Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Beethoven, humano e ferido

Retrato dun xoven Beethoven.

Abro a fiestra, boto unha ollada inocente e vexo que esta rúa sempre está en obras, pero non para humanizala senón para poñer parche tras parche que se fan inútiles.

Afasto do meu pensamento estas molestias cotiás e volvo coller da mesa da sala o álbum Beethoven. Un músico sobre un mar de nubes (Random Cómics). O seu autor, Ramón Gener e o ilustrador, Fernando Vicente, dan vida a unha obra moi recomendable e atraente. Poucas veces dei cun libro que puxese tanto o acento no aspecto persoal, humano, do xenio de Bonn. Este descubrimento levoume a escoitar as 32 sonatas para piano, executadas polo pianista chileno Claudio Arrau – un clásico da obra de Beethoven – quen, coa súa técnica extraordinaria e o seu virtuosismo único, acometeu este marabilloso monumento da música de sempre.Unha creación emotiva, xeradora dunha nova maneira de tratar o instrumento o que permitiu agrandar as súas posibilidades harmónicas e dinámicas. 32 espazos de tempo excelsos que me levaron a intres dunha intensidade emocional difícil de expresar con palabras.

A escoita empurroume a falar dalgúns aspectos humanos do compositor, demasiadas veces maltratado por esquivo e desagradable.

Deixarei á beira a música para centrarme nalgúns trazos da súa personalidade descoñecidos para o gran público. Goëthe, con quen tivo varias disputas dixo del: ”Era o artista máis independente e enérxico que vin nunca. O seu talento impresionoume enormemente”.

Pero como era Beethoven, que pensaba, que sentía?

Difícil aseguralo de vez, debido a que o seu discípulo Anton Schindler (cunha mestura de servilismo, adoración e odio cara ao mestre) falsificou máis de 150 pasaxes claves do “caderno de conversas”, escribiu unha biografía completamente deformada do compositor converténdose nun completo impostor e fixo moito dano aos investigadores que estudaron a vida de Beethoven ao longo do tempo.

Eu teño unha imaxe do xenio ben diferente tras ler diversos libros biográficos. E o álbum antes citado vén confirmar as miñas opinións.

Vexo a Beethoven por riba de todo como un home no máis amplo sentido da palabra. Deu moito e recibiu pouco dunha sociedade falsa e cínica. Faltáronlle armas para defenderse das feridas que lle produciron.

Procurou o seu outro “eu” sen atopalo e afastouse do mundo.

Porén o seu corazón latexou decote con calor pola humanidade, por todos os homes de ben que tanto precisan de apoio cotián.

Beethoven, como afirma Ramón Gener, “foi un republicano nato, contrario a calquera política enfocada a que un home fose máis ca outro”.

A súa música é a expresión das conquistas sociais da época. Unha declaración honesta, moral e ética conectada á Revolución Francesa, da que criticaba, iso si, os excesos. Os ideais revolucionarios foron o eixe central da súa vida. O seu enfrontamento ao absolutismo foi claro e sen físgoas.

A súa vida toma un xiro excepcional cando comeza a escoitar asubíos e zunidos nos oídos e, malia mil intentos terapéuticos, foi empeorando a súa capacidade auditiva ata que a xordeira deveu tristemente definitiva.

Unha traxedia sufrida en solitario, que para Beethoven tivo terribles consecuencias.

É ben sabida a admiración que o compositor sentía por Napoleón, a quen lle dedicara a Sinfonía nº 3 ,“Heroica”, mais a autoproclamación do militar como emperador levouno a quitar a dedicatoria da partitura de tan marabillosa sinfonía. Así era de libre Beethoven.

Especialmente conmovedor foi o seu intento de dirixir a “Novena” completamente xordo. Nesta histórica interpretación, no seu mundo silencioso movía as súas mans sen ton nin son. Un espectáculo dun home xordo que, afundido, se deixou caer na cadeira e limitouse a pasar as follas da partitura que repousaba no atril. Pero a súa música grandiosa, ese mesmo día, emprendía un camiño cara á eternidade entre unha ovación clamorosa.

E se falamos de amor, Beethoven viviu sempre na fase do namoramento perpetuo. Pasou a vida namorándose, pero sendo incapaz de casar, algo misterioso, porque nunca estivo en contra do matrimonio e mulleres de toda condición sentíronse atraídas por el. Fracasou en cada relación dun xeito estrepitoso e deixounos ese misterio da Amada Inmortal que tantas hipóteses segue a provocar entre os especialistas.Falta ese documento definitivo que o clarexe algún día.

E non, non foi un misántropo, foi un home ferido pola enfermidade auditiva. Nin misántropo, nin testán nin túzaro. El mesmo confesóullelo aos seus irmáns nunha emotiva carta. Beethoven foi un ser bondadoso que loitou pola liberdade e a irmandade do ser humano ao longo da súa convulsa vida.

Acaba o espazo para seguir. Diría tanto…

Así que o mellor é escoitar a súa obra.

Remataredes queréndoo.

Compartir el artículo

stats