Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vestindo as épocas

A moda contemplada desde nós

Detalle dun kimono

O Museo de Belas Artes de A Coruña dedica unha mostra a todos os grandes nomes da historia da moda. Baixo o título de Vestir Épocas 1860-1960, exhíbense por primeira vez en Galicia cen anos de moda. A mostra ocupa a totalidade do museo, amosando unhas trecentas cincuenta pezas. Comparte a mostrra, deste xeito, o espazo coa colección permanente asemade que ocupa o conxunto de salas temporais. Polo demais, Vestir Épocas propón unha excepcional aproximación á moda como forma de manifestación cultural e creación artística, e pon a énfase nas mulleres que levaron as modas, nos homes que levaron eses traxes, nos nenos que foron vestidos como se fosen adultos e aínda nas noivas que soñaron con traxes de princesas ou os viúvos que abrazaron o negro como rigor absoluto.

E repara tamén a mostra no corpo e no espido, na roupa de corpo e nas estruturas e armazóns que se empregaron na historia para estreitar, prolongar, deformar ou liberar os corpos tanto das mulleres como dos homes. Chisterias, paneiras, ombreiros, saias, faixas, xoias, tacóns, plumas, cunchas, peles de pelo, coiros... foron empregados -e son empregados- para crearen artificio nos corpos e acercalos aos cambiantes canons de beleza que non conforman unha beleza, se non moitas. E a mostra mira asemade, como non podía ser doutro xeito, as pequenas mans que coseron e bordaron, os xastres que cortaron, as mulleres e homes que traballan na confección e ollan cara ás modas das grandes capitais, nun século difuso que procuraba para Galicia e España un espello onde reflectir unha realidade estética alén do océano Atlántico. As modas que se expoñen están todas relacionadas con Galicia, feitas ou vendidas ou lucidas, na terra.

Outra peculiaridade desta exposición é que recolle o tesouro cultural que agocha unha soa colección de moda pertencente a unha dona galega. Ana González-Moro, quen leva toda a vida arquivando e coidando as roupas da súa familia e do seu círculo de coñecidos, de xeito que pasadas varias décadas ten inventariados varios millares de obxectos. Aínda que a encomenda de custodiar un patrimonio cultural e artístico de tal importancia é notable, a ela con frecuencia lle daban os achegados traxes e obxectos baixo o leitmotiv de “toma Anita, para ti que che gustan estas cousas”.Agora, a Xunta de Galicia deu en apoiar este monumental proxecto cultural e transformalo nunha magna exposición para que todo o mundo poida lecer con este gran object d´art. Como queira que, dende este xornal, levamos varios lustros escribindo e falando de moda e arte e cultura, máis como ensaio de firma que redacción de noticias, podemos afirmar a satisfacción de quen de cotío asina estas liñas de moda ao ter recibido a encomenda, xunto ao doutor arquitecto Fernando Agrasar Quiroga, de comisariar esa mostra: un fascinante proxecto que completa as reflexións que dende a investigación e docencia universitaria e dende esta tribuna xornalística facemos sobre moda e arte.

Cando se outorga reflexión e respaldo intelectual ás actividades socioculturais da nosa sociedade contemporánea, mellórase a percepción de fitos e feitos cotiás. No caso da moda, que é un sector económico estratéxico en Galicia, resulta doado atribuírlle bagaxe cultural e afondar nese espazo de industria e arte e cultura e comercio. Así pois, o espírito dos grandes modistos deses cen anos de moda, Worth, Poiret, Chanel, Schiap, Mainbocher, Dior, Balenciaga está presente entre nós por medio das creacións e as interpretacións que deles facía a sociedade galega da época.

Sombreiro

Traxe de fins do XIX.

Filosofía e moda

Unha breve historia da moda dos nosos días -é dicir, a moda tal e como a coñecemos hoxe- indúcenos a pensar nunha materia urbana, absoluta e global. Ou por expresalo doutro modo, a moda logo do poeta Charles Baudelaire cos seus Tableaux Parisiens e despois do filósofo de Walter Benjamin e o seu Libro das Pasaxes, vén situarnos fronte a unha manifestación cultural relacionada coa cidade, con ver e ser visto, con paixóns furtivas e con mercadorías na era da reprodución industrial: algo que tamén acontece coa moda semiótica logo da herdanza da ecuación fashion do semiólogo Roland Barthes no seu Le système de la mode . E, cómo non, a moda ansiosa e vacua descrita polo sociólogo Gilles Lipovetsk no seu L´esthétisation du monde, prefigurando unha forma de comunicació con gran capacidade para as aseveracións rotundas en frases breves ou imaxes unívoca

A moda nos nosos días interesa a todos, mesmo aos que din que non lle interesa, pois todos se visten e todos precisan dela. E cando chega aos museos, transcende toda previsión de asistencias, pois supera en número de visitantes mesmo ás exposicións de pintores franceses impresionistas ou de exposicións dedicadas ap Exipto dos faraóns que frecuentaban os primeiros postos de atención da prensa e da audiencia.Así, dende que o fotógrafo Cecil Beaton celebrara a exposici4n Fashion: an anthology, no museo Victoria&Albert de Londres, no ano 1971, foise crear unha nova paradigma por levar a moda dos seus contemporáneos ás inmaculadas salas do museo. Pois naqueles días ningún obxecto que non tivera máis de cincuenta anos de antigüidade era consentido nas salas de exposición. Tivo Beaton qie convencer a directores e conservadores, creadores e clientas, para poñer en pé esa mostra, pois ninguén cría na moda dos seus días como materia cultural.

Se ben que é coñecido o personaxe do Dr. Higgins como o gran Pigmalión da comedia My Fair Lady , cuxo vestiario e decorado fora creado polo propio Beaton no ano 1964, pódese aseverar, mutatis mutandis, que o propio Beaton devén un Pigmalión a inventar unha nova forma de arte con esa mostra, toda vez que transforma unha forma de expresión creativa asociada a algo secundario, efémero e fútil e, asemade, a algo principal, perenne e de grande afondamento estético, filosófico e sociolóxico. Deses logros alimentámonos aínda hoxe en día, pregarias atendidas.

Compartir el artículo

stats