Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Equilibrados Deseqilibrios

Cos Séculos Escuros

Equilibrados Deseqilibrios

Deseqilibrio mental, con "q" e sen "u", así é o nome dun colectivo musical nado na Casalonga, entre Compostela e Padrón, para que alguén se sitúe se lle cómpre. Naceron no ronsel duns irmáns maiores que na súa contorna firmaban discos e concertos baixo o nome de Drinkin Tinto, grupo bravú de moito punkismo enxebre e moito desfase nos seus directos de finais dos 90 e primeiros 2000. Alí sementaron, entón, aquelas cancións que falaban do moito que prestaba cantar en galego, meterlle caña á autoridade imperante e desfacer a angustia post-adolescente a golpe de ouveos e guitarrazos tinguidos de overdrive e metalzone. E os anos pasaron e aqueles pequenos que tanto os admiraban herdaron todo aquilo, incluso -en certos casos- algún instrumento a maiores da referencia musical e persoal que xa ía implícita de seu. E así naceu aquel conxunto que de esguello miraba para aquel bravú de sangue que de tan perto lles tocaba e tamén ollando para uns Narco ou uns Def con Dos en auténtico momento de graza. E todo dende a aldea, para a aldea e, por suposto, que sen complexo algún. Así nacía asemade a súa propia etiqueta de "metal rural". E chegaron os concertos e tamén moi axiña as primeiras gravacións: discos nos que aparecían xa cancións dunha solidez que pouco tiñan que ver en medida coa popularidade do grupo na escena galega. "Único e meirande" ou "Na Casalonga rocanrol" deixaban de manifesto a personalidade dun grupo que, sen concesións, facían camiño moi á marxe dunha escena decote despistada con fumes doutras fogueiras. E así continuaron cara a madurez dun conxunto en continua mutación e que cos Séculos Escuros, un disco dividido en tres entregas, continuaron alicerzando esa maneira tan súa de descabezar santos cunha linguaxe tan clara que por pouca costume até pode resultar un tanto obscena.

Atopamos, daquela, cancións como "Cultura de verbena" ou a propia "Séculos escuros" que, ademais e por fin, os puxeron nas táboas de festivais que comezaron a celebrar a contundencia da banda nos seus directos. Agora chega a terceira parte: Séculos Escuros III, ilusión, onde atopamos a uns Deseqilibrio Mental nun estado de madurez propio dun grupo que leva máis de quince anos de andaina, sen pausa e sen présa. Con cancións nas que cada vez pesan máis os procesos existencialistas e persoais e cunha formación con novidades e que se presentan en directo coma unha máquina de triturar granito. "Que din os rumorosos?", preguntan no novo traballo ou que houbo un tempo no as decepcións todo o inundaron facendo difícil respirar, ou que a lacra da contaminación e dos residuos, canto máis lonxe, mellor.

Polo medio do traballo colaboracións de xente de grupos como Reincidentes, Astarot ou os Suaves e tamén con moitos amigos e antigos membros da banda. Con esta terceira entrega, Piedra, Mario, Piki, Barbas, Milio, Jimmy e Fito acadan o mellor momento dunha formación que a día de hoxe pasa por ser, polo menos ao meu criterio, unha das grandes bazas do xénero metaleiro en galego neste país. E o que máis presta deles: sen ningunha pretensión que vaia máis aló que a de pasar un tempo agradable xuntos e entre colegas. A ilusión que aparece no título, segundo me contan, é de que poidan seguir tocando e disfrutanto todos xuntos moitos anos máis. Oxalá que así sexa.

Kings of The Beach

  • Imaxino unha tarde de sábado, de sufrida resaca e chegando a Samil, buscando algo de paz cuns pantalóns pitillo negros e roídos polos xeonllos despois de a saber cantas horas gateando no chan dun garito, nunha noite na que o rock'n'roll distorsionou nos vellos altofalantes pendurados do curruncho. Nas paredes do local, os anos de tabaquismo e canallismo parece que deixaron lembranzas inescrutables, aínda que doces e cheas da saudade dos tempos mellores. Os Pixies, The Sonics, Os Kinks, os Libertines, os Black Lips?. todos eles deixan ver as orellas nunha canción tan pegañenta como fermosamente trepidante. Na cachola aínda retumba interminable aquela ecuación máxica daqueles con tres acordes punk de vísceras ao aire. E foi alí, onde rompen as ondas, cando me pareceu escoitar a catro rapaces contaxiando melodías diabólicas, certamente luminosas e perfectamente vestidas de Leo Fender. Adri, Samu e Yago volven contarme a vella historia de que o rock sempre sobrevive. Trátase de algo así como plantar lume no palleiro nunha noite de lúa chea para que os lobos ouveen e os morcegos teñan faros a onde achegarse a chuchar. E claro que si: que o caso é pasalo ben e deixarse cautivar e, sobre todo, dar fe de que se unha canción funciona, o mundo tamén funciona. Kings Of The Beach declaran no seu nome e nós declarámolos culpables de subirnos a adrenalina con extremas doses de rock afiado. Noite, vicios, surf, praias, liberdade, soños e diversión. E digo eu: que máis queremos? Pois por todo iso preguntade nos seus directos e tamén no seu bandcamp onde, cunha morea de cancións, abofé que vos van deixar ben quentes. O dito: culpables. Pola mordedura, polo contaxio e por non deixarme caer na maldita paz dunha tarde de praia de certo que ben aburrida.

Compartir el artículo

stats