Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carlos Maside e Rafael Dieste en Vigo

A propósito dunha mostra na Fundación Laxeiro

Arriba: Carlos Maside (1897-1958). Sobre estas liñas: unha das viñetas que se amosan na exposición na sede da Fundación Laxeiro.

A exposición de ilustración gráfica de Carlos Maside (Pontecesures, 1897-Santiago de Compostela, 1958) que presenta a Fundación Laxeiro transpórtanos a un momento relevante na historia cultural da cidade de Vigo e de Galiza, aos anos 20 e 30 do século XX cando o noso pintor colabora no xornal El Pueblo Gallego.

Na atractiva escolma que nos propón Rosalía Pazo Maside, vemos xa un Maside dono pleno do seu estiilo, con obras publicadas no período republicano, que tratan sobre a problemática galega, española e internacional, que están inseridas na estrita actualidade mais que revelan o dominio na captación da vida e a incisiva intelixencia do artista, solidamente comprometido co máis esencial da condición humana.

O Vigo de 1926, altura en que Maside principia as súas colaboracións no diario vigués, vai ser testemuña da conformación do movemento renovador da arte galega d' Os Novos, sendo Maside figura chave e, en boa medida, modelo para outros artistas algo máis novos, como Colmeiro, Souto ou Laxeiro. Nestes anos, logo da súa estadía en París (1927), vai compartir debates e inquedanzas co escritor Rafael Dieste (1899-1981), que tamén traballa para El Pueblo Gallego, con textos que sitúan con precisión as angueiras dos novos escritores e artistas galegos: Manuel Antonio, Manuel Torres, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Xesús Bal y Gay... e loxicamente, as de Maside e el mesmo.

No ambiente vigués destes anos está presente tamén Manuel Torres, que sucede a Maside como ilustrador de Faro de Vigo, Manuel Colmeiro e Virxilio Blanco, captando todos, nas súas obras, o ritmo proletario da cidade.

Mais é Rafael Dieste quen articula un discurso de apoio ao movemento renovador opóndoo á pintura rexionalista e costumista, unha actitude que se pode detectar tamén no poeta Manuel Antonio, autor do manifesto Máis Alá (1922), elemento de axitación dirixido á mocidade intelectual galega, publicado poucos anos antes.

Quen elabora, como diciamos, un discurso sobre a nosa arte é Rafael Dieste que, desde as páxinas de El Pueblo Gallego e desde mediados dos 20, estimula o debate sobre a renovación pictórica e serve de alicerce teórico para a mudanza da plástica galega. Dieste, ao tempo, critica moitos elementos conformadores do culturalismo do grupo Nós, en especial do pensamento de Vicente Risco.

Estamos perante unha xeración que ve a realidade galega con ollos novos. Unha idea moi repetida por Rafael Dieste e que mesmo aparece na súa obra de creación, concretamente na peza teatral A fiestra valdeira (1927) -publicada na tipografía de El Pueblo Gallego-, nunha conversa entre o pintor protagonista, Antonio na ficción, e o seu amigo estudante Nogueira -un mozo intelectual tipo Seminario de Estudos Galegos-. O pintor pide a opinión do amigo sobre o retrato que vén de realizar e di:

"ANTONIO: Non agardes resposta. Segue. Ao remate xa sei que estamos de acordo. Que estabas a falar dos ollos, quero dicir, dos teus?

NOGUEIRA:Dos meus diante do teu cadro Canto máis o miro máis limpos e noviños se me viran. Deben de ser os que tiña de rapaz e, non obstante, os dun home".

Este ver con ollos novos a realidade galega corresponde coa vontade do Movemento Renovador. Ollos novos que se queren proxectar sobre o popular, captar máis que o superficialmente realista das escenas, achegarse á verdade máis fonda, como cando na mesma obra o pintor se refire ao seu modelo Don Miguel, antigo mariñeiro, de quen soamente que lle interesa que o cadro capte a "dignidade que recibiu dese mester dos ventos e dos compañeiros". Iso é, a esencia do país desde unha perspectiva de identidade e de clase.

O propio Rafael Dieste deixou testemuño deste interese pola identidade como "a base, a raíz da nosa preocupación galega para sermos autenticamente galegos". O escritor rianxeiro explica que estas ideas está na orixe da súa peza teatral e lembra como estando "todo isto a ferver, pois un pintor amigo, Medal (deuse a coincidencia de que viviamos en Vigo, na mesma habitación), un pouco antes de durmir, díxo-me: "Non sabes que estou fastidiado porque fixen un retrato a un señor e agora quer que lle poña unhas cortinas ou unha cousa así de señoritos, e eu non sei que facer"".

Título: Carlos Maside e o debuxo satírico. Escolma de viñetas na prensa. Autor: Carlos Maside. Comisariado: Rosalía Pazo Maside. Local: Fundación Laxeiro, Vigo. Até o 19 de xaneiro.

Plenitude expresiva

  • Na concreción plástica destas preocupacións, Carlos Maside (1897-1958) preséntasenos como unha figura decisiva, sendo chave na configuración da nova arte galega no período comprendido entre os anos vinte e a posguerra. A súa obra inicial parte do Castelao viñetista, pero acentuando o expresionismo, recibindo a influencia do expresionismo alemán, do gravado popular e mais da estampa xaponesa, referentes que están no ambiente pictórico do París que coñece en 1927. Cun forte compromiso socialista e galeguista e nun contexto social tan conflitivo como a Ditadura de Primo de Rivera e a II República, a arte de Maside atinxe obras de plenitude expresiva en traballos gráficos como os que realiza para a revista La Nueva España (1930-1931) -que se poden ver nunha proxección na mostra da Fundación Laxeiro-. Ao tempo, desde as súas estampas de temas populares de finais dos anos vinte Maside inicia un rigoroso proceso de pescuda dunha imaxe caracteristicamente galega que supere o tópico costumista, algo ben perceptíbel nas variadas viñetas escolmadas para a exposición da Fundación Laxeiro, unha moi boa reperesentación da mestría dunha figura central na arte galega do século XX.

Compartir el artículo

stats