Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Boa viaxe, Tita

A mestra Antía Cal. / ARQUIVO FDV

O pasado mércores, cando todo o mundo estaba aínda falando sobre a labazada de Will Smith a Chris Rock durante a cerimonia dos Oscar e debatendo sobre isto como se o futuro do planeta dependese de tal suceso, pensaba en que, no fondo, iso significaba que a vida empezaba a parecerse á que tiñamos antes da pandemia. Durante case dous anos, o único tema arredor do que xiraron as nosas conversas foi o coronavirus. Ese feito, mudou. Matinaba no feito de que o virus estea deixando de ocupar un papel protagonista cando outra nova irrompeu dese xeito en que irrompen os acontecementos que te obrigan a deterte. Faleceu Antía Cal, a mestra da palabra xusta. Unha pedagoga que revolucionou o ensino en Galicia nun momento en que tal cousa semellaba unha utopía imposible. Esa mesma mañá, cheguei a unha escola da Coruña onde unha mestra me recibía comentando a aprobación polo Consello de Ministros do novo curriculo da ESO. Falaba deste tema coa boca pequena e con preocupación, coma se estivese pensando en voz alta e non houbese ninguén escoitando. “Parece que hai cambios importantes”, murmurou. Sempre que se produce unha modificación de certo calado, o profesorado reméxese. Nos últimos anos, observo que a cantidade de documentación e burocracia que teñen que manexar resulta asfixiante. “Eu quero dar clase, non cubrir impresos”, semellan pensar. Ao fío desta cuestión, venme á cabeza unha das frases de Antía Cal que voan estes días polos xornais e polas redes: “ver unha clase ben dada é como ir a un concerto dunha boa orquestra”. Antía naceu na Habana o 18 de abril de 1923. Filla de emigrantes de Lugo, casou no ano 1947 co oftalmólogo Antón Beiras e tivo catro fillos que foron educados en galego. Antía Cal dicía: “non se pode ensinar o galego, que é lingua propia, coma se fose inglés”. Eu teño a certeza de que, a día de hoxe, hai moitas nenas e nenos galegos que se manexan moito mellor en inglés ca en galego.

A autora deste artigo, Ledicia Costas, xunto a Antía Cal Marta G. Brea

Antía Cal fundou no ano 1961 en Vigo o seu soño: a Escola Rosalía de Castro, unha escola progresista, laica e igualitaria, en pleno franquismo, o que lle ocasionou algún que outro enfrontamento coas autoridades da época por ser demasiado revolucionaria, demasiado alternativa. A Antía, o seu alumnado queríaa pola vida. Lembro unha conversa con Jacobo Buceta, falando dela con verdadeira paixón, consciente de que ser alumno seu fora unha fortuna inmensa. Escoitándoo, eu pensaba: “que bonito é ser neno cando es feliz na escola”. Así se despediu dela nas redes: “Adiós a Antía Cal, Tita para sus alumnos. Revolucionaria en la pedagogía puso a la Escola Rosalía de Castro a la vanguardia educativa. El inglés desde parvulario, el gallego, los valores, educar en igualdad… Lo suyo era pasión por enseñarnos. Adiós, Tita.” 

Antía Cal creou a súa propia filosofía dentro dunha escola onde as aulas levan nomes coma os de Marie Curie, Carlos Maside ou Alexandre Bóveda

Co aprendido no Centro de Enseñanza Rosa Sensat e tamén inspirada por métodos que estaban revolucionando centros educativos de Suíza ou Inglaterra, Antía Cal creou a súa propia filosofía dentro dunha escola onde as aulas levan nomes coma o de Marie Curie, Carlos Maside ou Alexandre Bóveda. Todas as persoas que choran a súa perda, tamén celebran a oportunidade de coñecela. Coma se fosen os escollidos para gardar un legado impagable. Boa viaxe, Tita!

Compartir el artículo

stats