Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Magical Yellow Tour

The Beatles e o cinema

Fotograma de Let it be (1969).

Nos anos 60 do século pasado, cando xa Hollywood levaba anos espremendo ata a saturación a figura de Elvis Presley -case trinta longametraxes en pouco máis de dez anos-, na outra beira do Atlántico, a industria cinematográfica británica, inmersa aínda no Free Cinema, movemento rico en aspectos formais pero con escaso apoio popular, decide, en parte, imitar o éxito dos filmes musicais do Rei e tirar do produto nacional que revolucionou o panorama musical mundial.

E así, en 1964, un estadounidense, Richard Lester, dirixe o bautismo dos Beatles en A Hard Day's Night, título que fai referencia ao terceiro álbum de estudio da banda de Liverpool. Rodada ao estilo dun documental ficticio, próximo ao cinéma vérité, o filme narra, en formato de comedia musical, dous días na vida do grupo, protagonizada polos catro músicos: John Lennon, Paul McCartney, Ringo Starr e George Harrison. Como non eran actores profesionais, a película avanza a partir dunhas escenas medio preparadas nas que aparecen facendo cousas do seu día a día: asistir a unha conferencias de prensa, tocar, ligar, etc. A longametraxe, producida por United Artists, tivo unha grande acollida tanto pola crítica como polo público, e foi nomeada aos Premios da Academia a mellor guión e mellor banda sonora, adaptada por George Martin.

O éxito desta longametraxe abriu o camiño, xusto un ano despois, a un novo lanzamento fílmico con Help! (1965), tamén dirixida por Richard Lester, xa instalado en Gran Bretaña. Da banda sonora desta película derivará o quinto álbum de estudio do grupo, co mesmo título, lanzado apenas dúas semanas da estrea do filme. O argumento desvela unha comedia que roza o surrealismo: unha seita ten intención de realizar un sacrificio humano para agasallar á súa deusa, pero para levalo a cabo é necesario un anel que está en posesión de Ringo Starr, de aí que os membros da seita viaxen a Inglaterra para recuperalo. Como se pode comprobar, o argumento é case unha escusa para introducir o espectador nun mundo visualmente suxestivo e provocador, colocando as bases do que será a estética do videoclip moderno.

No seguinte proxecto, Magical Mistery Tour (1967), o primeiro sen a mirada de Richard Lester, parte dunha idea de Paul McCartney que, ademais dos seus compañeiros de banda, conta coa colaboración na dirección do realizador Bernard Knowles. A trama xira en torno a unha viaxe en autobús que se converte, como reza o seu título, nun tour máxico. Trátase dun produto pensado para televisión de menos dunha hora de metraxe, montado a partir de dez horas de filmación rodadas en apenas dúas semanas. Porén, nesta ocasión as críticas foron moi negativas, non así, en cambio, o recibimento dispensado ao seu álbum, que volveu situarse nos postos altos nas listas de venda.

Un ano despois estreábase Yellow Submarine (George Dunning), unha película de animación cuxa particular estética converteuna nun filme de culto dentro do xénero de animación. A historia transcorre en Pepperland, un paraíso musical situado no fondo do mar que é atacado polos "Malditos Azuis", individuos que odian a música e encerran nunha burbulla azul o grupo. No seu rescate, nun submarino amarelo, acude Fred, que rescata os catro músicos que recorren diferentes mares para tocar os seus novos temas. A longametraxe, esta vez si, foi un éxito rotundo, aínda que o álbum non recibiu os eloxios acadados en anos anteriores. En España, país na que por lei a dobraxe era obrigatoria, a película foi estreada en 1969 en versión orixinal subtitulada.

Fóra da ficción, anunciando xa a súa despedida como grupo, no ano 1969 lánzase un documental que abarca as dúas semanas da gravación do seu último traballo, Let it be! (Michael Lindsay-Hogg, 1969), na que aparece a memorable actuación na azotea de Apple Building.

Yesterday

  • Tras o rotundo éxito de Bohemian Rapsody (Bryan Singer e Dexter Fletcher, 2018), sobre a banda de rock Queen, e Rocketman (Dexter Fletcher, 2019), biopic do cantante Elton John, é a quenda dos Beatles con Yesterday, dirixida por Danny Boyle, entre outros filmes, responsable de Trainspotting e Slumdog Millonaire, e escrita por Richard Curtis, autor de películas como Love Actually ou Nothing Hill. Segundo a trama, semella complicado clasificala como fantasía ou distopía, xa que a historia parte dun feito estraño: ninguén, agás unha única persoa, recorda as películas dos Beatles. Distopía porque iso de que caia un virus de amnesia sobre a humanidade que fai esquecer un dos máis importantes legados musicais, nun principio, non pode ser máis catastrófico; e fantasía porque ter a oportunidade de revivir a sensación de escoitar por primeira vez, non só unha canción, senón a discografía completa dos catro de Liverpool supón experimentar algo irrepetible. Na película, que conta coa participación especial do cantante Ed Sheeran, converxe o mellor de Danny Boyle en Slumdog Millionaire e de Richard Curtis en About Time -en castelán, Una cuestión de tiempo-, é dicir, unha comedia con doses de fantasía e esperanza que, por se fora pouco, engade unha banda sonora que, por moito que nos conte a película, é inesquecible

Compartir el artículo

stats