navidad 2023

Mar de Santiago, xeodestino de referencia nacional

En tres anos experimenta un crecemento do 22 % » Vilanova de Arousa, Catoira, Valga e Pontecesures rexistran un aumento de turistas nacionais

Estación marítima de Vilanova de Arousa.

Estación marítima de Vilanova de Arousa. / Cedida

M. González

Mar de Santiago toma impulso como xeodestino de referencia a nivel tanto nacional como internacional. De acordo coas estatísticas do Instituto Nacional de Estatística (INE), o número de visitantes nos municipios de Vilanova de Arousa, Catoira, Valga e Pontecesures incrementouse en case un 22% nos tres últimos anos. 

“Aínda que se trata dunha estatística de carácter experimental, si que nos aporta datos significativos sobre o incremento da afluencia de visitantes ao noso xeodestino. Estos resultados non deixan de ser unha recompensa ao intenso traballo promocional que os catro Concellos desenvolven de xeito conxunto a prol de dar a coñecer a singularidade e importancia deste territorio”, indican desde Mar de Santiago

De acordo cos datos do INE, os catro municipios pasaron dun total de 16.811 visitantes nacionais no 2021 a 20.466, nos dez primeiros meses deste ano. Isto supón un aumento dun 21,75% nos últimos tres anos, que coincide cos diversos esforzos en materia de promoción realizadas polo xeodestino. 

Os meses de verán resultan especialmente significativos para o territorio, xa que entre xuño e setembro é cando se concentra o maior número de visitas. Destacar que neses meses se concentran iniciativas como a expedición da Ruta Quetzal ou distintas celebracións como a Romaría Vikinga de Catoira, a Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova ou a Festa da Anguía e da Caña do País en Valga. Contribuíndo á destacionalización, rexístranse incrementos de visitas entre os meses de marzo e abril, coincidindo coa celebración da Semana Santa e tamén coa Festa da Lamprea de Pontecesures. 

Os meses de verán foron os de maior afluencia.

Os meses de verán foron os de maior afluencia. / Cedida

A nivel xeral, a media de visitantes ao xeodestino mensual entre xaneiro e outubro deste ano é de preto de 5.000 persoas. Desglosado por municipios Vilanova de Arousa é o que maior número de visitas medias rexistra por mes, pasando das 5.962 do 2021 ás 7.860 nos 10 primeiros meses deste ano. No caso de Catoira, a media de visitantes mensual é de 3.037 persoas, mentres que no caso de Valga a cifra ascende ata as 5.812. Finalmente, Pontecesures rexistrou un total de 3.149 visitantes nacionais por mes. 

Proxección da singularidade do territorio

“Levamos tres anos de intensa promoción do noso xeodestino, non só a nivel, senón tamén internacional e xa estamos a colleitar os primeiros froitos”, explican desde Mar de Santiago. Entre as actividades que se levaron a cabo cómpre salientar a creación de distintos produtos turísticos para comercializar visitas ao xeodestino, especialmente dirixidas a grandes empresas de turoperación. 

Do mesmo xeito, o xeodestino estivo tamén presente nas grandes citas do turismo internacional como FITUR, a BTL (Bolsa de Turismo de Lisboa), a WTM (World Travel Market de Londres), ou a FIT (Feria Internacional de Turismo de Buenos Aires), ademais doutras especializadas como o caso de Fairway, Fórum do Camiño de Santiago. 

“Levamos tres anos de intensa promoción do noso xeodestino"

Este ano tamén se puxeron en marcha outras iniciativas innovadoras como a creación da Ruta Emocional do Mar de Santiago. Trátase dun percorrido a pé polo territorio, pensado para ser un complemento da Traslatio, coa particularidade de que se inclúe un mapa interactivo con diversos archivos multimedia. Entre eles, salientan os vídeos de testemuñas de persoas do propio territorio que explican diferentes aspectos sobre a importancia histórica, cultural, industrial e paisaxÍstica do xeodestino. Deste xeito, a veciñanza acompaña ás persoas visitantes neste percorrido que mestura as caracterÍsticas propias dun roteiro ao uso coa parte máis emocional aportada polas vivencias destas testemuñas. 

Outra das accións salientables coas que se atopa Mar de Santiago é a súa inclusión no Modelo de Innovación Sostible de Experiencias AgroturÍsticas (MISEA) promovido pola Secretaría de Estado de Turismo (SETUR), a través da Sociedad Mercantil para la Gestión de la Innovación y las TecnologÍas Turísticas (SEGITTUR). Foi escollido como un dos cinco destinos de España que este ano se sumaron ao MISEA, o que implica que Vilanova de Arousa, Catoira, Valga e Pontecesures sexan obxecto de estudo para posta en marcha dun Plan de Impulso para a creación e posta no mercado de experiencias agroturÍsticas que permitan a posta en valor do territorio. 

Todas estas propostas, sumadas ás iniciativas promocionais desenvolvidas nos últimos tres anos contribúen en gran medida a ese incremento no número de visitantes a Mar de Santiago estendendo, deste xeito, o coñecemento sobre o xeodestino alén as súas fronteiras.