O Colexio Eduardo Pondal leva a cabo metodoloxías de traballo cooperativo, por proxectos e a través dunha educación emocional e personalizada conseguen que os seus alumnos teñan a motivación que impulse a súa propia formación integral. Para iso dentro do seu proxecto educativo en continua análise para a mellora constante, poñen en marcha unha serie de proxectos de cooperación, investigación, experimentación e innovación, acreditados por entidades externas e encamiñados á aprendizaxe activa tanto do alumnado coma do profesorado. Entre eles cómpre destacar:

Proxecto PITEASProxecto PITEAS, baseado no modelo SEM (School Enrichment Model), recoñecido a nivel internacional e adaptado á realidade educativa, económica e social da comunidade de Galicia onde a través da investigación, a ciencia, a oratoria e o debate buscan a optimización do proceso de ensinanza e aprendizaxe respectando a individualidade, favorecendo e positivizando as posibilidades do alumnado.

Grazas a estar inmersos neste proxecto alumnos deste Colexio participan no programa Parlamento Xove, en torneos de debate Académico, como o celebrado na cidade da Coruña, ou desenvolven, guiados polos profesores, proxectos de investigación científica co obxectivo de que sexan eles mesmos os principais protagonistas da súa aprendizaxe. Traballan experimentando coa creación de novos materiais, na búsqueda de enerxías renovables... A participación en certames coma Galiciencia, na que obtiveron o segundo premio, ou Zientzia Azoka fan que aumente a súa motivación.

Proxecto LÓVA , no que a través da creación dunha compañía de ópera os rapaces e rapazas repártense as profesións en función dos intereses e encárganse de todo: escriben o libreto, deseñan a escenografía , compoñen a música, confeccionan o vestiario, realizan a campaña de prensa ... O obxectivo é medrar e construír o futuro nun ambiente de confianza, esforzo e aprendizaxe.

Proxecto Voz Natura, onde tratan de implicar e concienciar ao alumnado na recuperación e defensa da natureza e no que se poden ver desde alumnos de infantil plantando legumes no invernadoiro ata outros da ESO traballando na elaboración dun muro con material reciclado ou poñendo en marcha cultivos aquapónicos.

PLAN PROXECTA , onde a través do meteoescola melloran as competencias do alumnado en temas medioambientais e das ciencias da Terra de xeito interdisciplinar promovendo ó mesmo tempo a investigación na escola.

O Colexio Eduardo Pondal promove na súa ensinanza valores éticos coma a dignidade da persoa, os dereitos Humanos, a participación e funcionamento democráticos, o respecto mutuo, educación non sexista, e en xeral os dereitos recollidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, por iso forma parte da Rede de Escolas asociadas á Unesco. A Rede permítelles participar en proxectos coma Unesmun ou realizar intercambios con outros centros europeos desenvolvendo proxectos comúns coma o que realizarán este ano os alumnos de 3º da ESO coa escola alemana Gesamt Schule Schinkel.