O SED prepara xornadas sobre catro persoeiros ligados a Lalín

Son Matemático Rodríguez, Varela Buxán, Ramón Aller e Francisco Asorey | Abre o prazo para presentar traballos para o seu anuario

Reunión do grupo coordinador do Seminario de Estudos de Deza.

Reunión do grupo coordinador do Seminario de Estudos de Deza. / REDACCIÓN

REDACCIÓN

O vindeiro luns, 4 de marzo, ábrese o prazo de presentación de artigos orixinais para o Anuario Descubrindo nº 17, de acordo ás bases que veñen de ser aprobadas na comisión executiva do Padroado e que se poden consultar na web do Seminario de Estudos de Deza (SED) e nas redes sociais da propia publicación. A data límite de entrega será o 31 de agosto.

Recolleranse traballos de investigación inéditos, redactados en calquera idioma que se refiran á comarca de Deza, sendo esta a única limitación temática dos mesmos. Non se incluirán aqueles artigos de marcado carácter subxectivo ou de opinión. Todas as opinións vertidas nos artigos serán responsabilidade do autor. Os artigos deberán ter unha extensión máxima de 25-30 páxinas a corpo 12, Times New Roman, con entreliñamento 1,5.

Nun encontro mantido esta semana, o grupo coordinador do SED aproveitou tamén para trazar o programa de actividades a desenvolver proximamente, entre as que se atopan xornadas monográficas dedicadas a persoeiros ilustres vinculados dalgún xeito con Lalín, explica a concelleira de Cultura, Begoña Blanco. Así, promove xornadas sobre Matemático Rodríguez, Daniel Varela Buxán, Ramón María Aller Ulloa e Francisco Asorey.

No caso de Pedro José Rodríguez González (Bermés, 25-10-1770-Santiago de Compostela, 30-9-1824), cúmprense 200 anos da súa morte e foi elixido Científico Galego do Ano pola Real Academia Galega de Ciencias. O Concello de Lalín tamén ten previsto desenvolver actividades de posta en valor deste ilustre lalinense, tal como xa anticipara hai uns meses o alcalde na colocación do seu novo busto na súa parroquia natal de Bermés.

Daniel Varela Buxán, precursor do teatro galego, é Fillo Adoptivo de Lalín –residiu en Cercio os últimos 27 anos da súa vida–, e foi pregoeiro da XXII Feira do Cocido, entre moitos méritos.

A figura de Ramón Aller será abordada na xornada dedicada ao centenario do Observatorio Astronómico de Lalín, que el fundou e que foi o primeiro de Galicia.

A Francisco Asorey, que conta con dúas destacadas obras en Lalín, dedícaselle o Día das Artes Galegas, polo que se lle fará unha homenaxe ao longo de 2024 en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes.