Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O renacemento do artesán

Materiais e tecnoloxía revisitados

O renacemento do artesán

Dentro da tendencia cultural global de volta ás orixes -con alimentos naturais, materiais básicos e procesos industriais intelixentes-, atopamos asemade unha volta ás formas sinxelas, xurdidas de procesos artesáns ou que ben os procuran coa axuda da tecnoloxía.

O deseño está a experimentar un renacemento do artesán; Galicia participa deste bulir e conta con múltiples manifestacións no eido. Cada primavera celébrase o Milano Design Week e o Salone del Mobile, onde todas as grandes empresas mostran, nunhas intervencións espaciais que teñen carácter de creación artística, as súas novas propostas en deseño de mobles, decoracións, materiais e accesorios. Nesta edición atopamos dúas liñas destacadas: a tecnolóxica e a artesá. Galicia é partícipe das dúas e non con tímidas propostas.

A empresa galega Finsa desenrola múltiples actividades en torno á produción industrial de materiais, facendo fincapé no deseño, arquitectura, I+D e colaboracións externas, no eido amplo da madeira e os seus derivados. Están presentes en numerosas convocatorias arredor do mundo cada tempada, dende hai anos. Desta volta presentan no Fuori Salone de Milán Astralbodies, unha colaboración cos arquitectos Enormestudio que supón unha procura de novos usos da fibracolour, un dos produtos máis novos de Finsa e que ofrece múltiples posibilidades. O site specific está formado por un conxunto de estruturas astrais de gran volume,formados a partir de de lascas de cores do novo material e que levan na súa forma a memoria topográfica de lugares galegos: Allariz, Cervo, Herbón, Sálvora...

Presente asemade en Milán está a firma Loewe, pertencente ao conglomerado francés L.V.M.H. (Louis Vuitton Möet Hennessy), e que conta dende 2013 con Jonathan W. Anderson como director creativo, quen leva ao extremo as propostas con espírito artístico desta,máis que centenaria,firma de luxo. Conta tamén coa Fundación Loewe onde se traballa con tod as formas de expresión artística, especialmente a poesía e o premio homónimo. Tamén a artesanía (cerámicas, esculturas de usar, pratería) e o debate. O proxecto Casa Loewe é o nome comercial que emprega a firma para denominar a súa tenda central na rúa Serrano de Madrid. E tamén é o xeito para denominar participacións en feiras e tendas polo mundo. En Milán,Casa Loewe tiña unha instalación na que os cestos de palla,decorados con pezas de coiro, os bolsos trenzados e os obxectos con atados de coiro se presentaban nun ambiente de vella casa rural ou antiga tenda de cestería, cos cestos colgados do teito, os muros cubertos de louza de Fajalauza e mobles de madeira de alta época.

Entre esas marabillas estéticas de ritmo lento aparecen as creacións das Redeiras de Galicia, (Rosa e María Jesús de Corme), que se presentan como un colectivo que recuperan vellas redes de pesca para transformalas en obxectos de arte. Empregando antigos nós mariños e técnicas de fiado, as súas creacións aparecen imbuídas coa historia e o simbolismo da herdanza das artes da pesca do norte de España.

Aparece asemade,dentro das propostas de Casa Loewe, a artista galega Idoia Cuesta,quen se presenta procurando inspiración para as súas pezas trenzadas, tanto no seu arredor en Galicia como en Escandinavia ou no Lste máis aAfastado. A súa curiosidade e actitude experimental cara ás técnicas de fiado teñen un exemplo inmellorable na chamada Técnica do Caos, un proceso espontáneo que garante a univocidade da cada peza creada por ela. Nesta edición a Casa Loewe conta asemade co cesteiro Álvaro Leiro.

Un notable impulso á creación artesá galega veu da man da Fundación Pública Artesanía de Galicia, a desenvolver programas de formación, difusión, imaxe e identidade corporativa do universo artesán. Coincidindo coa feira de Milán, presenta a Fundación, en Madrid, o salón Saberes y Sabores localizado no Palacio Santa Bárbara. Alí case medio cento de artesáns de todos os ámbitos de actividade, dende a gastronomía, até a cerámica ou a xoiería, amosan as súas creacións de xeito conxunto nun pop up store que xa leva varias edicións ás costas, sementando sempre grandes sucesos

Pensar coas mans

  • O Gaiás Cidade da Cultura está a presentar a exposición Pensar coas Mans- dedicada á cestería, cerámica e xoiería de Galicia e que poderá visitarse até o mes de setembro deste ano-, cun evidente carácter pedagóxico e divulgativo da actividade creativa máis vinculada aos obradoiros e estudos dos creadores de noso. A mostra conta cun itinerario temático que se inicia baixo dunhas cúpulas que serven de expositor a louzas, xoias, téxtiles, cestos e trenzados. Hai tamén outra sala dedicada á cerámica na historia, cun certo aire antropolóxico respecto dos oleiros galegos, expoñendo pezas do século XIX e XX. Vemos asemade no espazo dedicado á cestería onde se poden ver obxectos fantásticos de uso cotián no agro e na costa. De seguido atopamos o traballo en vivo do artesán Rubén Berto,quen constrúe in situ un cabaceiro. A peza,de gran tamaño, é un cilindro cónico de vimbieira recia apoiado en catro pilastras que,truncado polo tronco superior, se completa por un cono invertido de palla que serve de tellado. Ao lado, unha sección dedicada á xoiería amosa torques, pendentes, sapos, colleres e outros accesorios feitos en ouro, prata, metais, acibeche e coral. Para rematar, a mostra consta cunha ección de pezas de louza e cerámica de creadores do século XX e XXI, entre os que cómpre salientar unha gran peza de Xavier Toubes, de natureza brutalista,que é unha das tendencias estética máis populares nos nosos días.

Compartir el artículo

stats