En poucas palabras: presente para o futuro

O profesor e escritor Carlos Loureiro será o padriño literario, o mércores 22, dos novos creadores na XI Festa das Palabras

Os representantes de 
Dinamizaestrada e a edil 
Amalia Goldar, onte.   | // AC

Os representantes de Dinamizaestrada e a edil Amalia Goldar, onte. | // AC / Ana Cela

Ana Cela

Ana Cela

Hai xa máis dunha década que naceu na Estrada unha iniciativa sinxela, que non fácil; unha festa na que a mellor palabra é sempre a que se comparte, nunca a que queda por dicir; un encontro no o presente se converte no mellor agasallo para o futuro, afianzando o idioma entre as novas xeracións valéndose dun estímulo para a súa creatividade e imaxinación. A Festa das Palabras, organizada polos equipos de Dinamización da Lingua Galega nos centros de ensino da Estrada (Dinamizaestrada), ten xa data para a súa undécima edición. Será o mércores, 22 de maio, no Teatro Principal. Os novos creadores contarán este ano cun padriño sobradamente coñecido, o profesor e escritor estradense Carlos Loureiro Rodríguez.

A presente edición do certame presentouse na mañá de onte, nun acto no que estiveron presentes os representantes dos equipos de normalización dos colexios e institutos da Estrada, acompañados pola edil de Educación, Amalia Goldar. Xuntos debullaron o programa de actividades para esta celebración, convocada a partires das 20.00 horas no Teatro Principal. A festa será pano de fondo para brindar un recoñecemento ao traballo dos 62 alumnos gañadores do Concurso de Micropoemas e Microrrelatos. Desta volta os autores tiveron que empregar a palabra “música” para crear os seus relatos e “silencio”, para os poemas, ambas escollidas nos títulos de obras de Luísa Villalta, a homenaxeada deste ano co Día das Letras Galegas.

A Festa das Palabras comezou a organizarse no curso 2013-2014. Coroa con formativo festivo o referido concurso literario, que se veu desenvolvendo nas aulas estradenses nos últimos meses e que ten coo razón de ser a propia lingua. “Resume moi ben os obxectivos que guían o traballo dos equipos de Dinamización: favorecer o uso do galego se sumar actitudes a favor do noso idioma, tan necesarias e que aínda tanto cómpren”, expuxo onte María Tato, unha das docentes integrantes de Dinamizaestrada. “A Festa das Palabras, e iso é algo que queremos resaltar porque é unha iniciativa non moi usual, implica á sociedade no seu conxunto: os centros do ensino unidos nesta causa (dende os máis cativos cos debuxos ata estudantes de segundo de Bacharelato e profesorado), as familias e as institucións, o Concello neste caso”, indicou.

Seguidamente, Ana Eiriz lembrou a dinámica do concurso. Do máis dun milleiro de obras realizadas polo alumnado, á fase final chega unha escolla dunhas 200 pezas, entre as que resultaron distinguidas as 62 feitas por estudantes de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos, correndo por conta da Educación Infantil as 14 ilustracións. Todos eles recibirán cadanseu exemplar do libro editado cos micropoemas e microrrelatos gañadores desta convocatoria. O padriño asume o limiar e a ilustradora Rosa de Cabanas o deseño da portada. “Un auténtico galano para uns rapaces que amosa, por riba de todo, consideración e respecto polo noso idioma”, sinalou.

Pola súa banda, Amalia Goldar aproveitou a súa intervención para agradecer publicamente aos centros educativos a implicación neste certame e nesta festa que lle pon broche. Asumiu que iniciativas como esta son aínda moi precisas ante una situación do idioma “especialmente crítica” entre a mocidade, así que felicitou a todos os presentes por conseguiren que na Estrada a palabra, a lingua e a mocidade festexen xuntos e unidos este 22 de maio.

En relación á figura do padriño escollido para esta nova xeración de pequenos creadores, dende Dinamizaestrada destacouse onte a faceta de ensaísta de Carlos Loureiro Rodríguez, así como o seu traballo investigador. Subliñaron asemade a súa faceta como editor, destacando as publicacións de obras de Varela Buxán, Losada Diéguez ou o seu admirado Manuel García Barros. Entre os numerosos recoñecementos que recibiu o querido profesor estradense ao longo xa súa traxectoria profesional destacaron a concesión, no ano 2023, do Premio San Martiño de Normalización Lingüística, “que recoñece o seu inquebrantable e incansable compromiso co noso idioma”, sinalan.

E, coma en calquera festa que se prece, non ha faltar a música. Chegará da man da estradense Lucía Azurmendi, “a voz da Estrada”, acompañada polo seu grupo. Integrante do Obradoiro Musical Carlos Barruso , publicou o seu primeiro traballo discográfico, Varandas, en 2022. Actuará en tres momentos diferentes da Festa das Palabras, que este ano terá como presentadores e condutores a dos alumnos do IES Manuel García Barros.Tralas súas primeiras palabras de recibimento, chegará a primeira actuación musical, seguida da intervención do padriño da festa, xusto antes de que comece a entrega dos premios aos autores de micropoemas. Despois, haberá nova intervención musical e entregaranse os galardóns dos microrrelatos, para continuar coas palabras dos representantes do concello e rematar, novamente, con música.