Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Oriana Méndez: "A poesía navega entre a oralidade e o silencio"

A escritora viguesa Oriana Méndez.

- Cal foi a idea xermolo que xerou a escrita de O que precede á caída é branco?

-A conciencia de vivirmos tempos acelerados, unha época que se derruba e nesa caída hai unha vertixe branca: cegadora. Esa é a idea matriz da que parte ese conxunto de poemas, sabermos nun momento urxente da Historia.

-Que fíos de conexións podemos atopar entre este libro e os seus dous poemarios anteriores?

-Neste último libro o que intentei describir é unha ruína, unha descomposición da orde das cousas, en contraste cunha determinada maneira de soñar a sociedade que chega pola vía da inminencia: están o que cae e o que anova. Penso que en Derradeiras conversas con Capitán Kraft había algúns lugares, espazos, puntos de vista que volven aparecer neste último libro, posto que se trataba do percorrido con fins políticos que un grupo de persoas anónimas -pensemos en algo semellante ao que hoxe é Anonymous- desenvolvían en Europa occidental. Cero é un libro que sinto máis lonxe agora e máis alleo e, en todo caso, non conecta directamente con O que precede a caída...

-En calquera caso, os seus tres poemarios publicados até agora teñen unha unidade de contido e forma. Por que este xeito de concibir a poesía?

-Non son defensora de separar o contido da forma. Pensemos mellor que son dúas caras da mesma moeda, como o significante e o significado en calquera palabra. Nese sentido, a unidade é algo inherente, vai de seu. Intento que contido e forma, que o poema no seu conxunto, abran portas, ofrezan novas preguntas e respostas. Suxiran, para quen le, novas percepcións. Se algo diso é posible.

-Este libro é un poemario con escenario físico, a cidade de Vigo, e xira moito arredor de palabras como "cidade", "cidadáns"?A cidade é para Vde., na sociedade actual, o símbolo máximo da opresión dos más poderosos sobre os máis débiles?

-De certo a miña cidade natal está viva e presente no libro. É un fío condutor. Máis que escenario, poderíase dicir que é protagonista. Suceden varias cousas: en primeiro lugar, non son unha gran coñecedora do rural e, desde o punto de vista do meu acceso ao coñecemento a través da poesía, interésanme máis os espazos mixtos, os espazos-entre, os espazos que son periféricos, pero tamén centrais dentro da súa periferia, os espazos que son urbanos pero que son rurais dentro da cidade... pensemos en calquera parroquia de Vigo. E as relacións sociais e tipos de vida que neles se producen: un home é traballador de Citroën; cando chega á súa casa en Bembrive convértese nun labrego minifundista e aínda é posible que actúe como pseudo-autónomo da sorte de taller mecánico que poida ter montado, ás agachadas, no garaxe da casa. A nosa é unha cidade volcánica, con múltiples e diversos focos de erupción. Por suposto, Vigo é un universo complexo e fascinante. Por outra parte, e respondendo directamente á pregunta: as cidades, desde que se produce a revolución industrial no XIX en Inglaterra, son o escenario por excelencia da loita de clases. Nelas encóntranse instaladas as grandes empresas e, con elas, as persoas que venden a súa forza de traballo para o enriquecemento do propietario, sexa este un ou varios, sexa nacional ou estranxeiro. No campo é diferente, pero non hai un só campo. Pensemos nas diferenzas entre Andalucía e Galicia. En Galicia os nosos gandeiros son propietarios e son tamén traballadores. En Andalucía os xornaleiros e os terratenentes representan con claridade a loita de clases. Ese é outro universo complexo.

- É doado atopar poesía en toda loita, sobre todo na loita de clases. Tamén é posible atopar poesía na violencia?

