Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A repartición do Edén

Aventuras e compromiso

A repartición do Edén

A repartición do Edén

Volve aos escaparates de novidades das librarías, Antón Riveiro Coello coa obra O paraíso dos inocentes, un texto polo recibiu ex aequo o Premio Torrente Ballester 2019 da Deputación da Coruña, un dos dous grandes galardóns literarios que hai actualmente en Galicia. Poderiamos dicir deste autor que é o "home tranquilo" do noso sistema literario, libro a libro, con xa máis dunha vintena de títulos en solitario de narrativa, poesía e ensaio, transporta sobre os seus ombreiros o mérito de ter numerosos premios na súa traxectoria e, sobre todo, un lectorado fiel gañado a pulso, no cal me inclúo.

O 22 de marzo de 2016 prodúcense tres explosións en Bruxelas que poñen Bélxica e o mundo en alerta máxima. A partir deste feito o autor constrúe o universo ficcional a través de tres tramas que á súa vez forman un triángulo xeográfico entre Alepo, Bruxelas e Arteixo (Galicia). O libro achega dous mapas, un de Siria e outro do mar Exeo para ilustrar a lectura, e eu convido a quen se achegue a estas páxina a facer unha lectura enriquecida a través do Google Maps e ir seguíndolles os pasos ás personaxes a través tamén das imaxes.

Textualmente a obra divídese en tres grandes partes constituídas por pequenos capítulos onde baixo o título se nos indican ou as personaxes que participan ou o lugar no que nos atopamos, un mundo globalizado no que diferentes universos culturais acaban por se mesturar baixo un mesmo teito.Aínda tratándose dunha novela coral, Coello non perde a oportunidade de crear unhas personaxes-símbolo, así Isam representa a vergoña e a fuxida, Amira, a resistencia, Amal, o martirio, Tristán, a solidariedade e Nasser, a necesidade. Chegamos a coñecer fondamente cada unha destas personaxes envoltas nunhas circunstancias adversas.

O paraíso dos inocentes é, sobre todo, unha novela de aventuras moderna que nos arrastra rapidamente a través das páxinas mediante unha lectura áxil onde o autor non vai deixar de xogar con nós ata o final. Como corresponde ao xénero, prima o factor narrativo mais non falta o gusto polo detalle na descrición de lugares e ambientes especialmente rica no debuxo multisensorial da paisaxe da guerra. Asemade estamos diante dun texto socialmente comprometido e non deixa de denunciar inxustizas sociais como a situación dos refuxiados sirios, os desastres da guerra, o tratamento das vidas humanas como mercadorías, a violencia machista e fronte a todo isto, Karim iluminándoo todo como un facho de esperanza.

Nestes tempos da COVID-19 onde todos fixemos unha reconstrución individual dos nosos paraísos perdidos, chega a última novela de Antón Riveiro Coello para nos lembrar e nos facer máis conscientes de que quizais nós, con todas as nosas miserias, seguimos a ser o paraíso soñado doutros menos afortunados na repartición do Edén.

RIVEIRO COELLO, Antón: O paraíso dos inocentes,Galaxia, Vigo, 2020. PVP. 20 €

Compartir el artículo

stats