Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un século de Nós

Das luces (e das sombras) dun proxecto singular

Florentino Cuevillas, R. Otero Pedrayo, Afonso R. Castelao e Vicente Risco: catro nomes senlleiros no ronsel da revista Nós

Cen anos dan unha perspectiva máis que suficiente para poder facer un balance. E se o facemos coa revista Nós, nel temos que incluír non só as luces senón tamén as sombras, cousa que non ten por que provocar unha negación do proxecto. Un proxecto sobrevivinte ao cabo durante quince anos malia as adversidades: as propias da situación do país e as provocadas pola inestabilidade política e social (ditadura de Primo de Rivera, cambio de réxime, indecisións no seo do galeguismo...). Unha traxectoria que non podemos adiviñar como tería continuado de non ser pola freada en seco que supuxo a sublevación militar de xullo de 1936 pero que podemos sospeitar coma agonizante.

Dúas circunstancias cómpre deixar sentadas, con independencia do xuízo que nos mereza a publicación aparecida en Ourense no outono de 1920: a inquebrantable vontade de Vicente Risco para que fose e seguise a ser unha realidade, e a apertura a outras culturas que enriquecesen o panorama galego, empregando a lingua propia do país. Neste senso, cabe sinalar a calidade das persoas que actuaron de antenas desde fóra de Galicia para fornecer de contidos a Nós. Así, desde Cataluña xorden os nomes de Tomàs Garcés e Joan Estelrich. Desde Francia, temos que salientar a Philéas Lebesgue e Valéry Larbaud –por mediación de Estelrich-, malia que o seu nome apenas aparecese na revista. Foi o responsable de que Ramón Otero Pedrayo tivese un exemplar do Ulises de Joyce, novela da cal puxo uns fragmentos en galego (con maior ou menor fortuna); tamén de que Risco puidese dar noticia da literatura irlandesa do momento grazas a fusilar o ensaio da xornalista Simone Téry L’île des bards, que Larbaud enviara a Otero Pedrayo.

Florentino Cuevillas, R. Otero Pedrayo, Afonso R. Castelao e Vicente Risco

Florentino Cuevillas, R. Otero Pedrayo, Afonso R. Castelao e Vicente Risco

Pero Vicente Risco –cuxo achegamento ás vangardas nunca pasou de mimetismo- non sempre soubo atopar a modernidade cando a tivo perante os seus ollos. Sucedeulle en 1927 cando chegou a Ourense –enviado por Estelrich- un exemplar da revista catalá L’Amic de les Arts cun traballo, entre outros, de Salvador Dalí e as súas propostas estéticas.

Cando agora todo serán parabéns polos cen anos de Nós, comezando polos oficiais, cómpre non esquecer as dificultades que tivo para levar unha vida xa non digo normalizada senón minimamente de supervivencia. Velaí as cartas de Risco a Losada Diéguez que amosaban os atrancos financeiros da revista ou o desinterese evidente de Otero Pedrayo: Nós foi Risco por moito tempo. Mais deixada clara tal circunstancia, temos que procurar as razóns que o levaron a dar pulo á revista. Teño a certeza que despois da experiencia de La Centuria, Risco procurou unha ferramenta coa que poder influír sen a carga política de A Nosa Terra –malia que colaborase nela-, nas mans do grupo coruñés das Irmandades da Fala. Risco quería un instrumento de pretendida alta cultura que reflectise os devezos dunha elite intelectual chamada –segundo o seu pensamento- a dirixir o país. Individualista (dogmático) e antigregario como era, nunca pretendeu facer unha publicación de tipo popular, de fácil acceso ás clases medias ilustradas -xa non digamos popularista na liña do que fora O Tío Marcos da Portela-: unha revista cuxa produción se lle escapou das mans ben axiña, cando pasou a ser administrada fóra de Ourense, por máis que conservase a dirección. Unha traxectoria marcada pola censura dos anos da ditadura que apenas foi capaz de remontar cando o galeguismo político callou en partido en 1931, momento a partir do cal as antenas exteriores quedaron limitadas a uns bretóns case esotéricos e algunhas publicacións do ámbito lingüístico catalán de orde menor.

Unha revista, en fin, que, a pesar de tratarse dunha empresa colectiva, foi posta ao servizo das intencións e aspiracións persoais do seu promotor. Especialmente en datas tan sinaladas como eran os 25 de xullo. Así, cando en 1923 Risco publicou –sen asinar- “A estrela do Apóstolo” (capítulo do seu manuscrito para unha orde secreta) ou cando en xullo de 1933 deu publicidade ao seu testamento intelectual, “Nós, os inadaptados”, co que remataba a súa vinculación co galeguismo.

  • Castelao, deseñador de Nós

    No 99º aniversario da revista

Compartir el artículo

stats