FESTAS DO ALIVIO 2025

Sandra González, alcaldesa de Tomiño: «O máis bonito do Alivio é que nos lembra que non somos individuos illados»

As festas patronais chegan con propostas para todas as idades do 8 ao 13 de setembro

O homenaxeado no clásico Acto Cívico será Manolo Álvarez, «desas persoas imprescindibles, que non buscan titulares nin recoñecementos, pero sen as que unha comunidade non podería avanzar»

Sandra González, alcaldesa de Tomiño. / Concello de Tomiño

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Un ano máis, o Concello de Tomiño prepárase para vivir unha das grandes citas do ano, as Festas do Alivio. Do 8 ao 13 de setembro, os veciños e veciñas aproveitarán as últimas xornadas de verán cun programa cheo de actividades para tódolos públicos.

Os festexos desenvolveranse na Praza do Seixo, onde haberá espectáculos infantís gratuítos, orquestras e shows circenses, e onde se celebrará o xa tradicional Acto Cívico o próximo sábado 13. Falamos coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González, para saber máis sobre o evento e sobre o que lle depara ao municipio nos próximos meses.

Que supoñen as Festas do Alivio para o Concello de Tomiño e, especialmente, para a súa veciñanza?

As Festas do Alivio son o gran momento de encontro do noso concello. Son días de celebración compartida, nos que toda a veciñanza se recoñece como parte dun mesmo Tomiño, máis alá das parroquias. Son tamén a maneira máis bonita de despedir o verán e dar a benvida a unha nova etapa, coa volta ao cole para os nenos e nenas e o regreso á rutina para todos. O Alivio dálle identidade, cohesión e orgullo a este pobo, e iso nótase cada setembro.

Estas festas sempre teñen moi presentes aos máis pequenos. Este ano, por exemplo, non faltarán a maxia ou os concertos infantís. Por que é importante programar pensando neles?

O Alivio é tamén a festa dos nenos e nenas por iso é importante reservarlles un espazo propio. E como coincide coa volta ás aulas organizamos actividades cedo, que lles permitan desfrutar mantendo as súas rutinas.

Ademais, un ano máis teremos unha tarde de atraccións sen música nin megafonía, pensada para facer a festa máis inclusiva. Esta iniciativa, que promovemos xunto coa Comisión de Festas e coa asociación Un Máis, busca reducir o ruído e facilitar que persoas con hipersensibilidade auditiva ou outros trastornos sensoriais poidan gozar en igualdade. O domingo 14, de 17.00 a 20.00 horas, haberá atraccións sen son, para que ninguén quede fóra da celebración.

Xa se pode saber quen será o homenaxeado ou homenaxeada o próximo sábado no Acto Cívico do Alivio?

Este ano o recoñecemento é para Manolo Álvarez, un home que representa á perfección a constancia, a humildade e o compromiso co ben común. Dende a súa vida laboral na construción ata a súa implicación en distintas comisións de festas e, sobre todo, o seu traballo incansable á fronte da traída de augas, Manolo dedicou sempre o seu tempo e esforzo a mellorar a vida da veciñanza.

Homenaxealo a el é homenaxear a tantas persoas que, en silencio, constrúen comunidade. É un exemplo de xenerosidade e esforzo, e encarna todo aquilo que queremos poñer en valor no Alivio: identidade, convivencia e orgullo compartido.

Manolo Álvarez, homenaxeado no Acto Cívico deste ano. / Gustavo Rivas

Por que decidiron dedicarllo este ano?

Porque Manolo é desas persoas imprescindibles, que non buscan titulares nin recoñecementos, pero sen as que unha comunidade non podería avanzar. A súa vida fala de compromiso e esforzo, de traballar sempre pensando nos demais. A súa pegada é fonda e quedará para sempre na memoria colectiva. Este ano pareceunos o momento perfecto para poñelo en valor e agradecerlle publicamente o que fixo e segue facendo.

Que mensaxe lle lanza aos veciños e veciñas de Tomiño de cara ao arranque destas Festas?

Que desfruten, que compartan, que saian á rúa e vivan a festa coa súa xente. Porque somos comunidade e as festas son a mellor escusa para reencontrarnos, conversar, rir e gozar xuntos. O máis bonito do Alivio é que nos lembra que non somos individuos illados, senón parte dun pobo que se recoñece na convivencia.

O outono traerá a Tomiño a inauguración da biblioteca municipal, o Espazo Isaura Gómez

Co Alivio dáse por rematado o verán. Pero que garda a tempada de outono para o municipio?

Un fito moi esperado: a estrea da nova biblioteca municipal, o Espazo Isaura Gómez. Non falamos só dunha biblioteca, senón dun centro sociocultural de referencia, que integrará arquivo, Aula CeMIT e outros servizos, e que nace para ser un espazo vivo, de encontro, formación e dinamización cultural. É un edificio pensado con criterios de sostibilidade e eficiencia enerxética, con certificación PassivHouse. Un proxecto do que estamos moi orgullosos, polo que levamos moitos anos traballando e que marca o futuro cultural e educativo de Tomiño e de toda a comarca.

Recentemente iniciado o novo curso político, que proxectos principais vertebran a folla de ruta do Concello?

Este novo curso político chega cargado de retos e ilusións para Tomiño. Ademais da posta en marcha do Espazo Isaura Gómez seguimos avanzando no proxecto da Casa da Cultura, outro espazo clave para a vida comunitaria e a dinamización social. E comezamos o curso con todos os centros escolares listos tras investir máis de 122.000 euros en melloras e mantemento durante o verán para que alumnado e profesorado dispoñan de instalacións nas mellores condicións. E coa volta ao cole regresan programas pioneiros como o EncaixaT, que aposta por unha atención integral ás necesidades educativas, ou a nosa Axenda de Impacto Saudable, con iniciativas que melloran a calidade de vida da veciñanza.

«Coa volta ao cole regresan programas pioneiros como o EncaixaT, que aposta por unha atención integral ás necesidades educativas, ou a nosa Axenda de Impacto Saudable, con iniciativas que melloran a calidade de vida da veciñanza»

Sandra González

— Alcaldesa de Tomiño

Pero tamén traballamos en proxectos menos visibles, aínda que fundamentais. Un exemplo é a grande obra de saneamento en Carregal, que se suma ao esforzo continuo que estamos a facer en distintas parroquias para modernizar a rede e apostar por diferentes sistemas de depuración. Isto é progreso real, que garante servizos básicos de calidade e tamén coida o medio ambiente.

E seguimos a poñer o foco nos espazos de convivencia. Recentemente remodelamos a praza de Estás, estamos xa traballando nun novo espazo público en Tebra e queremos continuar transformando lugares de encontro nas parroquias, porque todo Tomiño merece infraestruturas modernas, cómodas e pensadas para a vida en común.

E que balance se fai do conseguido ata agora neste 2025?

Pulsa para ver más contenido para ti

Para nós o concello está cambiando ano a ano, con novas infraestruturas, mellores servizos e máis oportunidades. Pero, sobre todo, con máis espazos para vivir en comunidade. Agora ben, a verdadeira medida non está no que dicimos nós, senón no que percibe a veciñanza. Os tomiñeses e tomiñesas son a nosa inspiración e os que deben facer balance, porque son o mellor termómetro para avaliar se imos polo camiño correcto.

Noticias de Portada Leer Noticias cerca de ti CercaJuegos Jugar