Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ENTREVISTA: Manuel Gago Mariño

"A preservación do Patrimonio é un recurso estratéxico"

O xornalista é creador dunha web na que se rexistran más de 6.500 bens culturais galegos

Manuel Gago Mariño

- Como, cando e por que naceu Patrimonio Galego? Cales son os obxectivos prioritarios desta iniciativa cidadá e cultural, plasmada na web do mesmo nome?

-Patrimonio Galego naceu no mes de maio do ano 2011, co obxectivo de facer visible o inmenso patrimonio cultural do país e en resposta ás dificultades de acceso que existen para consultar os inventarios públicos do patrimonio cultural por parte da Xunta de Galicia. Como cidadáns, estabamos preocupados pola invisibilización do patrimonio cultural, especialmente no rural, pero tamén por coñecer en que estado se atopa e alertar sobre os problemas que poida padecer.

-Aparentemente, semella moi doado de entender, pero talvez hai que concretalo máis. Á hora de facer un catálogo sobre o Patrimonio Galego, que se considera "Patrimonio Galego" e que non se interpreta como tal?

-Pois é unha moi boa pregunta. A definición de patrimonio cultural é cambiante, e cada xeración, ou mesmo colectivos diferentes, poden ter ideas distintas do que é patrimonio cultural, e o que debe ser protexido e o que non. Cando pensamos patrimoniogalego.net, fixémolo, precisamente, para ver que percepción existía do patrimonio cultural. Sorprendeunos, por exemplo, que máis que catalogar bens arqueolóxicos (que era o que pensabamos que ía acontecer), os usuarios catalogan máis eses elementos que seguen a ser referencias nas parroquias (cruceiros, hórreos, fontes, igrexas...).

-Dende que xorde esta iniciativa, teño entendido que levan Vdes. xa 6.500 bens catalogados. Que é o que debe facer un cidadán que desexa que un ben cultural pase a formar parte do seu catálogo de Patrimonio Galego?

-Simplemente, ter ganas, inscribirse e comezar a catalogar alí onde hai bens que non foran publicados previamente en patrimoniogalego.net. Un equipo de asesores especializados vaino axudar para que as fichas teñan unha boa calidade formal, co cal tes garantía de que o teu contido vai saír bastante ben.

-Cando reciben a notificación sobre un determinado ben cultural, que proceso se pon en marcha para incorporalo ao seu catálogo?

-O catálogo medra polas fichas dos catalogadores. Nós, como equipo editorial, non incorporamos fichas ao catálogo, aínda que si a título individual.

-Veñen de elaborar unha Lista Vermella na que figuran máis de corenta bens en perigo. Que criterios se srguiron para elaborar esa listaxe?

-A lista si a elaboramos os editores. Fundamentalmente, trátase dunha ferramenta de visibilización daqueles bens culturais que teñen un risco inmediado de desaparición e destrución e/ou modificación dun ben cultural sexa por obras, infraestruturas, abandono, etc.

-Existe en Galicia unha suficiente concienciación cidadá sobre a importancia de preservar o noso patrimonio cultural e histórico ou este é un terreo no que habería que traballar máis a fondo, incluso dende as escolas primarias?

-En Galicia existe unha concienciación cidadá crecente que, ademais, está a ser un referente de boas prácticas no Estado. Pero aínda nos falta moitísimo por facer en cousas básicas como a educación, efectivamente, ou en chegar a moitísima máis poboación. Os alumnos galegos a penas coñecen a Historia do seu país na escola, por exemplo, e se non a coñecen, é difícil que valoren o patrimonio consecuencia desta.

-Como valora,en xeral, o comportamento das institucións políticas galegas a respecto da conservación do Patrimonio?

-Obviamente, a asunción das competencias de Patrimonio pola Xunta foi directamente positivo para o noso patrimonio, pero tamén creou numerosas problemáticas, coma o feito de que a Administración foi incapaz de explicar aos propietarios o novo marco legal (restritivo) de protección do patrimonio e, con iso, creou unha dinámica de desprezo e xenreira cara aos bens culturais na poboación que estamos pagando aínda hoxe. Na actualidade, os datos son obxectivos: a xulgar pola parálise orzamentaria e de persoal da Dirección Xeral de Patrimonio, o Goberno autonómico non aposta por este importante recurso estratéxico, que é económico e social.

-Que países poñería Vde. como modelos a seguir neste campo da conservación dos seus bens culturais?

-Sen dúbida, o Reino Unido e Francia. O Reino Unido, polo dinamismo da sociedade civil na implicación na conservación e popularización do patrimonio cultural. No caso francés, pola implicación real do Estado na protección e restauración.

-Cal é, ao seu xuízo, a época histórica galega que destaca por la importancia dos bens culturais que aínda se conservan?

-É difícil de dicir, porque cada quen ten a súa querencia nisto, e nas cousas do querer as persoas sempre levan a razón. A min interésame moito a Idade do Ferro, porque é a época na que se produce unha ocupación tanxible e real do territorio e a súa monumentalización. É o momento da fusión entre territorio e tecnoloxía humana, creando unha densísima paisaxe fortificada única, na súa escala de intensidade e densidade poboacional, en toda Europa.

Compartir el artículo

stats