A Facultade de Ciencias Xurídicas da Universidade de Vigo mantén aberto ata o vindeiro 2 de setembro o prazo de preinscripción para os másteres presencias en Avogacía, Menores e Dirección e Xestión Laboral. A matrícula realizarase entre o 13 e 16 de setembro. As tres titulacións están dirixidas a formar profesionais con demanda no mercado laboral.

O Máster en Avogacía realízase en colaboración cos colexios de avogados de Vigo e Pontevedra e ten unha duración de 90 créditos ECTS (tres cuadrimestres). A Universidade de Vigo ofrece 40 prazas para o campus de Vigo e 25 para o campus de Pontevedra. A súa principal saída laboral é o exercicio de profesión de avogado en España, xa que da resposta ap requisitos establecidos tanto na Lei de Acceso como no seu Regulamento de desenvolvemento. Responde á normativa aprobada no noso país, á vista do Dereito Comparado, alcanzando un indiscutible e especial interese profesional, académico e científico para a Universidade de Vigo e para a Comunidade Autónoma de Galicia.

O Máster en Menores en situación de desprotección e conflito social da Universidade de Vigo é o único desta especialización temática en Galicia. Cunha duración de 60 créditos ECTS, está dirixido a formar profesionais e investigadores con capacidade de deseñar, pór en práctica e liderar investigacións da materia, non só dende o punto de vista xurídico, senón tamén psicolóxica e socio-educativa. Asemade tamén se converte nun punto de encontro interdisciplinario para o debate sobre como mellorar a protección xurídica e os mecanismos de intervención psicolóxicos, sociais e educativos dos menores en situación de risco, desamparo ou conflito social. A Universidade de Vigo ofrece 25 prazas para esta titulación.

O Máster en Dirección e Xestión Laboral é un máster interuniversitario no que interveñen as tres universidades galegas Vigo, (Santiago de Compostela e Coruña) implicadas ao mesmo nivel, cerando, mediante a mobilidade do profesorado e estudantado, unha docencia de calidade. Este máster, cunha duración de 60 créditos ECTS e 30 prazas ofertadas, pretende dar resposta á demanda de este tipo de especialistas en Galicia e nos últimos anos presenta unha un alto índice de inserción laboral. Cada universidade imparte unha das tres especialidades nas que se estrutura o máster: A Universidade de Vigo, en Dirección Laboral de Empresas; a de Santiago de Compostela, en Xestión Sociolaboral; e a da Coruña, en Recursos Humanos.