Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O castro de Santa Lucía de Astariz

Arqueoloxía con Denominación de Orixe

Vista do Miño desde Santa Lucía.

"Santa Lucía, moita devoçón lle teño , ¡miña santiña bendita ! mais non sempr ' as niñas craras son proba de craras vistas", escribiu Rosalía de Castro en Cantares Gallegos. Abofé que a Santa Lucía de Astariz da que hoxe falaremos é de craras vistas sobre o Miño e a comarca do Ribeiro. Con certeza porque está situado a case 300 m sobre o nivel do mar, e por iso o Castro de Santa Lucía en Castrelo de Miño é un dos miradoiros máis privilexiados do tramo medio do pai dos ríos galegos ao seu paso por unha comarca de "pazos e adegas afamadas" no dicir de Otero Pedrayo. O noso xacemento ocupa o picouto máis setentrional do Monte de Sta Lucía, un outeiro farto de colosais batólitos rodeado de pendentes acusadísimas que alcanzan ata os 200 metros de desnivel. Precisamente estas penedas naturais serviron de apoio dunha serie de muros defensivos que pechaban en altura o perímetro da croa do castro, separada do resto da cordal montañosa por un monumental foxo cavado directamente na rocha.

O pasado verán o concello de Castrelo de Miño acordou coa Universidade de Vigo o inicio da escavación arqueolóxica deste xacemento, un poboado galaico-romano da Idade do Ferro fortemente vinculado ao Ribeiro do río Miño, a medio camiño entre Ourense e Ribadavia. Os traballos desenvolvidos permitiron documentar unha ocupación castrexa e galaico-romana que vai desde o s. II a.C ata o s.III d.C, deixando ao descuberto varias estruturas circulares de paredes lígneas (das que só se conservan os buratos de poste que asentaban sobre a rocha) e, polo de agora, unha única cabana circular de cachotaría de 1,70 m de altura e 1,8 m de diámetro na que apareceu unha moeda e unha fíbula anular.

A campaña arqueolóxica, dirixida por Pérez Losada (profesor da UV) e Nieto Muñiz, desenvolveuse durante un mes e permitiu abrir catro sondaxes en distintos sectores do xacemento nas que participaron estudantes de distintas universidades españolas e profesionais da arqueoloxía. Os obxectivos desta primeira campaña evidenciaron que o enclave, ademais dun miradoiro privilexiado sobre o Miño -unha sorte de AP-52 da prehistoria- que permite exercer un amplo control visual sobre as súas ribeiras, é un xacemento cun enorme potencial desde o punto de vista patrimonial e mesmo turístico.

A sondaxe practicada baixo o coñecido como Penedo de Sta Lucía, un batólito descomunal baixo o que se construíu unha capela homónima que estivo en pé ata o século XIX, foi o que permitiu dar coa cabana lítica, mentres que a realizada no sector oeste do xacemento deixou á vista o pavimento completo dunha vivenda de planta circular, posiblemente levantada con materiais perecedoiros. Neste mesmo sector apareceu unha fíbula en omega, un broche metálico destinado a suxeitar os extremos dunha vestimenta que tamén era utilizado na antigüidade clásica grega e romana. Aquí documentouse tamén unha chamativa cavidade antrópica realizada sobre a rocha de sección troncocónica que puido ser utilizada como morteiro de cereal.

Na ladeira noroeste do castro levouse a cabo outra sondaxe con resultados estruturais positivos que permitiron descubrir na súa totalidade un lagar rupestre coetáneo ao xacemento. Esta descuberta é de especial importancia por canto reforza o vínculo da bisbarra coa tradición vitivinícola, retrotraéndoa ata o século III d.C, xa que nun dos estratos atopouse unha moeda romana do ano 235 que permitiu datar, por vez primeira en Galicia, unha estrutura de vinificación arcaica -situada fóra da adega- especialmente frecuente nas comarcas de Monterrei e O Ribeiro. O lagar do castro de Santa Lucía é de viga, e non de pórtico, como a maioría dos rexistrados ata agora no país do Támega, e así o proba o penso ou moa de granito que se localizou á beira do calcatorium ou pía, labrados aproveitando unha peneda natural. O estudo deste artefacto engarza cunha liña de investigación encetada no ano 1954 por López Cuevillas sobre tres pías megalíticas do Ribeiro de Avia e continuada por Llana, Valdeiras e Lamas en 2012. A documentación de fragmentos de ánforas no castro estaría vinculada coa produción de viño na ladeira do xacemento.

Cerámica castrexa e romana

  • Pesos de redes, cantos de cuarcita tallados procedentes das terrazas do Miño, moedas romanas de diferente cronoloxía e mesmo fragmentos de terra sigillata completan o conxunto de artefactos exhumados nesta primeira campaña, un magnífico preludio para edicións posteriores que han dar máis luz sobre este castro romanizado especializado na produción de viño.A intervención arqueolóxica do Castro de Sta Lucía vén dar luz sobre a investigación do mundo castrexo e galaico-romano nunha comarca na que, ata hoxe, apenas se avanzou no estudo completo e sistemático deste tipo de xacementos, quitando excepcións coma a do Castro de Veiga -Ribadavia- publicado en 1947 polo médico e historiador García Álvarez, e a Cova da Moura en Laias -Cenlle-, escavado en 1949 por Chamoso Lamas, Xaquín Lourenzo e López Cuevillas.Desde xa, a paisaxe do Ribeiro do Miño -o tramo de río que vai da antiga Rippa Avie a Auria-, ese mesmo que xa describira o Padre Sarmiento a mediados do século XVIII como "dos leguas de valle muy ameno y cuyas laderas, o riveras, dan el celebrado vino de Rivadabia" (sic), vén posuír un novo referente patrimonial. Esta terra de "pendentes esmaltadas de viñas", escrito en palabras do señor de Trasalba, ten desde agora un miradoiro privilexiado desde o que admirar a súa paisaxe xeórxica e o seu pasado prehistórico.

Compartir el artículo

stats