Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Acertada adaptación

Recompensar os menos favorecidos

Acertada adaptación

Xa falamos aquí hai unhas semanas da colección de clásicos adaptados de Edicións Embora. Tratábase daquela da adaptación dun texto de Jules Verne tratado de maneira semellante ao que agora nos ocupa, O chepudo de Notre Dame, a obra de Víctor Hugo (1802-1855) publicada en 1833 que se converteu nun referente do Romanticismo francés.

Desta volta chega o texto a nós grazas á adaptación feita por Enric Lluch Girbés dende o orixinal e resulta unha lectura que os nenos e as nenas poderán comezar a gozar a partir dos seis anos.

É unha historia dura, a tráxica historia de Esmeralda e Quasimodo que amosa o pouco relacionado que está o aspecto físico coa grandeza do corazón, acompañada polas ilustracións de Noemí Villamuza que completan o texto e facilitan a súa comprensión por parte da rapazada.

A historia aínda que reducida consegue conservar a esencia argumental. Frolo, o encargado da catedral de Notre Dame, atopa un meniño á porta da igrexa. Ese cativo de nome Quasimodo irá acumulando eivas físicas, é chepudo, coxo e xordo e co tempo encargarase de tocar as campás da catedral. Será dende o campanario dende onde vexa a Esmeralda bailando na praza da catedral. Terá que ir buscala por encargo de Frolo e aí comezará o seu calvario, azotado na praza e apoupado por todos só recibirá apoio e agarimo de Esmeralda. As accións posteriores, condicionadas pola maldade de Frolo e os bos sentimentos de Quasimodo e Esmeralda desembocarán no tráxico final da historia.

Unha peza clave do Romanticismo que malia ser unha adaptación cheganos con moitos deses aderezos propios da literatura de finais do XIX. Os personaxes marxinais e os espazos tétricos e escuros ou a contraposición e enfrontamento de sentimentos e valores, todos recollidos para recrear do xeito máis aproximado o texto de Víctor Hugo.

O texto é duro, cruel ás veces, mais a figura de Quasimodo moi axiña será agraciada coa solidariedade dos pequenos lectores que sempre recompensan os menos favorecidos.

Iniciativas coma esta son precisas para non obviar grandes obras literarias na vida da rapazada. O seu achegamento a elas faise do xeito máis idóneo a través das adaptacións, por que privar entón os nosos nenos de autores e obras imprescindibles na historia da literatura?

HUGO, Victor, O chepudo de Notre Dame (Ilustr. N. Villamuza; Adap. E. Lluch.), Ed, Embora. Ferrol, 2016. PVP. 8, 80 ?

Compartir el artículo

stats