Observatorio Costeiro de Galicia

Quince anos de xestión marítima eficaz e sostible

» A Xunta reforzará con 320.000 euros a labor do Observatorio Costeiro de Galicia en 2024 » Unha peza clave para a economía galega fronte o cambio climático

Integrantes do equipo que traballa no Observatorio Costeiro de Galicia conformado por profesionais do Intecmar, Cetmar e MeteoGalicia.

Integrantes do equipo que traballa no Observatorio Costeiro de Galicia conformado por profesionais do Intecmar, Cetmar e MeteoGalicia. / Faro

As borrascas Beatrice, Ciarán ou Domingos que nestas semanas deixaron ao parque de pesca galego paralizado e sen poder saír a faenar son só un exemplo das variacións ambientais que, cada vez con maior frecuencia, están a supoñer un risco para moitas das actividades que se desenvolven nas augas galegas

A eficiencia na xestión de eventos extremos e a resiliencia ante o cambio climático, ademais da xestión sostible dos recursos mariños, debúxanse como obxectivos clave para o futuro da comunidade e representan as funcións principais do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia

A entidade cumpre quince anos con maior relevancia ca nunca e representa unha peza central para a xestión marítima eficaz e sostible en liña coa economía azul. Os tres organismos que a conforman, o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), dependentes da Consellería de Mar; e MeteoGalicia, dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta, celebran o seu aniversario como un exemplo de colaboración á hora de xerar sinerxías que contribúan á mellora da calidade de vida de todos os galegos e pensan xa nos retos pendentes para os vindeiros 15 anos. 

Deste xeito, para facer fronte aos desafíos por diante e co “fin de aumentar o coñecemento do medio costeiro e da dinámica océano-meteorolóxica”, a Xunta de Galicia vén de anunciar o reforzo da labor do Observatorio con 320.000 euros nos Orzamentos 2024, o que terá un impacto fundamental en catro obxectivos estratéxicos:

Coñecemento

Traballarase na divulgación do Observatorio para achegalo ao público, con novos servizos para a cidadanía

O primeiro destes obxectivos pasa por reforzar o coñecemento do medio mariño ao servizo das persoas. Un fin para o que exploraranse vías que simplifiquen o uso dos datos, dean a coñecer o estado e evolución dos diferentes parámetros oceanográficos, e faciliten a súa consulta e interpretación. 

Neste camiño, crearanse servizos de información de acceso libre e de balde a través da incorporación de novos estatísticos e novas técnicas de visualización de datos; o estado e a evolución de parámetros claves como temperatura, salinidade, vento u ondaxe; e o uso das novas técnicas de aprendizaxe automática. Tamén se traballará no impulso da divulgación do Observatorio, para achegalo ao público en xeral, desde o plano internacional ata a comunidade educativa. 

Novos servizos

O segundo dos grandes obxectivos e o de ofrecer novos servizos para a cidadanía que, a partir dos datos e previsións, aporten un alto valor engadido. Na mesma liña, buscarase establecer un servizo que permita obter a información necesaria para os estudos de resiliencia para os establecementos no litoral; e outro de identificación de vagas de calor mariño a partir de observacións e previsións da temperatura superficial da auga do mar.

Xemelgo dixital

O terceiro obxectivo pretende acadar un plus na modelización do medio mariño coa utilización dun xemelgo dixital que permitirá mellorar os modelos operacionais de Galicia que realizan previsións diarias das diferentes variables oceanográficas. 

Aquí recóllese un modelo hidrodinámico único de alta resolución para as Rías Baixas que fusiona nunha malla única o que agora se subdivide en catro, o que redundaría en mellores resultados. Tamén a inclusión de variables bioxeoquímicas nos modelos operacionais, o que proporcionaría información sobre os cambios nas variables fundamentais para a produtividades das nosas augas ou a súa calidade.

Observación mariña

O cuarto dos obxectivos pasa por facer fronte aos novos retos da observación mariña co fin de reforzar os programas de monitorización operacional costeira. Para isto, traballarase na actualización e extensión da rede que conforma o Observatorio Costeiro a novas variables, coa modernización dos equipos existentes como CTDs, ADCPs, hidrófonos, etc.; e a adquisición e a integración de nova sensórica a través de medidas como a instalación de sistemas ferryBox para monitorización en continuo de temperatura, salinidade e osíxeno disolto.

