Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Illas literarias

Territorios para o fascinio

Fotograma de A illa do tesouro (1990, Frasen Clarke Heston).

Johnatan Swift (1667-1745)

Jules Verne (1828-1905)

H.G. Wells (1866-1946).

Poucos espazos teñen alimentado tanto a fascinación literaria como as illas. Territorios fronteirizos entre o real e o fantástico, as insuas son lugares idóneos para recrear universos a escala coas súas propias regras, ben diferentes da vida continental. Iso explica que as illas teñan sido de sempre a natural paraxe de utopías, paraísos, infernos, arredadas e misteriosas civilizacións, agocho de tesouros e maxias e, xaora, reino natural da aventura e berce de mitos.

Dende os comezos da literatura occidental as illas foron localizacións nas que os heroes se viron obrigados a superarse a si mesmos. Velaí a Odisea de Homero, con Ulises viaxando para regresar a Ítaca, o símbolo do amor e a volta á harmonía das orixes, á que só chegará logo de atravesar con gran risco a illa da ninfa Calipso e mais a da maga Circe, e aínda a illa dos lotófagos, a dos cíclopes e a dos enormes lestrigóns.

Aventuras odiseicas que, dando un salto no tempo, volverán aparecer na alegoría social de Swift en As viaxes de Gulliver, coa portentosa illa flotante de Laputa; e tamén na celebración da capacidade de superación do ser humano do Robinson Crusoe de Dafoe e, xa en clave máis trepidante e chea de fazañas, en A illa do tesouro de Stevenson, piratería de cofres soterrados, vinganzas e persecucións.E andanzas valentes e peripecias curiosas viven tamén os cinco náufragos de A illa misteriosa de Verne, que son quen non só de sobrevivir nun territorio inhóspito, senón tamén de, nun alarde tecnolóxico, forxar aceiro, preparar nitroglicerina, fabricar abono químico, fundir vidro e cultivar trigo.

A adrenalina dos soños e da aventura está na base igualmente do Peter Pan de Barrie e os intrépidos rapaces que habitan a illa do País de Nunca Xamais. Tamén si a insula de Mompracem, refuxio do gran Sandokan, o Tigre de Malasia, terror dos mariñeiros ingleses, inmortalizado por Emilio Salgari. Porén, xa non unicamente aos eidos da aventura, senón tamén aos do fantástico, mistérico, mítico e lendario pertencen os relatos que refiren a suposta historia da Atlántida, a illa da civilización dos Atlantes que se perdeu para sempre afundida por un maremoto e que amenta no Timeo e no Critias o mesmísimo Platón.

E, xa na tradición cristiá, outro tanto podería dicirse da insólita singradura do monxe irlandés San Brandán na súa viaxe á procura da Terra Prometida dos Santos que pon por escrito a Navigatio sancti Brandani, onde se relata como cos monxes que o acompañaban celebraron misa de Resurrección no lombo dunha balea que tomaron por illa errante.E que dicir da feérica Avalon? A insua na que as fadas, con Morgana á cabeza, coidan do Rei Artur, ferido tras a última batalla contra Mordred, espazo hipnótico que se fantasiou atopar ao longo dos séculos dende Glastonbury ata Cumberland, pasando mesmo por Mallorca, se cremos a Robert Graves.

Mais as illas non só serviron de escenario a este tipo de codificacións literarias, senón que en moitas ocasións foron os territorios nos que os escritores de ficción e os ensaístas situaron reinos, repúblicas, cidades ou pequenos mundos nos que polarizaron —en sentido positivo ou negativo, segundo os casos— ordes sociais autónomos.

Estados ideais fundados sobre insuas sono A cidade do Sol, de Tomasso Campanella; Utopía, de Tomás Moro; e A Nova Atlántida, de Francis Bacon. As dúas primeiras son modelos de goberno político igualitario e xusto, en sociedades rexidas pola liberdade, a sabedoría e o amor.

Da súa parte, a obra de Bacon engadiu ao anterior a fe no coñecemento e na tecnoloxía como fonte de progreso, sementando o xermolo das distopías literarias que se farían logo tan comúns.Estes paradigmas do bo e xusto goberno tiveron unha revisión paródica na Ínsula Barataria, gobernada por Sancho Panza, a través da cal Miguel de Cervantes desprega toda unha farsa burlesca que pon en dúbida a viabilidade destas illas idealistas.

Ao pé do inferno

No extremo oposto a estas modélicas sociedades insulares están os relatos que presentan auténticas illas infernais, pois, como deixou escrito Judith Schalansky no seu Atlas das illas remotas, o Paraíso é unha illa, pero o Inferno tamén o é.Pénsese, poño por caso, na illa de Calibán na que acontecen os feitos de A tempestade de Shakespeare, chea de individuos salvaxes e maxias destrutivas. Pero, sobre todo, lémbrense títulos como A illa do doutor Moreau de Wells, na que o científico tolo do mesmo nome se dedica a operar a animais para convertelos en homes-besta, creando seres horrendos a partir da hibridación de humanos e porcos ou monos.

Non menos inquietante é A invención de Morel de Adolfo Bioy Casares, na que un escritor exiliado por motivos políticos a unha illa observa que está habitada por uns humanos que se comportan de modo moi estraño, ata que descobre que son unha sorte de espectros creados por un tal Morel, un científico tolo que inventou unha máquina capaz de reproducir a realidade e facer que nela habiten eses seres baleirados de vida auténtica.

Rematarei cun último exemplo de insua pasto da violencia e a crueldade: O señor das moscas de Golding, relato sobre as experiencias dunha trintena de rapaces que sobreviven a un accidente aéreo nunha illa do Pacífico. Os pequenos tentan organizarse para sobrevivir e coidar uns dos outros, pero non tardan en aparecer os abusos dos máis fortes sobre os máis febles e todo acaba nunha explosión de violencia, caos e terror.

Compartir el artículo

stats