Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha caseta da Feira do Libro de Vigo, na súa edición do ano pasado.

Os libros saen á rúa do Príncipe

Esta semana recibimos a noticia de que máis da metade da poboación española ten, polo menos, unha doce da vacina contra o coronavirus. É dicir, 23,7 millóns de persoas. Na Unión Europea, esta porcentaxe aumenta ata o 57%. Cun ritmo de vacinación abraiante afrontamos este verán con outro ánimo ben distinto ao anterior, onde todo semellaba un espellismo. Coma se a posibilidade de estar coas amigas e cos seres queridos tivese data de caducidade. Esta vez non.

A Xunta de Galicia explicou en días anteriores o protocolo para a desescalada das máscaras. Desde onte, en exteriores, só é obrigatoria cando non sexa posible gardar o metro e medio de distancia de seguridade. Aumentan os capacidades máximas, regresa o ocio nocturno, recuperamos gran parte do que nos fora arrebatado polo coronavirus. A máscara converteuse nunha especie de escudo. Empezar a quitala semella un acto simbólico. Mais nestes últimos días escoitei a moitas persoas repetir que estaban tan afeitas a ela, que non queren sacala. “Ir sen máscara é coma ir espida”, díxome alguén. No que todo o mundo semella coincidir é na necesidade de aproveitar estes meses e espremer as actividades ao aire libre. O confinamento marcounos de tal xeito que necesitamos facer vida no exterior.

  • Fin de la mascarilla en Galicia: cómo, cuándo y dónde podré dejar se usarla

Nesta semana que entra inaugúrase unha das miñas citas anuais favoritas, desde nena. O 1 de xullo ás 13:00h arranca a Feira do Libro de Vigo con pregón a cargo da escritora María Reimóndez. Durante uns días, a Rúa do Príncipe vaise converter nunha celebración arredor da literatura, con especial coidado e atención ao libro galego. Nese sentido, as Feiras do Libro de Galicia son para nós, as autoras e autores, un espazo de visibilidade necesario. Mais tamén unha oportunidade para estar en contacto co público. As sesións de sinaturas son momentos ce certa intimidade, onde se crea un clima especial. Sobre todo, despois de pasar tantos meses sen poder presentar e defender os nosos libros, por mor das restricións. A sensación era moi desacougante. Os novos libros chegaban ás librarías, mais non podíamos falar deles diante dos lectores e lectoras, a promoción desapareceu, coma tantas outras cousas. É coma sen nos cortasen as ás. Supoño que por todo isto agardo a Feira do Libro de Vigo con tanta expectación. É a oportunidade que temos de reencontrarnos co público. Haberá sesións de sinaturas desde o día 1 ata o día 10. Ademais de autoras e autores con obras publicadas nas editoriais con sede en Vigo, coma a Editorial Xerais, a Editorial Elvira ou a Editorial Galaxia, tamén haberá representación de factorías coma Apiario, Kalandraka, Através Editora, Laiovento… Nas casetas poderán conseguir unha sinatura do mítico grupo Rompente, que acaba de publicar na Editorial Elvira o valioso libro Que hostia din os rumorosos. Tamén poderán conseguir unha sinatura de Santiago Lopo, coa súa novela A carteira (Xerais), da poeta María Lado, co seu Gramo Sthendal (Apiario), ou da viguesa María Oruña, que estrea éxito despois de arrasar con El bosque de los cuatro vientos (Destino) e estará asinando a novidade O que a marea esconde (Aira Editorial). Tamén autoras e autores coma Fran Alonso, Pedro Feijoo, Antonio García Teijeiro, Paula Carballeira, Alberto Cunha, Beatriz Gregores, María Reimóndez, Ismael Ramos… Máis de 60 sesións de sinaturas de obras de todos os xéneros e para todas as idades, coordinadas polo crítico Ramón Nicolás, a quen desde aquí agradezo o seu magnífico labor. Agardo que sexa unha boa feira. Mais, sobre todo, agardo con ansia polo público infantil, ao que tanto boto de menos, despois dun curso onde case a totalidade dos encontros foron virtuais. Merecemos un verán cheo de libros e de sorrisos, diante e detrás da máscara.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.