Unha das seis plataformas mariñas que ten instaladas o Observatorio Costeiro de Galicia . // FdV

Unha das seis plataformas mariñas que ten instaladas o Observatorio Costeiro de Galicia . // FdV / Cedida

[object Object]

A colaboración entre a Consellería do Mar e a Vicepresidencia segunda e Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través dun convenio fai posible a actividade do Observatorio Costeiro de Galicia, que reforza o compromiso da Xunta de Galicia coa Axenda 2030, contribuíndo á eficiencia na xestión de eventos extremos, á resiliencia ante o cambio climático e á xestión sostible dos recursos mariños.

A labor do observatorio permite subministrar datos e predicións de calidade e utilidade para a investigación e a xestión sostible do medio mariño, ademais de proporcionar información necesaria para a xestións das emerxencias. 

No ámbito do salvamento marítimo, o Observatorio Costeiro é soporte indispensable para Gardacostas de Galicia e Sasemar, e tamén peza clave na execución do Plan Camgal, o instrumento da comunidade para loita contra a contaminación mariña accidental.

A información obtida facilita o desenvolvemento sostible dos sectores produtivos, ofrecendo alertas de baixada de salinidade e aumento de temperatura ou de mareas vermellas, entre outras. Apoia tamén os estudos sanitarios das zonas de produción e xera produtos de valor engadido para a poboación en xeral (información de praias e portos) ou para sectores específicos da economía azul, como Percegurú, que permite aos percebeiros consultar no móbil con antelación as condicións do mar nas súas zonas de traballo.

A rede galega de observación océano-meteorolóxica está constituída por 6 plataformas automáticas (boias de A Garda, Cíes, Muros e Ribeira, estación de Rande e plataforma de Cortegada) e conta ademais con 4 antenas Radar HF (Prior, Vilán, Fisterra e Silleiro), que ofrecen datos de mapas da corrente superficial ata cen millas cubrindo o dispositivo de separación de tráfico do corredor de Fisterra, polo que navegan ao ano arredor de 40.000 buques, sendo útil para o seguimento de vertidos accidentais ou accidentes marítimos.

A integración da información tanto das antenas como das 43 estacións oceanográficas (das que 39 están nas Rías Baixas e 4 no Golfo Ártabro) son responsabilidade da Consellería do Mar a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño-Intecmar.

A estrutura da rede galega de observación complétase coas 160 estacións meteorolóxicas, das cales un 25% están na costa, e que ofrecen medidas continuas en tempo real de vento, temperatura, humidade, precipitación, presión e radiación, información fundamental para calquera diagnóstico sobre o estado do mar. A súa xestión é responsabilidade da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través de MeteoGalicia.

Vertente internacional

Ademais, o Observatorio Costeiro participa activamente nas distintas iniciativas e redes europeas de agregación de datos procedentes da oceanografía operacional (Copernicus-CMEMS, EMODnet ou SeaDataNet), é segue sendo unha parte fundamental do Observatorio Transfronteirizo RAIA, constituído por institucións de Galicia e Norte de Portugal. 

A estreita cooperación co país veciño permitiu financiar parte da actividade da rede de observación, na que nos últimos 15 anos se investiron mais de 10 millóns de euros, a maioría procedentes de Fondos Feder, a través de proxectos POCTEP - programa Interreg, que promove proxectos de cooperación transfronteiriza co apoio da Unión Europea, e que financiaron ata un 75% do investimento realizado no Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia.

Paloma Rueda, directora do Cetmar.

Paloma Rueda, directora do Cetmar. / Faro

Paloma Rueda» Directora do Cetmar

“Grazas a cada galega e galego por dar valor ao noso traballo”

» “A calidade das observacións aumentou indubidablemente e aínda nos quedan moitos retos por diante”

Dende os seus inicios, vai 15 anos, as tres institucións que forman o Observatorio Costeiro da Xunta traballan cada día para dar un mellor Servizo á sociedade, que na actualidade é consciente da importancia que ten coñecer o medio mariño e poder prever o seu comportamento. 

A calidade das observacións, predicións e servizos e produtos prestados aumentou indubidablemente grazas á capacidade de traballo conxunto e á grande cooperación interinstitucional que existe. Ademais, pouco a pouco, os medios e a infraestrutura van crecendo, aínda que queda moito que mellorar...