-Verás, prefiro ser clara. Son fenómenos de natureza: a loita de clases e o acto poético. A loita de clases e a violencia inherente que ela implica, dado que os privilexiados non adoitan repartir os beneficios por vontade propia, é un fenómeno de natureza social, que ten que ver coa toma de conciencia, por parte do 99%, de que os seus intereses (os da maioría que vive do seu traballo) e os intereses da minoría propietaria non poden avanzar polo mesmo camiño. Coa toma de conciencia desa imposibilidade (imposible por contraditorio) xéstase a loita de clases. Nese proceso ou nese feito social non intervén a poesía, non se trata de poesía, trátase da organización da vida. O acto poético é un fenómeno de natureza distinta que ten que ver coa linguaxe e con todo ese abano de expresión que chamamos arte. Un acto poético -un poema, un libro de poemas, un vídeopoema, unha intervención no espazo a través das palabras- pode ter en conta a violencia emancipadora dun pobo cando se fai dono de si mesmo, pero tamén pode non telo en conta en absoluto e ser, asemade, un acto poético brillante e permanente. Penso en poemas de Ingeborg Bachmann, nas cantigas de Mendinho ou en Carlos Oroza ou en Sylvia Plath. Á marxe, pois, do fenómeno concreto da loita de clases: é posible atopar poesía na violencia? Do que non me cabe dúbida é de que é atopamos violencia na poesía, porque o acto poético é sempre un acto de apertura, unha fractura para comprender o mundo, unha fenda a través da cal facer medrar visións do presente, do pasado, do que se desexa, do que perdura, da morte... pouco importa cal sexa o tema. O importante é a fenda e a tensión, ou sexa, a violencia na linguaxe.

-Aceptaría de bo grado que a súa escrita fose definida como "poesía de combate"?

-Penso que te refires a unha tradición literaria que se enmarca no chamado socialrealismo coa cal non me identifico ou non me interesa especialmente. O realismo social caracterizouse, no meu punto de vista, por dúas cuestións: unha, tomar os lectores por incapaces e dúas, tomar a política por un fenómeno lineal e simple. Eu non creo nin a unha nin a outra. Non quero dicir con isto que o que eu poida facer estea por riba de calquera poema socialrealista, nin moitísimo menos. Non é iso o que quero dicir, só quero precisar que os meus postulados non coinciden cos da poesía socialrealista. Interésanme o que coñecemos como vangardas, en todas as dimensións da arte e en diferentes épocas: Kandinsky, Kafka, Mayakovski, Chus Pato, Wallace Stevens, María Ruido. A mestura é deliberada. O interesante é que son proxectos que toman aos seus interlocutores por seres intelixentes, seres pensantes capaces de ir máis alá dos manuais de instrucións, dos libros de receitas. Son proxectos que conciben a posibilidade dunha vida crítica, dunha alta vida. Manuel Antonio díxoo mellor que ninguén de forma moi breve: "máis alá!", e de maneira máis desenvolvida trazou o plan no manifesto titulado precisamente así: Máis alá!

-O xeito de que Vde. sexa filóloga, inflúe nunha maior autoesixencia na súa linguaxe poética?

-Son licenciada en Filoloxía pero non traballo como filóloga; tampouco investigo en ningún dos seus ámbitos. Isto dáme unha certa conciencia sobre a lingua e sobre a capacidade lingüística. Tendo a identificar a prosodia de quen me fala e situalo no mapa, non caio con facilidade en etimoloxías alegremente inventadas, detecto anacolutos con rapidez e algunhas outras xeralidades que calquera licenciado en Filoloxía compartirá. Máis alá diso, non teño maior autoesixencia coa lingua que calquera poeta formada noutra disciplina.

-Toda boa poesía que se prece de tal, nace para ser lida en voz alta ou poden compoñerse bos poemas malia que sexan escritos sosmente para seren lidos "no silencio"?

-O vínculo entre a poesía e a oralidade coñecémolo aquí mesmo, neste lugar chamado Vigo (do latín "vicus", aldea... a cidade industrial non sempre o foi), desde a Idade Media. Pero tamén o vínculo entre a poesía e o silencio, sen el non sería posible atopar a perspectiva, o momento para respirar, o momento para ver. Oralidade e silencio son os dous modos interconectados, imprescindibles, entre os que navega a poesía. A escritura é un fenómeno ben máis recente. Ao longo do século XX, a poesía escrita cobrou un protagonismo case absoluto e acompañouse dun nimbo de rigor. Porén, a oralidade sempre volve. Vexamos Cinta Adhesiva: os magníficos poemas de Silvia Penas entroncan coa música e cobran vida cando ela os pronuncia. O mesmo acontece con outros proxectos poéticos de hoxe, como as AldaoLado. A oralidade sempre está e os recitais de poesía, en distintas versións, seguen vivos e fan que a poesía voe.

Compartir el artículo

stats