Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Óptimo compañeiro de travesía

Para unha historia do cinema de noso

Óptimo compañeiro de travesía

Xa no prólogo de Marcas na paisaxe (Ed. Galaxia, Vigo, 2018), o primeiro número da colección "Para unha historia do cinema en lingua galega", a súa coordinadora, Margarita Ledo, anunciaba a próxima aparición do segundo volume adicado ao cine contemporáneo en lingua galega, materializado baixo o poético título -o lustre literario dos textos engade un valor complementario á lectura- A foresta e as árbores. Quixo o destino que a segunda entrega practicamente coincidise no tempo co premio do xurado no Festival de Cannes, dentro da sección "Un certain regard" ("Unha certa mirada"), que recibiu O que arde de Oliver Laxe, primeira longametraxe rodada en galego presentada ao prestixioso certame.

Nesta segunda entrega, unha mostra representativa de películas filmadas na última década son sometidas a un minucioso exercicio analítico, na procura dunha marca que, primeiro, permita configurar un embrionario e heterodoxo modelo dunha historia do cine en lingua galega, e, segundo, convide a continuar un rastro que cada vez é máis perceptible.

As análises divídense en oito capítulos asinados por outros tantos autores. Agás o último, "Fóra de campo", todos eles, nos seus encabezamentos, fan mención ao modo de mirar cinematograficamente: "Filmar"? máis un intanxible: filmar a dó, filmar o velado, filmar o traballo, filmar a ollada, filmas as pulsións, filmar a pantasma, filmar a tribo. Esta sorte de taxonomía semella apuntar á dobre vertente que comparte o método analítico dos autores: isto é, centrar o foco de atención no feito filmado, pero tamén no posicionamento da mirada á hora de captar o feito filmado; posicionamento non referido exclusivamente á ubicación da cámara, senón extensible ao posicionamento ideolóxico, moral e vital. Alén desta coincidencia nos modos de proxectar as análises, como sinala Margarita Ledo, os textos trazan o seu itinerario analítico baixo a pegada de cada autor, "textos cuxa sinatura persoal é outra das árbores desta obra en colaboración", obra na que participan expertos como María Soliña Barreiro, Xosé Nogueira, Enrique Castelló, Fernando Redondo, José Luis Castro de Paz, Antía López, Marta Pérez e Iván Villarmea. Con todo, os capítulos que buscan un rozamento máis directo co feito filmado acadan un resultado moito máis fecundo na análise e, por conseguinte, na composición dun mapa global do cine falado en galego.

En suma, A foresta e as árbores supón un óptimo compañeiro de travesía para o seu predecesor Marcas na paisaxe, que iniciaba o seu itinerario baixo a promesa, e engado tamén a esperanza, de que ao longo dos anos sigan a sumarse novos acompañantes á viaxe cara a historia do cinema en galego.

LEDO ANDIÓN, M. (ed.), A foresta e as árbores, Ed. Galaxia, Vigo, 2019, PVP. 19 ?

Compartir el artículo

stats