Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Emocións, desencontros, epifanías

Poetas de noso e de hoxe

Emocións, desencontros, epifanías

Vicente Araguas (Xuvia, Neda, Coruña, 1950), alén de músico (cofundador de Voces Ceibes), poeta, narrador, ensaísta, memorialista, tradutor, profesor emérito do centro Logos de Madrid, director de OLGA (revista de poesía galega editada na capital española), é tamén antólogo. Dentro desta delicada faceta vén de publicar La lluvia en el mar. Una antología de la poesía gallega contemporánea, en edición bilingüe pola editora Sial Pigmalión de Madrid. A obra proponnos un inmenso banquete poético. Vinte e seis autores son aquí convocados, cada un coa súa poética, a súa nota biobliográfica e os seus poemas en galego coa correspondente tradución castelá.

Creo que unha verdadeira política de promoción da nosa cultura, en xeral, e da nosa poesía, en particular, debería incluír a difusión do noso quefacer literario alén das nosas fronteiras. Son absolutamente indispensábeis, e urxentes, as traducións, as versións a outras linguas, para que o coñecemento do noso patrimonio inmaterial se espalle polo mundo. Algo que compete, sen a menor dúbida, aos poderes públicos e ás nosas institucións. Que a presente obra sexa froito dun labor individual e particular e non dos esforzos institucionais di moito dun país e dunha política. De aí que iniciativas como a que agora comentamos supoñan un importante, aínda que pequeno, paso máis cara á divulgación das letras de noso e merezan os nosos máis sinceros parabéns.

O exemplar que manexamos (586 páxinas magnificamente deseñadas) supón un gozoso tesouro, un deses deleites oceánicos que nos levan polos territorios que van das mornuras emotivas aos cárceres intelectuais, das tormentas da alma á placidez dos amañeceres vividos, da iracundia á loucura, das sórdidas sorpresas á lucidez dos avatares infantís, das formas métricas tradicionais á ruptura accidental, da pericia ilusoria das metáforas ao prístino silencio, dos agros verdecentes á urbe estupefacta, das fábricas escuras aos esplendores da herba. Tampouco falta a violencia fantasmal do desexo, a angustia metafísica e as meixelas que apetece amar. Enfín, unha selección da nosa poesía contemporánea que nos proporciona, en igual medida, pracer e exultación, que nos invita a pensar na plúrima indagación no noso ser e no cosmos da poesía.

A aposta e a proposta que Vicente Araguas realiza nesta entrega son arriscadas, arriscadísimas. Podemos obxectar algunhas ausencias clamorosas, tamén algunhas presenzas estrañas, mais o noso antólogo explícanos no prólogo que se trata da súa elección, ética e estética, persoal, que asume os seus riscos e que é consciente das críticas que pode recibir. Obviamente cada lector, cada creador, cada crítico, terá a súa opinión discrepante, mais ha de recoñecer que Vicente Araguas non é servil nos seus criterios nin mimético nas súas pesquisas selectivas.

A colleita deste tomo comeza con Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) e vén concluír cos versos de Antía Otero (A Estrada, 1982). Un arco temporal inmenso onde caben moitas xeracións, que o noso compilador cifra en tres e que a praxe académica acrecenta con algunhas máis. Non dispoño de espazo suficiente para citar todos os nomes (os consagrados e os que son case descoñecidos) nin tampouco para analizar con minucia e rigor a escolla das súas composicións. Baste sinalar que por estas páxinas circulan pezas dunha elevadísima calidade estética, que moitos dos versos aquí seleccionados edifican no seu centro como un diapasón que fai vibrar o noso corazón e que o enche de emocións, de desencontros, de epifanías.

ARAGUAS, Vicente (ed.), La lluvia en el mar, Ed. Pigmalión Edypro, Madrid, 2018, PVP. 26 ?

Compartir el artículo

stats