Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No centro do círculo

Paseando polo Henge da Roda (Barreiros)

Non é un castro como os millares que existen en Galicia, senón que parece ser un henge, unha estrutura prehistórica de forma circular. En calquera caso, é dos poucos que hai na xeografía galega, únicos de España. Situado en Santiago de Reinante, no concello lucense de Barreiros, o xacemento arqueolóxico da Roda mide uns cincuenta metros de diámetro e construíuse fai uns 3.700 anos. É o primeiro henge que se descubriu e investigou en Europa fóra das Illas Británicas.

A Roda segue sendo un misterio por desvelar: Cómo se fixo, cómo se trasladaron as grandes pedras para construílo ou por que se perforaron foxos dun metro de profundidade. O xacemento foi descuberto en 2006 durante as obras da autovía do Cantábrico, o que obrigou a desviar o trazado da mesma. As probas con carbono 14 determinaron que se trataba dun achado de case 4000 anos de antigüidade disposto nunha estrutura circular con dúas murallas concéntricas e un foxo exterior. Desde entón foi chamado o "Stonehenge galego", aínda que a súa popularidade diste moito do famoso monumento inglés.

A estrutura megalítica está situada na aldea de Roda, onde xa se tiña coñecemento dun xacemento arqueolóxico, aínda que se pensaba que se trataba dun pequeno castro, pero polo que parece non ben situado nos planos. Por iso as escavadoras da autovía atoparon con muros circulares que denotaban unha estrutura. Os arqueólogos que supervisaron as obras observaron que os vestixios de cerámica que ían aparecendo eran moi anteriores á época castrexa. Os restos do henge sitúanse nunha chaira na baixada do monte que permite un amplo dominio visual da zona. O monumento é relativamente sinxelo: o foxo exterior de entre tres e catro metros de diámetro e un de profundidade, dous muros circulares entre os que se depositou a terra escavada, que forma así o parapeto, e que en orixe podería alcanzar os tres metros. No lado nordés, foxo e parapeto están interrompidos por unha zona de acceso ao interior do recinto, flanqueada a ambos os dous lados por un pequeno murete de pedra.

Os henges"de Inglaterra e Irlanda suponse que tiveron unha finalidade ritual, fóra de carácter político, social ou relixioso, constituíndo un punto de reunión dos habitantes da época na zona. Por que se construíu un henge na Roda? Todo son hipótese. Si parece claro que o lugar non estivo habitado, pois non apareceron vivendas. Posiblemente fose terreo de encontro da sociedade prehistórica, aínda que segue sendo un misterio. Xa fose con carácter vinculado a ritos funerarios ou á observación astronómica relacionada cos ciclos da natureza, entre outras posibilidades. Sendo excepcional a existencia de círculos líticos no continente europeo, á marxe dos achados nas Illas Británicas, que relación podería haber entre Inglaterra e Galicia na Idade de Bronce ou antes para que o xacemento da Roda estea onde está? Todo son preguntas que seguen alentando o misterio.

A Roda podería non ser o único, aínda que non todos os estudosos estean dispostos a chamarlles henges. Na provincia lucense foi documentada a existencia doutra estrutura megalítica circular na parroquia de Coeses, no concello de Lugo. Tamén na Mariña, no Valadouro, atópase o misterioso Prado das Chantas, do que se conservan unhas 250 pedras fincadas. Ou o de As Pedragosas, próximo a este último, do que aínda se descoñece a súa cronoloxía e a súa función. Igualmente en Xove, durante as obras da construción do corredor entre San Cibrao e Celeiro apareceu outra estrutura similar. Noutras provincias afloraron círculos líticos, como o de Monte Lobeira, en Vilanova de Arousa, descuberto por mor dos incendios de 2006.

Castros e igrexas

  • Barreiros, en plena Mariña lucense, é un concello pródigo en castros, tanto costeiros como de interior. Na Punta de San Bartolo atópase o poboado do mesmo nome que, xunto coa Roda, San Pedro e Punta do Castro, conforman o legado castrexo marítimo. Máis lonxe da costa sitúanse outros como o de Merille, Celeiros ou A Rilleira. Restos arqueolóxicos como mámoas e asentamentos prerromanos son fiel testemuño do antigo poboamento deste concello que conta tamén cun interesante patrimonio artístico e arquitectónico, herdanza en parte dunha historia ligada ao bispado de Mondoñedo, ao mosteiro de Lourenzá e ao Mariscal Pardo de Cela. Dentro da arquitectura relixiosa existen capelas como a de Santo Estevo do Ermo, a máis antiga de Barreiros, fundada no século XV. De estrutura sinxela, conserva no interior un retablo popular coa imaxe de Santo Estevo e outras tallas dos séculos XVI e XVII. Nas súas inmediacións atópase un fermoso bosque e dúas fontes de augas mineiro-medicinais famosas polas súas propiedades curativas e as súas lendas asociadas. Outra edificación reseñable é San Xusto de Cabarcos, especialmente polo seu retablo barroco do altar principal realizado en madeira de castiñeiro e adornado con columnas salomónicas e abundante decoración alegórica, datado en 1753. Por outra banda, Barreiros conta con interesantes exemplos de casas de indianos dos XIX e XX que se suman a un inxente patrimonio monumental e natural.

Compartir el artículo

stats