Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Diálogo para crear un bo futuro para Galicia

Diálogo para crear un bo futuro para Galicia

Moitas veces, as discusións políticas conxunturais impídennos ver con claridade a relevancia dos temas. Son varias as crises de grandes empresas que comprometen o deseño dun modelo para Galicia.

Que Galicia queremos? A resposta é complexa e moitos os factores que se han ter en conta. Calquera xeración de emprego sostible ha asentar nun modelo económico sensato, ten que incluír o desenvolvemento social e cultural do territorio. Finalmente, é imprescindible que todo isto se faga desde unha visión ambiental acorde cos compromisos nacionais e da UE. Ser parte da solución a un problema do planeta, xerando oportunidades. Complexo, pero necesario e posible.

Depende da vontade de acordo entre as institucións, os partidos políticos, o empresariado, os sindicatos e, en xeral, toda a cidadanía. De non ser así, estaremos sendo irresponsables coas futuras xeracións.

Desde a perspectiva de Comisións Obreiras, varios han ser os motores dun desenvolvemento sensato. Céntrome en dous nos que potencialmente debemos ser líderes: o correcto aproveitamento dos recursos marítimos e da nosa biodiversidade. Dispoñemos do esencial, e non é pouco.

A futura lei de cambio climático será, sen dúbida, un fito na loita contra a crise climática, ninguén pode dubidalo. Pero outra cousa é que menoscabe a actividade de aproveitamento do mar ou as actividades na costa. Fágase o control máis rigoroso para evitar eses efectos, esíxase a máxima garantía ambiental, pero non se poña, sen máis, unha data tope á actividade industrial no litoral.

O debate sobre Ence, o seu peche, continuidade ou traslado é un bo exemplo. Nunca eludiremos os problemas complexos, nin participaremos deles sen a autonomía das nosas propostas, por iso defendemos —faltaría máis— o emprego directo e en toda a cadea de subministración e servizos forestais. E dicímolo ben claro: Ence non pode marchar de Galicia.

Pero non queremos parar aí, mesmo sendo o noso papel como sindicato. Se a actividade do principal xestor forestal de Galicia parase, ademais da incidencia no emprego e na actividade económica, tería unha consecuencia ambiental pésima. Os eucaliptos sen a xestión forestal que asegura o control do seu crecemento multiplicarían o risco potencial de incendios.

Podemos ter outros proxectos nesta liña de aproveitamento forestal en Galicia onde todos os actores contan. O anunciado da viscosa para xerar produtos téxtiles é un bo exemplo que permitiría comprometer a Xunta, os fondos europeos, o Goberno de España, as empresas e a sociedade nunha cadea de valor estratéxica da nosa economía; por exemplo, situar esta nova actividade onde pecharan proxectos enerxéticos contaminantes, é transición ecolóxica: substituír modelos que non son beneficiosos para o planeta por outros que supoñen unha grande achega de emprego, recursos, desenvolvemento económico e innovación. Neste proxecto poden participar varios operadores, pero como xestor forestal temos un local con experiencia e coñecemento. Se non, poderán vir outros —dun país nórdico ou da China— pero, sen dúbida, a experiencia dinos que non é o mesmo.

Debemos falar do futuro de Galicia. Pensando en todos e en todas.

*Secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Compartir el artículo

stats