Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

BU 21, memoria do terror

Un espectáculo de Avento

Cartel da obra.

11 de setembro de 2001, sete da mañá. O tren metropolitano da liña 7 que vai de Flushing, Main Street (Queens), a Hudson Yards (Manhattan), e que collo en Woodside/61 St, está coma sempre ateigado de persoas, unhas medio durmidas e outras orbitando arredor da súa circunstancia, ou das alleas. Catro horas despois moitas desas persoas cruzamos a pé o Queensboro Bridge e imos camiño da casa por Queens Boulevard arriba. Aínda hoxe escoito aquelas voces, moitas amedrentadas e a maioría amables, mentres no sur de Manhattan, onde comeza a rúa Broadway, unha columna de fumo negro daba conta da traxedia. Naqueles días Peter Jennings desde a ABC mostraba a complexidade daquel golpe brutal, nun exercicio de ética xornalística realmente exemplar.

Esas voces anónimas que falan de traxedias inesperadas, que nos caen enriba sen apenas tempo para reaccionar, son as que estouran na obra de Stuart Slade, BU21, que con dirección de Xoán Abreu, vén de presentar estes días na Sala Ártika a compañía Avento Producións. O autor, que xa presentara coa compañía Theatre503 varias pezas (Amsterdamaged, Of Mice and Len, Deep Roots ou Cans) declaraba recentemente que despois do 11 de setembro a posibilidade dun ataque terrorista forma parte xa da nosa vida cotiá, especialmente se vivimos en grandes cidades. Tamén afirmaba que a súa peza BU21, con número de voo, quere entender o que lle acontece ás persoas que pasan por experiencias tan traumáticas.

Slade utiliza, de forma declarada, a técnica coñecida como "verbatim drama", desenvolvemento recente do teatro documento, que consiste en recuperar as voces reais dos protagonistas na hora de recrear determinadas problemáticas e conflitos. Así o fixo Anne Deavere Smith en Fires in the Mirror (1992) ou Robin Soans con A State Affair (2000); peza esta última que recrea as vidas dos mozos e mozas que habitan barrios depauperados de cidades industrias inglesas como Bradford, xusto cando aquela consigna do "No future" acabou coa vida de Andrea Dunbar, unha das dramaturgas inglesas máis notables do século XX, a quen Max Stafford-Clark e a súa compañía Out-Of-Joint, rendían homenaxe dez anos despois da súa morte por un derrame cerebral, aos 29 anos.

Tamén bota Slade man da técnica dos monólogos alternados, coa que Sarah Kane escribira unha das súas pezas máis duras e sórdidas, polo que mostra e polo que oculta, a titulada Degoiro (Crave), que escenificaba Diana Mera hai algúns anos coa compañía Arela das Artes. Unha peza, a de Sarah, na que catro voces, coma nun cuarteto de corda, compoñen unha tensa e intensa salmodia, fragmentada polos silencios e os esquecementos (casuais e intencionais), e articulada arredor de traumas, frustracións, violencia e desexo. Un cuarteto estridente, vibrante e cheo de dor, coma o que compuxo Karlheinz Stockhausen en 1993 para helicópteros.

BU 21 presenta seis vítimas directas ou indirectas dun suposto accidente aéreo provocado por un ataque terrorista que fai que o avión esfrague en pleno centro de Fulham, barrio de Londres. Seis persoas que logo do accidente acoden a unha terapia de grupo para recompoñer lembranzas, emocións, sentimentos, vivencias, e sobre todo unha vida desfeita. Seis persoas diferentes, procedentes de mundos diversos que poñen de manifesto que cando a barbarie abrolla non fai distingos étnicos, relixiosos ou de clase. Todos somos obxectivos potenciais. Seis persoas que tamén mostran as estratexias que se poñen en marcha para facer fronte á dor, desde a mirada mutilada de Ana ou a fuxida compulsiva de Alex, refuxiado nunha pel de insultante insolencia. Caretas que ao agochar a dor fan que esta sexa máis evidente. Un acerto, sen dúbida.

Muros fóra!

  • A peza propón unha mirada complexa ao problema do terrorismo que nos ameaza e nos encolle, e como mostra velaí a peripecia de Clive, o mozo con raiceiras arábigas que padece acoso escolar pola súa diferenza, como a padecen xa os escolares latinos nos Estados Unidos aos que os fillos dos White-Anglo-Saxon-Protestants (WASPs) berran que hai que facer un muro (Build the wall!!!), e ben máis grande que o de Berlín. Slade propón que sexa o amor o que cure os odios e as feridas, mais o amor é cousa igualmente complexa, tanto como as visións que hai do mesmo, que para moitos é un invento occidental.Con tanto a favor, non se acaban de entender as razóns de que o espectáculo se encha de certos ruídos, con obxectos innecesarios, con músicas que para alén da homenaxe a Freddy Mercury, só serven para acochar unha textura que non precisa doutros aditamentos que non sexa a simple interacción oral dos personaxes. É o que ocorre con esas versións de coñecidas cantigas que insisten en agochalas baixo unha orquestración innecesaria. Velaí, como exemplo, a versión que The Pogues fai de "The Auld Triangle", vella cantiga de Dominic e Brendan Behan, na que a voz quebrada de Shane MacGowan abondou para que a crítica exclamara "Fuckin' brilliant!" Pois iso, fóra os muros todos!

Compartir el artículo

stats