Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O home que sabía de cine

A semente de Alfred Hitchcock

Kristin Scott Thomas e Lily James en Rebeca (2020).

Na célebre entrevista entre Alfred Hitchcock e François Truffaut, O cine segundo Hitchcock, o director británico comentaba ao cineasta francés o seu punto de vista sobre as dúas versións do filme The Man Who Knew Too Much (1934, 1956) —estreadas en España co título de El hombre que sabía demasiado—, no que afirmaba que a primeira versión foi feita por un afeccionado con talento, e a segunda, por un profesional. Ata esa conclusión chegou Hitchcock despois de manifestar, no anterior parágrafo do libro, que para un artista é preciso aprender a “simplificar”, porque deste xeito pode concentrarse nas preocupacións precisas e deixar de lado as abstraccións banais. Coa versión americana de 1956, o mestre do suspense gozou dunha oportunidade inusitada na industria cinematográfica: poder corrixir nunha segunda versión os erros da primeira, poñendo en práctica ese proceso de simplificación.

Porén, semella que o habitual nos incontables remakes filmados ao longo da historia do cinema é un proceso inverso: co fin de engadir un elemento distintivo respecto da obra orixinal, o director que “versionea” adoita avogar por facerse a si mesmo visible a través de marcas autorais, manifestadas a partir dun barroquismo narrativo ou formal non sempre pertinentes. Algo así debeu pensar Gus Van Sant cando en 1998 tomou a arriscada decisión de rodar unha nova versión de Psicose (1960). Como un exercicio experimental, Van Sant rodou a súa interpretación do filme de terror emulando plano a plano a película de Hitchcock. Semellante ousadía foi desacredita pola crítica e preterida polo público, pero o experimento valeu para demostrar, empiricamente, que cada obra é filla do seu tempo, e as virtudes de transgresión, innovación e impacto emocional aclamadas a principios dos anos 60 acaban por minguar noutras coordenadas.

En cambio, outras versións emanadas da filmografía de Alfred Hitchcock non buscaron unha analoxía tan estrita respecto do seu referente orixinal, como é o caso de A ventá indiscreta (1954), dirixida en 1998 para televisión por Jeff Bleckner, e na que Christopher Reeve encarnaba o personaxe interpretado anteriormente por James Stewart, no seu primeiro papel despois do fatídico accidente que o prostrou nunha cadeira de rodas para o resto da súa vida.

Moito máis libre é a versión que da mesma película realizou en 2007 D. J. Caruso, Disturbia, cunha formulación semellante, pero con notables variacións de guión. Tamén en 1998, Andrew Davis, cun reparto de considerable peso —Michael Douglas, Gwyneth Paltrow e Viggo Mortensen—, filmou A Perfect Murder (en español, Un crimen perfecto), baseada na trama da película protagonizada en 1954 por Grace Kelly, Dial M for Murder. Antes diso, o británico Don Sharp filmou en 1979 unha nova versión de The 39 Steps (en español, 39 escalones, 1935), pero, aínda que o filme rende homenaxe a unha secuencia de North by Northwest ( en España, Con la muerte en los talones, 1955), Sharp non parte tanto do guión de Charles Bennet como da novela escrita por John Buchan.

Así e todo, a influencia máis enriquecedora de Alfred Hitchcock na arte cinematográfica vai moito más alá dos remakes que outros cineastas fixeron das súas películas. O seu modo de entender o cine irradiou, formal e semanticamente, novas formas de expresión dentro da narrativa audiovisual. Xa que logo, a construción da suspense, a montaxe acelerada, os planos longos, a música de terror, os primeiros planos de obxectos chave, o punto de vista subxectivo, os silencios..., son estilemas que hoxe en día, en producións actuais, semellan ollar de esguello a obra do xenio nado en Londres.

Rebeca Remake

Descoñecemos a razón que pode levar a un autor a realizar un remake; por homenaxe, por actualización dunha trama, por visión empresarial ou por falta de ideas propias, o certo é que este tipo de adaptacións conta cunha dobre cara: publicitariamente parte con vantaxe pola popularidade da obra orixinal, pero desde o punto de vista da crítica estará exposto a unha comparación na que adoita saír prexudicada.

O último intento, todo un clásico dun dos cineastas máis aclamados: Rebeca, o primeiro filme americano de Alfred Hitchcock, estreada en 1940 a partir da novela de Daphne du Mairier. Desta vez, o encargado do remake é Ben Wheatley, nun proxecto na que participa unha importante plataforma audiovisual. Nesta nova versión, os actores Lily James e Armie Hammer substitúen a Joan Fontaine e Laurence Olivier, mentres que o papel de ama de chaves está interpretado por Kristin Scott Thomas, probablemente o elemento máis satisfactorio deste filme, na pel da mítica Judith Anderson. O cuarto protagonista da trama é Manderley, a mansión repleta de obxectos e mobiliario dun pasado que atafega a conciencia de Max de Winter, o personaxe central da trama. De igual xeito, a versión de Ben Wheatley é incapaz de soltar o lastre do seu pasado, o filme de 1940. Se a sombra de Rebeca segue a deambular por Manderley, a de Hitchcock faino por toda a sétima arte.

Alfred Hitchcock (1899-1980)

Cary Grant nun cartel de Coa morte nos talóns (1955).

Compartir el artículo

stats