Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O evolucionismo do XIX: O progreso humano

Historia da ciencia (IX)

O evolucionismo do XIX: O progreso humano

Ao longo do século XIX a burguesía triunfante atopou no evolucionismo o fundamento teórico dun novo discurso que buscaba lexitimar o papel do novo suxeito histórico dominante: o home branco rico, en oposición á muller, as clases traballadoras e as 'razas inferiores'. Unha tarefa na que as ciencias humanas, entre as que se encontran a historia, a antropoloxía, a prehistoria, a socioloxía e a etnoloxía, foron determinantes.

A evolución humana: En 1872 Darwin propuña n' A orixe do home unha teoría evolutiva que apenas compartiron algúns materialistas, entre os que se atopaba Engels, quen levando as teses darwinistas até ás derradeiras consecuencias sostivo que o traballo fora determinante na transformación do 'macaco en home'. En efecto, naquel momento os principais evolucionistas, entre os que se atopaban algúns 'darwinistas' como Haeckel Huxley ou Wallace, sostiñan teorías evolutivas que, malia as diferenzas, compartían un forte determinismo biolóxico, fundamento do socialdarwinismo, o discurso ideolóxico que busca naturalizar as desigualdades sociais.

A civilización ante os pobos primitivos: As obras de E.B. Tylor, Cultura primitiva (1871), e de L. W. Morgan, A sociedade primitiva (1877), arrebolan unha nova mirada sobre os pobos primitivos, na que se establece un novo campo científico: a antropoloxía, ao definir a cultura e as relacións de parentesco como novos conceptos analíticos fundamentais para o estudo das sociedades primitivas en oposición ás sociedades civilizadas; neste sentido, a antropoloxía evolucionista establece tres estadios que se suceden progresivamente: salvaxismo, barbarie e civilización. Con todo, malia que Morgan, en quen se inspirou Engels para escribir o libro A rrixe da familia, a propiedade privada e o Estado (1884), en ocasións mostrou a súa simpatía polos pobos indíxenas de América do Norte, afirmando que en determinados aspectos a súa organización social era máis positiva para o futuro da humanidade, o certo é que a antropoloxía evolucionista que fundaron serviu para xerarquizar as sociedades e xustificar a superioridade dos pobos civilizados, para os que se reservaban dúas ciencias específicas: a historia, que estudaba o progreso humano, e a socioloxía, que estudaba a estrutura das sociedades civilizadas.

O progreso e as ciencias humanas: No ano 1845 Leopold von Ranke publica un traballo no que sostén que a 'historia apenas se ten que basear en testemuños directos e en fontes orixinais', polo que se considera un dos fundadores da historia como disciplina científica; non obstante, fronte a esta historia supostamente neutral ('cómpre deixar falar ás fontes sen interferencias', sostiña Ranke), Marx define ao longo da súa obra -tanto a de carácter histórico en sentido estrito, por exemplo O 18 Brumario de Luis Bonaparte (1851), como a de carácter económico, por exemplo O capital (1867)-, unha serie de conceptos analíticos que se consideran fundamentais para a construción do discurso histórico. Neste sentido, ao longo do século XIX xorden dúas formas opostas de entender a historia: a historia burguesa, que apenas busca a lexitimación dos vencedores da historia, sexan clases dominantes ou potencias hexemónicas, excluíndo ou invisibilizando a aqueles axentes históricos marxinados ao longo da historia: clases populares, mulleres, pobos indíxenas...; e a historia materialista, que grazas ao seu compromiso cos axentes históricos marxinados pola burguesía, ofrece unha visión obxectiva dos feitos históricos. Con todo, as dúas correntes historiográficas compartían unha mesma crenza no progreso ilimitado das sociedades, compatible tanto co triunfo do liberalismo, a opción política da burguesía, como do socialismo, a aspiración das clases desposuídas.

Compartir el artículo

stats