Dende Cetmar temos o reto de mellorar a rede de plataformas automáticas dentro da observación mariña, e así aliñar as melloras desta rede ás necesidades que poida ter quen traballa ou se relaciona co mar no seu día a día, mediante a introdución de novos parámetros ou a colocación de novas estacións que melloren a cobertura xeográfica. Outro desafío é poder avaliar os efectos do cambio climático nas costas de Galicia, xa que a continuidade do Observatorio garantirá series de datos longas, un logro da oceanografía operacional galega, e un soporte básico para a toma de decisións.

Transmitir os nosos parabéns a cada persoa que traballou no observatorio e a cada institución que contribuíu ao mesmo, especialmente ao Observatorio Transfronteirizo da Marxe Ibérica, Observatorio RAIA, e, por suposto, a cada galega e galego, para quen vai destinado o noso traballo. Este Observatorio é froito do noso esforzo colectivo, que esperemos que siga moitos anos máis.

Covadonga Salgado, directora do Intecmar.

Covadonga Salgado, directora do Intecmar. / Faro

Covadonga Salgado» Directora do intecmar

“Parabéns con maiúsculas a todo este gran equipo humano”

“O voso traballo deixará a Galicia como un exemplo á vangarda de coñecemento do medio mariño”

Impulsar a divulgación do Observatorio para achegarse á sociedade; mellorar a visualización dos datos, a súa consulta e interpretación; e crear novos servizos vinculados ao cambio climático.

Son os obxectivos nos que, durante a vindeira década, queremos seguir traballando desde o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) como parte do Observatorio Costeiro de Galicia, que cumpre 15 anos afianzado nunha labor máis precisa ca nunca e con moito que celebrar. 

Neste senso gustaríame destacar o salto cualitativo relevante que foi a ampliación, no 2012 da rede exterior de Radar HF, acadando o primeiro sistema combinado de 4 radares de Europa, que xera mapas de correntes ata 100 millas.Todos os datos de Observación “alimentan” os modelos preditivos, que tamén melloraron na súa execución (algúns dos cales se executan ata dúas veces ao día) e de xeito moi significativo na súa resolución polo que a precisión do Observatorio é cada día mellor.

Parabéns con maiúsculas a todo este gran equipo humano que está á participar no Observatorio pola súa entrega, o seu exemplo de compañeirismo, de coordinación, de entusiasmo e dedicación a prol do desenvolvemento do medio mariño de Galicia. O voso traballo deixará a Galicia como un exemplo á vangarda de coñecemento.

Isaac Gómez Piñeiro, Subdirector xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático.

Isaac Gómez Piñeiro, Subdirector xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático. / Faro

Isaac Gómez Piñeiro» Subdirector xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático

“Somos un instrumento esencial na Comunidade con máis costa”

“Nos vindeiros quince anos, queremos seguir fortalecéndonos en modelización e observación”

Galicia é a comunidade con máis costa de España. A figura do Observatorio é esencial para o seu estudo, sobre todo nun contexto onde cada vez son máis frecuentes os fenómenos meteorolóxicos adversos extremos. 

Nestes 15 anos, o Observatorio aumentou a calidade das medidas debido á mellora nos dispositivos, ao mellor coñecemento do medio e á optimización dos modelos, o que fai que a precisión na parte marítima e na atmosférica sexa moi superior á que tiña inicialmente.

Nos vindeiros quince anos, queremos seguir fortalecendo as dúas compoñentes do Observatorio. Por unha banda, datos e modelos, afondando no coñecemento do cambio climático para contribuír ás políticas de resiliencia no litoral e mellorando os servizos que ofrece.E, polo outro, no ámbito da observación e grazas ao labor de MeteoGalicia, trataríase de incluír outros parámetros químicos e biolóxicos como os fluxos de CO2, vitais para coñecer o balance de carbono e o seu aporte á consecución da neutralidade climática.

O Observatorio é un exemplo de colaboración entre diferentes organismos da Xunta para xerar sinerxías que contribúan á mellora da calidade de vida da poboación costeira. Por iso, desde MeteoGalicia convidamos a todos a coñecer o Observatorio e a participar no seu desenvolvemento.