Até finais deste mes de setembro pódese contemplar na viguesa Fundación Laxeiro a exposición Fausto Isorna. O ceo das ilusións e outras colaxes na que se repasa a traxectoria do deseñador gráfico, ilustrador e artísta plástico Fausto Isorna (Catoira, 1961), inserindo obras que van desde a década dos noventa até a actualidade.

A colaxe, medio expresivo da súa obra e da totalidade do material exposto, é nas súas mans unha técnica extremadamente adecuada para o traballo de ilustrador e de deseñador gráfico. Para este propósito o artista segue formulas visuais que nos transportan á arte dos oitenta -o período da súa formación plástica e profesional- e ao tempo debedoras da tradición da vangarda clásica, un aspecto que semella que o artista quere evidenciar e mesmo resaltar; velaí obras como A propósito de Magritte (2013) ou A propósito de De Chirico (2013), que nos títulos e na formulación plástica evidencian esta relación cun tipo de creadores ligados á construción dun universo desde o interior, desde o onírico. En común con esta tradición, o traballo de Fausto Isorna caracterízase por convertir a incertidume en método de creación, e a indeterminación aparente nun procedemento, moi na liña do surrealismo clásico.

Fausto Isorna, na tradición formal e temática de certa colaxe surrealista, crea imaxes que entran en contradición coa redución racionalista do mundo utilitario. O seu punto de partida, neste sentido, é unha multiplicidade de informacións visuais, empregadas posteriormente dun xeito libre e fragmentario. Contemplando os súas ilustracións percibimos perante a nosa vista que as imaxes utilizadas poden distinguir varios puntos de captación e posibilitan abertas lecturas, de feito son diferentes informacións as que nelas converxen. Neste sentido cómpre subliñar que o material de partida ten algo de enciclopédico na súa variedade, outra nota común coas obras de moitos artistas da vangarda histórica, e penso, por exemplo, en Max Ernst, servindo para un tipo de imaxes que tenden á construción narrativa, non en van o Fausto Isorna é un recoñecido creador de banda deseñada.

O que vemos, en todo caso, non son senón anacos, mais o que acontece é que como espectadores do mundo de hoxe xa temos a vista afeita a estas propostas e a mente acostumada ao universo fragmentario que a colaxe transmite e isto pode provocar en ocasións que o traballo, perdida a forza de estrañamento que a técnica tivo en orixe, acabe por resaltar as cualidades puramente ilustrativas. Enténdase este comentario non como unha crítica negativa ao traballo do autor, senón como unha descrición, obviamente subxectiva, das virtudes -innegábeis- das obras como eficaces obras de ilustración. Porque é nese terreo onde o traballo de Fausto Isorna loce con todas as súas cualidades, en especial cando se liga ao mundo editorial, no que o autor ten unha longa e exitosa traxectoria profesional.

Título: Fausto Isorna. O ceo das ilusións e outras colaxes. Autor: Fausto Isorna. Comisario: Javier Pérez Buján. Local: Fundación Laxeiro, Casa das Artes, Vigo. Até o 28 de setembro

Un amplo currículo

Recoñecida figura dentro do mundo artístico galego, Fausto Isorna foi realizando, dentro do seu largo currículo, un conxunto de traballos dentro de variados campos: o deseño gráfico, a ilustración, a edición e mais a banda deseñada. Nos seus anos de mocidade, entrados os anos oitenta, Fausto Isorna principia a súa carreira como autor de banda deseñada a través de revistas de creación propia, autoeditadas como Diplodocus e tamén participando en publicacións como Aula Aberta, Tintinman ou en xornais como El Correo Gallego. En 1983 crea o fanzine Valium Dez, que rapidamente se converte no fanzine de referencia desa época con mil exemplares vendidos. Tamén participa na creación da revista Das Capital, sen dúbida un preludio do que logo sería o seu labor como editor. Ao mesmo tempo, Fausto traballa en proxectos de produción propia, dando ao prelo dous álbumes como Os viaxeiros do tempo e a serie Un misterio para Simón. En 1999, baixo o amparo de Edicións Xerais, Fausto Isorna exerce o labor de director artístico e creador do personaxe que dá nome á revista Golfiño, un referente básico na historia da Banda Deseñada galega e porta de entrada no cómic para numerosos mozos lectores da época. En 2002, grazas á grande popularidade da revista, Golfiño pasa a ser distribuída como suplemento do periódico La Voz de Galicia, acadando tiraxes sen precedentes de máis de 160.000 exemplares.

Nos últimos anos, Fausto Isorna alterna o seu labor como ilustrador de libros infantís e xuvenís con traballos como deseñador gráfico, escenógrafo e creador de sitios web. Tamén é coñecido o seu labor como director na editorial El patito editorial. Fausto recibiu o Premio Ourense de Banda Deseñada en 1996 a toda unha traxectoria, concedido pola Casa da Xuventude de Ourense