introducíndoo tanto nas clases de galego para estudar as diferenzas e converténdoo en materia obrigatoria.Por outro lado, debe perfeccionarse o modelo de lingua mediante o fortalecemento das estruturas morfosintácticas propias e tamén coa renovación lexical co portugués como modelo.

Aposta tamén Freixeiro pola presenza no currículo educativo dun espazo reservado para o coñecemento pasivo das linguas romances máis próximas (sesquilingüismo), que xunta o coñecemento do castelán e dunha lingua estranxeira como o inglés conformarían unha competencia lingüística para a poboación galega do futuro máis que suficiente. Para o autor, finalmente, a única maneira de que o galego teña un futuro digno é cun goberno de forzas políticas propias co seu centro de decisión no país e a axuda do portugués.

Freixeiro Mato, con este ensaio de análise e propostas de futuro, ponlle deste xeito o ramo á súa ampla traxectoria de vida académica.

FREIXEIRO MATO, X.R., Idioma e sociedade, Ed. Laiovento, Santiago, 2020, PVP. 23, 70 €

Compartir el artículo

stats