O proxecto educativo do IES Johan Carballeira ten como obxectivo básico ofrecer unha educación de calidade e en condicións de equidade e igualdade de oportunidades a todo o alumnado; así como a transmisión de valores que favorezan a cultura do esforzo, a responsabilidade e a convivencia. Así, e para o alumnado con dificultades, conta con medidas diversas de atención á diversidade, entre elas os Programas de Reforzo, Orientación e Apoio dos contratos-programa que buscan reducir o abandono escolar temperán.

O IES destaca ademais como pioneiro en Galicia no bacharelato de excelencia en ciencia e tecnoloxía (STEMbach), no que o seu alumnado ten a oportunidade de ter un primeiro contacto co mundo universitario e ampliar os seus coñecementos.

Por outra banda, ao alumnado que escolla a Formación Profesional ofrecélle un amplo abano de posibilidades. Conta con catro familias profesionais: Fabricación Mecánica, Administración e Xestión, Imaxe Persoal e Actividades Marítimo Pesqueiras; e uns talleres adaptados ás necesidades de cada un dos ciclos formativos. Os adultos que queiran continuar a súa formación poden facelo na ESA (Educación Secundaria para Adultos) ou no Bacharelato nas modalidades de Ciencias, Humanidades e Ciencias Sociais.

Feira de Ciencia e Literatura

Un centro que aposta pola formación internacional do seu alumnano e profesorado por medio da participación en programas europeos e que destaca tamén pola organización da Feira da Ciencia e a Literatura na que participa toda a comunidade educativa do concello. Trátase dun proxecto interdisciplinar, colaborativo e inclusivo no que o principal protagonista é o alumnado e que, en colaboración co Concello de Bueu, saca á rúa o traballo que desenvolve os centros de primaria e secundaria.

O profesorado do IES Johan Carballeira participa todos os cursos no Plan de Formación Permanente do Profesorado para estar preparado e enfrentarse aos continuos retos tecnolóxicos e profesionais que plantexa o mundo actual.