Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Malograda iniciativa

Unha edición pouco rigorosa

Malograda iniciativa

Pablo Nogueira publica a que vén ser a súa primeira novela. Xa coñecido por outras incursións literarias, presenta un texto artellado en dous desenvolvementos discursivos no que aparecen os personaxes de Alfredo e Balbina intercalado o seu protagonismo en sucesivos capítulos co obxectivo evidente de facelos confluír. Cada un deles experimenta unha vivencia negativa no contexto da Guerra Civil. Ela, mestra que é detida por defender o emprego da lingua galega nas aulas; el por negárselle a oportunidade de interpretar música jazz. A isto úneselle a figura dun alto cargo nazi que se serve de Balbina para aproveitarse da explotación de wolframio, desviando parte deste mineral para o seu lucro ilícito. En todo caso, dúas vidas paralelas que, nun principio, non dan atopado un punto de unión no decorrer da historia.

Vistos os elementos cos que se presenta a proposta de Nogueira, cabería pensar nun texto interesante, entretido e mesmo axeitado para maior aproveitamento dos coñecementos históricos adquiridos para o potencial lector; mais, en verdade, queda na intención. Unha non mala idea cunha praxe obxectivamente á que lle falta algo. O problema non é a estrutura nin a historia, nin as posibilidades que delas puideran xurdir. O problema é a escrita. Excesiva en adxectivación e subordinación. A novela non posúe o ritmo prosístico axeitado. Se a iso lle engadimos unha manchea de erros ortográficos e gramaticais, acompañados dunha puntuación que obriga a repasar en moitas ocasións que é o que quere dicir o autor, chegamos á conclusión de que hai unha falta de atención por parte do editor.

Hai boa intención por parte de Nogueira, mais pensamos que a próxima vez, antes de expoñer ao público un texto, tome con máis vagar o proceso creativo. Dá coraxe comprobar que o que é unha boa idea, unha boa iniciativa, se malogre con erros perfectamente identificables no proceso de edición. Erros, polo tanto subsanables. É inxusto porque se percibe un autor que no futuro podería darnos ben boas alegrías. Se ben é certo que hai cuestións que escapan ao editor (penso nese ritmo e estilo aínda por puír), tamén é certo que, desta situación na que sae público un texto con moi pouca atención previa ao momento de impresión, debemos reflexionar nos procesos de edición. As edicións rigorosas marcan moitas diferenzas.

NOGUEIRA, Pablo, Música para os días de inverno, Laiovento, Santiago, 2020, PVP. 14,96 €

Malograda iniciativa

Malograda iniciativa

Compartir el artículo

stats