Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

500 anos da Asemblea de Melide

Da recuperación do voto de Galicia en Cortes

A Asemblea de Melide, celebrada naquela vila o 4 de decembro de 1520, nunha recreación da autoría do ilustrador Alberto Taracido.

A Asemblea de Melide, celebrada naquela vila o 4 de decembro de 1520, nunha recreación da autoría do ilustrador Alberto Taracido.

Os feitos históricos raramente se producen porque si. Case sempre hai unhas razóns que conducen a que en determinado intre se produza un feito, as consecuencias do cal obviamente non sempre son previsibles. Máis aínda cando a construción cotiá da Historia depende de instancias alleas sobre as cales non sempre se pode ter influencia.

Foi o que sucedeu en Galicia –moito máis tal vez que nas outras terras do reino de Castela-León- cando a casa de Austria, con Felipe I de Borgoña e o seu fillo Carlos, sucederon á dinastía dos Trastámara. Con eles produciuse un cambio de orientación da coroa cara a Europa que compensaba (e aproveitaba) a orientación atlántica de Castela. Carlos de Austria herdara da súa nai un formidable imperio colonial en América, do seu avó Fernando a Coroa de Aragón e as terras do sur de Italia, e do seu pai os dominios da casa de Borgoña. O seu avó Maximiliano xa preveu que Carlos o sucedese na coroa do Sacro Imperio e para iso subornou a un número suficiente de príncipes electores coa axuda de diversos banqueiros alemáns.

Morto o emperador en xaneiro de 1519, no maio seguinte Carlos foi elixido coma sucesor en Francfort do Meno

Morto o emperador en xaneiro de 1519, no maio seguinte Carlos foi elixido coma sucesor en Francfort do Meno. Despois de xurar coma rei de Castela en 1518, nos meses seguintes presentárase en Zaragoza e en Barcelona para que as Cortes aragonesas e catalás o proclamasen rei. Cando coñeceu a súa elección imperial, tivo que pospoñer a súa visita a Valencia e marchou a Alemaña para a súa coroación.

Como ía embarcar n’A Coruña, convocou as cortes castelás en Compostela, feito que lle permitía –aproveitando a escusa da viaxe- afastar os procuradores do seu territorio. Ante a evidencia –e non unha simple sospeita- de que para Carlos o imperio sería prioritario verbo das terras hispánicas, houbo diversas revoltas polo reino adiante. Efectivamente, o monarca apelou a un aumento de impostos que pagarían as cidades con voto en cortes para cubrir os gastos da súa elección imperial.

Tal circunstancia provocou a oposición castelá que levou á guerra das Comunidades, que coincidiu co conflito das Germanies valencianas, malia o cal o rei marchou a Alemaña, deixando coma rexente a Adriano de Utrecht. Naquela situación, e malia que en Galicia tamén houbo revoltas nalgunhas cidades, os principais estamentos galegos quixeron aproveitar a situación para presentar ao monarca diversas reivindicacións.

Con Rodrigo Osorio, conde Lemos; Fernando de Andrade, conde Vilalba; e Alonso de Fonseca III, arcebispo de Compostela, a cabeza, convocouse unha xuntanza en Melide para decembro de 1520. Houbo vinte e cinco asistentes, entre eles -amais dos convocantes- os condes de Altamira e de Monterrei, o marqués de Astorga e apoderados do bispo de Lugo e de Beatriz de Castro, sucesora do seu pai o conde de Lemos.

Entre os motivos que xustificaban a xuntanza estaban a defensa das costas, o comercio con América e Asia e a oposición á reforma monástica que podía eliminar pequenos mosteiros. Os asembleístas aprobaron dezaseis capitulacións, entre as cales cómpre salientar a recuperación do voto en cortes das sete cidades galegas e a solicitude de establecer na Coruña unha capitanía xeral e unha casa de contratación para comerciar coas terras das especias; a cambio, os estamentos galegos lle aseguraban fidelidade fronte á revolta castelá dos comuneiros. As dezaséis capitulacións foron enviadas ao emperador, que daquela aínda estaba en Alemaña pero a petición non obtivo ningún éxito.

Con independencia de tal fracaso, a asemblea de Melide supuxo, por unha parte, o primeiro intento por parte do Reino de Galicia de adoptar uns acordos colectivos fronte á coroa; por outra, algunhas das capitulacións facían evidente a vontade de adaptarse aos novos tempos tanto en asuntos de comercio como de defensa. Pero cos Austrias chegaba unha nova maneira de gobernar, a imperial, non só pola condición formal de ser Carlos V o emperador de romanos, como pola propio visión que deu ao conxunto de territorios que a coroa hispánica dominaba. Coroa e cruz eran a mesma empresa e estaban centradas na mesma persoa.

Na cerna

A elección de Melide para celebrar a asemblea dos estamentos galegos convocada para decembro de 1520 non sería casual. Esta vila medrou coa ruta xacobea e ficou sen dependencias episcopal ou feudal directas, o que lle garantía unha considerable autonomía política e económica. Tal circunstancia e a súa privilexiada situación central nas terras galegas, xa favoreceran unha xuntanza en 1467 que daría lugar ao bienio de dominio irmandiño, o primeiro antecedente para algúns do que séculos despois foi a Xunta de Galicia, formada contra a invasión francesa.

Non sabemos con certeza onde tivo lugar a asemblea de 1520 aínda que o máis probable é que se celebrase no convento de San Francisco ou na igrexa parroquial de San Pedro, actualmente desaparecida. En calquera caso, Melide ficou para sempre como berce das reivindicacións galegas, tanto das de aqueles que as defendían desde a base social como daqueles outros que o fixeron desde o poder.

En calquera caso, Melide ficou para sempre como berce das reivindicacións galegas

Os que se reuniron en 1520 –máis alá dos intereses estamentais que puidesen defender- querían que Galicia no seu conxunto tivese unha interlocución fronte á coroa, recuperando a dimensión do antigo reino, perdida nas sucesivas centralizacións impostas polas coroas leonesas e castelás. Unha recuperación que só comezou a ser posible coa Ilustración.

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats