O verán de 2022 pasará á historia como aquel no que se recuperaron os formatos tradicionais das festas patronais nos distintos concellos galegos.

Despois de dous anos nos que a práctica totalidade dos festexos se viran cancelados polo estado de emerxencia sanitaria, por fin parece que voltaremos a disfrutar das verbenas, os xantares populares e as romarías que tanto gustan a galegos e galegas.

Deste xeito, o San Xoán de Poio dará o pistoletazo de saída na comarca aos festexos de verán, cunha variada programación de actividades lúdicas para todos os públicos.

As mellores orquestras de Galicia volverán a encher a Seca para deleite de milleiros de persoas chegadas de toda a comarca con gañas de divertirse e recuperar o tempo perdido.

Outra das ofertas máis agardadas, sobre todo pola cativada, é o regreso das atraccións de feira, un sector especialmente castigado pola crise derivada da pandemia da COVID-19. María Antonia Díaz Traijovich, "Toñi", unha das feirantes habituais en Poio e noutras festas da provincia pontevedresa, manifestaba a semana pasada nunhas declaracións a FARO que "foron máis de dous anos de parón que deixaron moitas baixas polo camiño".

Sen deixar atrás o "sentidiño", parece que a nova normalidade, agora si, vaise asemellando un pouco máis á que xa coñecíamos.