Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Realismo e innovación

Unha fermosa novela xuvenil

Realismo e innovación

O premio Jules Verne de literatura xuvenil de 2014, un dos máis prestixiosos dos premios literarios do país, acadouno Eduardo Santiago (Pontevedra, 1964) grazas a O gran reino unha fermosa novela xuvenil na que a realidade, dura e cruel por momentos, se confunde cunha historia paralela, se cadra creada pola mente castigada e enferma da protagonista.

Gala, alguén que resulta imposible non pensala como inspirada na Alicia de Carroll, é a protagonista da narración. Unha rapaza, unha adolescente coma tantas tirada da actualidade, que é rexeitada polas súas amigas pola súa tendencia a evadirse e imaxinar imposibles. Unha enfermidade derivada de desordes alimenticios lévaa a entrar nun psiquiátrico onde a súa mente a leva a loitar contra as batas brancas e mergullarse nun mundo, se cadra derivado da súa propia mente, brillante e enferma, onde a fantasía e os enigmas son o elemento imperante.

Unha novela onde a realidade e a fantasía van parellas, na que a partir dunha doenza tan grave coma a anorexia e dunha situación de icomprensión e falta de afecto das que é vítima unha rapariga, que aparentemente ten todo e non lle falta nada, se debuxa un mundo fantástico que semella saír da propia Gala, diagnosticada como neurótica e obsesiva polos que eles pensa os seus inimigos. Esta conxunción entre o real e o irreal resulta máis que acertada, e o feito de amosar o fantástico coma algo susceptible de existir só na mente da protagonista é, sen dúbida, o punto máis forte e logrado da novela, así como o seu desenlace, abraiante e inesperado.

A autor presenta unha novela para adolescentes que ben puido correr o risco de converterse nunha chea de topicazos baseados nun de tantos casos semellantes, pero que grazas á súa mestría e bo quefacer se amosa como unha obra moderna e innovadora de base real, que fai reflexionar sobre aspectos sociais e filosóficos que consegue penetrar no mundo literario fantástico recreando reinos marabillosos habitados por personaxes incribles.

A lectura apaixona e engancha dende o primeiro momento, a protagonista pasa por momentos nos que goza máis ou menos da nosa simpatía e solidariedade. Fainos sentir e dalgún xeito vivir a novela. Algo que non é doado, pero que cando se consegue é difícil esquecer.

SANTIAGO, Eduardo, O gran reino, Ed. Xerais, Vigo, 2014, PVP. 13, 60 e

Compartir el artículo

stats