Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O salón de té do oso malaio

David Rubín en idioma galego

O salón de té do oso malaio

Ser noticia de forma habitual e conseguir selo por cousas positivas non é tarefa fácil, pero este vén ser outro dos logros que David Rubín (Ourense, 1977) acadou ao longo da súa carreira. Así, a fins do pasado marzo anunciaba nas redes sociais que o primeiro volume de El Héroe (Astiberri, 2011), novela gráfica en dous volumes na que se conta o relato clásico dos doce traballos de Heracles / Hércules actualizado, se podía descargar e ler de forma gratuíta (e legal) durante unhas semanas, parte da iniciativa de "Astiberri en pixama" para promover a culturar e "alixeirar o confinamento."

A principios de maio asinaba Rubín El superpoder más importante: una historia de Superman, Krypto y tu vecina, un relato breve protagonizado polo Home de Aceiro, realizado para a editorial ECC e o seu "Los héroes siempre vuelven", proxecto para mostrar apoio ás librerías. Este exemplar distribuíase de forma gratuíta nos locais especializados xunto a unha lámina ilustrada por Paco Roca (Valencia, 1969) ou Jesús Merino (Cádiz, 1965).

Cofundador do colectivo Polaqia en 2001 e da súa revista Barsowia, Rubín tamén paseou as súas historietas por BD Banda, Golfiño e Dos veces breve, entre outras. Sen dúbida, pódemolo considerar xa unha "vaca sacra" da banda deseñada, ademais dun importante apoio para o cómic autóctono e os autores e autoras noveis. Mais, curiosamente, a súa obra apenas foi publicada en galego, outro dos grandes paradoxos do sector patrio, a excepción de Uxío Novoneyra, a voz herdada (Xunta de Galicia, 2010), guionizada por Kike Benlloch (A Coruña, 1974); Onde ninguén pode chegar, obra gañadora do Premio Castelao en 2005 e unha das historietas que conforman o seu primeiro volume publicado, El circo del desaliento (Astiberri, 2005), que lle valeu ademais o premio ao autor revelación no Salón Internacional do Cómic de Barcelona de 2006. Porén, a partir de agora -se ben que fora publidada xa en castelán por Astiberri (2006)- a esa lista vense xuntar O salón de té do oso malaio, da man de Demo Editorial. Trátase dun volume recompilatorio que conta con oito relatos e un simpático Dramatis personae. Parte do material que contén é orixinal, pero moitos dos relatos non son inéditos, xa que foron publicados na desaparecida revista Dos veces breve. Nestes casos, Rubín decidiu retocalos para darlle máis coherencia e solidez á novela.

Todas as historias conflúen nun mesmo lugar, un salón de té rexentado por un oso malaio chamado Sigfrido, un consultorio psicoanímico, como a el lle gusta consideralo, no que se entrecruzan as vidas dos personaxes entre a melancolía do ambiente e o consolo dunha boa infusión? ou un licor café. Cada historia ten unha temática diferente aínda que todas comparten a mesma natureza: o amor (non soamente romántico) e, especialmente, a perda. Unha representación das debilidades humanas, honesta e triste, nalgunhas ocasións brutal pero, a pesar de todo, cunha tenrura case inxenua. Gustaríame facer unha mención especial para o relato "Patacas", gañador do certame Na Vangarda 2005; a presentar unha sinxeleza e sutileza na narración, que o converten en poesía visual. No apartado gráfico, como é habitual, Rubín non defrauda. Branco e negro con moita trama e debuxos expresivos e dinámicos. A composición das páxinas é quizais algo máis convencional que a que á que nos ten afeitos nas súas últimas obras, mais a secuenciación narrativa segue a ser fluida e perfecta.

O salón de té do oso malaio obtivo catro nomeamentos aos premios do Salón Internacional do Cómic de Barcelona 2007: Autor Revelación, Mellor Obra, Mellor Guión e Mellor Debuxo, logrando "tan só" o primeiro deles. Tamén lle logrou a Rubín un nomeamento no primeiro certame do Premio Nacional de Cómic nese mesmo ano. Esta edición conta cos prólogos da escritora e poeta María Lado (Cee, 1979) e a presentadora Neves Rodríguez (San Sebastián, 1969).

Compartir el artículo

stats