Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entre os Andes e o Pacífico

Narradoras chilenas dos séculos XX-XXI

Fotograma de La casa de los espíritus (1993).

Nona Fernández

Nona Fernández

María  José Ferrada

María José Ferrada

 Isabel Allende.

Isabel Allende.

Dúas grandes figuras situaron Chile no escolleito mapa da literatura universal. A primeira, Gabriela Mistral, pseudónimo de Lucila Godoy Alcayaga, iniciou os camiños do posmodernismo e, moza aínda, acadou sona cos seus Poemas de la muerte (1914) nos Xogos Florais de Santiago de Chile. O segundo, Pablo Neruda, pseudónimo de Neftalí Ricardo Eliecer Reyes Basoalto, que foi levado á literatura cando adolescente pola directora do Liceo de Temuco (a vila onde ambos vivían), e que non era outra senón a propia Gabriela Mistral. Pseudónimos aparte, os dous conseguiron –en 1945 e 1971, respectivamente– o Premio Nobel de Literatura. Veinte poemas de amor y una canción desesperada (1924) consagrou, na primeira mocidade, a Neruda como poeta lírico.

Estes e outros moitos nomes –Nicanor Parra, entre eles – fixeron da chilena unha literatura de poetas. Mentres, a narrativa -que xorde no XVIII- tivo que agardar ao seguinte século para adquirir algún relevo. Así, Rosario Rego de Uribe, situada na corrente do realismo e autora de Alberto el jugador (1860), está considerada a primeira novelista do país. Porén, a difusión da prosa ficcional chega ao cumio con Isabel Allende (La casa de los espíritus, (1982), Cuentos de Eva Luna, (1990), etc), quen chegou a vender sesenta millóns de exemplares das súas novelas.

Para establecermos unha mínima panorámica desta narrativa nos séculos XX e XXI, cómpre falar do extraordinario crecemento, cuantitativo e cualitativo, dos últimos cincuenta anos (1970 – 2020): feito debido ao activo pulo do feminismo, á posta no foco dos problemas da muller e ao nacemento dun grupo de narradoras de boa formación literaria, con procedencia universitaria e cultivadoras dunha narrativa abertamente innovadora que transparenta unha sensibilidade nada convencional, fortemente crítica e dotada dun rupturismo desafiante. Numerosos premios (Altazor, Pablo Neruda, Lygia Fagundes, Nacional de Literatura, Fondart); diversos obradoiros da escrita; algunhas editoriais (Cuarto propio, Mosquito, Huelén, Documentas, Asterión, Ayún, Ergo Sum) que practican a discriminación positiva das narradoras; igualmente, un importante número de revistas (La Pollera, El Grito, El Mostrador, Letras libres, Qué pasa) e mais a presenza dunha vida literaria plural e activa conforman os factores que inflúen positivamente no crecemento desta narrativa na que a muller leva anos no epicentro como autora, protagonista da ficción, crítica e ata editora.

En fin, o pulo do feminismo en Chile -e en toda Hispanoamérica- débelle moito a Marcela Serrano, quen xa enfatizou o protagonismo da muller e mais a súa defensa dende exitosos títulos como Nosotras que nos queremos tanto (1991) ou El albergue de las mujeres tristes (1998).

Nos actuais mundos de ficción, a crónica da terrible confrontación civil provocada polo golpe de estado de Augusto Pinochet nos anos 70, foi perdendo interese. Aínda así, resoa en Mapocho (2002), magnífica e cobizosa novela de percorrido histórico sobre o país a través do diálogo co tráxico río dos mortos, o río Mapocho, que atravesa Santiago. Posterioresentregas como Chilean Electric (2015) ou La dimensión desconocida (2016) fan da súa autora, Nona Fernández, unha notable revelación. Idéntica temática é a tratada por Alia Trabucco Zerán na súa memoria da ditadura e do exilio que advertimos en La resta (2015). Feminismo e política conforman asemade o asunto de Julieta Kirkwod en Chilenas e outros títulos.

Pequena guía

Se respectamos a cronoloxía, a nosa pequena guía debe comezar por nomes como os de Marta Brunet, á que se atribúe o nacemento da literatura feminina en Chile. Con Montaña adentro (1923) tivo unha estrea novelística memorable nas liñas do crioulismo, o ruralismo e a expresividade rexa e cinxida. A súa obra contou co apoio de Alone (Hernán Díaz Arrieta), o mellor crítico literario de Chile. Moi distinta, e hoxe tamén reivindicada, vén resultar María Luisa Bombal, autora dunha obra moi curta- La última niebla, (1935); La amortajada, (1938)- que indaga no onírico e irracional, afastando a novela chilena do realismo. Posteriores son Elizabet Subercaseaux, que en Asesinato en la Moneda funda o policíaco co trasfondo político; Teresa Calderón, da que sobresaen os relatos de Vidas perras, (2000) e a novela Amiga mía (2003); Lilian Elphic, autora dunha ampla producción contística en libros como Cuento aparte (1986), ou Cuentos 2000 (2001); Pía Barros, relevante tamén coma contista en títulos como Ropa usada (2000) ou Las tristes, (2015) e Marcela Paz, gran figura do conto infantil.

Hoxe, en primeira posición narrativa figuran Carla Guelfenbein, (Contigo en la distancia, 2015); Lina Meruane, ( Sangre en el ojo, 2012); Diamela Eltit,(Jamás el fuego nunca, 2007); Alejandra Costamagna, (Animales domésticos, 2011); Claudia Apablaza, (Goo y el amor, 2012); Constanza Ternicier, (La trayectoria de los aviones en el aire, 2016)e María José Vieira Gallo, (Verano robado, 2006). Xunto á xa citada Nona Fernández, as mellores gabanzas da crítica van para a novel María José Ferrada por Kramp (2017) e La tristeza de las cosas (2017).

Compartir el artículo

stats