O cruceiro de Artoño, condenado ou con pecado?

Ata catro crucifixos tivo a parroquia desde o que mandara esculpir José Méndez en 1921, debido a sucesivos derrubamentos por parte de vehículos | O penúltimo, recolocado un tempo no colexio, esmorece no campo da festa de Agolada | Se, como dixo Castelao, “debaixo de cada cruceiro hai agochado un pecado”, o noso é deixar que continúe tirado, esquecido e abandonado entre o lixo

Cruceiro actual de Artoño, obra 
do Vila, que foi colocado no 
seu emprazamento na primeira 
metade de 2018.  // Ángel Utrera

Cruceiro actual de Artoño, obra do Vila, que foi colocado no seu emprazamento na primeira metade de 2018. // Ángel Utrera / Angel Utrera

Angel Utrera

O maltrato continuo a un dos elementos patrimoniais máis característicos do país, xunto cos hórreos, coma son os nosos cruceiros, tristemente, non resulta novo. Lamentablemente, un día si e outro tamén vemos, escoitamos falar e lemos nos xornais deste ou aquel cruceiro derrubado polo impacto dun camión ou maquinaria das labores agrícolas, cando non roubado.

Cruceiro de Artoño instalado 
no CEIP de Agolada ata agosto 
de 2023, data da fotografía. 
Abaixo, detalle do crucifixo, 
que agora está entre o lixo do 
campo da festa.  // Ángel Utrera

Cruceiro que había na parroquia en marzo de 2010, con detalles das súas figuras nos recadros. // Ángel Utrera / .

A desidia, a falla de interese, o abandono sistemático, no peor dos casos, convive con algo tan característico e propio da nosa cultura, historia e patrimonio, e case que poderiamos dicir que xa estamos afeitos a escoitar malas novas, veñan de onde veñan, sen que importe practicamente a ninguén, e dende logo non sorprenda nin sexa motivo de actualidade, mais alá dun día nun titular de páxinas interiores dun xornal. Que as autoridades encargadas de velar, coidar e protexer estes artísticos e simbólicos elementos da fe, do medo e protección dos pobos e xentes do país ignoren o tema resulta xa cotián, agora ben, que sexan estas mesmas autoridades as que atenten contra eles (Concellos, Igrexa ou Deputación, sen esquecer a propia Xunta, a través do seu organismo encargado de Patrimonio) resulta abraiante e, dende logo, inadmisible.

O cruceiro de Artoño, condenado ou con pecado?

Cruceiro de Artoño instalado no CEIP de Agolada ata agosto de 2023, data da fotografía. Abaixo, detalle do crucifixo, que agora está entre o lixo do campo da festa. / Ángel Utrera

En Agolada sabemos ben de que estou a falar, pois temos varios exemplos destacados, afortunadamente algúns resoltos favorablemente, outros de momento non, como é o caso do que nos estamos a ocupar neste sinxelo artigo: O cruceiro vello de Artoño, que ata hai uns meses estaba no patio do CEIP, de onde foi retirado, segundo nos indican dende a directiva da AMPA, “porque podía caer e era un perigo para os rapaces”. Non vou ser eu quen tente rebater argumentos que falan da seguridade dos nosos rapaces, dende logo que non, pero non hai outras fórmulas de protexer aos nosos nenos que retirar un cruceiro que levaba dende os anos oitenta sen provocar danos ou indicar perigo?

O cruceiro de Artoño, condenado ou con pecado?

O cruceiro de Artoño, condenado ou con pecado? / Angel Utrera

A realidade é que, por mor das obras de reforma no patio do colexio, en agosto do pasado ano o cruceiro foi retirado do seu emprazamento e na actualidade permanece tirado no chan, entre lixo, no recinto vello do campo da feira. Seis meses máis tarde, alí permanece esquecido e condenado este cruceiro, do que fuste e basamenta sairan do taller do mestre de canteiros Vidal Paio Fernández, de Lalín, e que estivera inicialmente xunto á capela de San Ramón de Artoño, de onde foi trasladado ó patio do CEIP de Agolada.

O cruceiro de Artoño, condenado ou con pecado?

O cruceiro de Artoño, condenado ou con pecado? / Angel Utrera

Vaise recolocar?

O cruceiro de Artoño, condenado ou con pecado?

O cruceiro de Artoño, condenado ou con pecado? / Angel Utrera

A pregunta do millón sería: Vaise recolocar nalgures, algún día, ou cal vai ser o seu fin? A resposta, como dicía Bob Dylan, está no vento, aínda que nos gustaría poder dala axiña, para o que emprazamos aos nosos responsables políticos.

O cruceiro de Artoño, condenado ou con pecado?

O cruceiro de Artoño, condenado ou con pecado? / Angel Utrera

O cruceiro presenta unha basamenta circular estriada, sobre a que se coloca outro anel de menor tamaño, igualmente circular e un máis pequeno que sustenta o fuste. A pedra máis grande viñera das Penelas e a pequena, de San Miguel de Borraxeiros, segundo nos indicou un dos culpables do traslado ao colexio, o antigo bedel, Luis Vázquez. Xunto co director naquel entón do centro e concelleiro de Cultura no goberno de Manuel Costa, Alejandro García, foron os encargados de falar co párroco de Artoño e pedirlle permiso para recolocar en Agolada os restos do cruceiro que permanecían derrubados no chan, preto da casa reitoral.

O seu varal, a semellanza doutros cruceiros do artista lalinense, semella unha árbore coas pólas cortadas, e remata nun capitel en tronco de pirámide invertida con volutas nos estremos dos catro lados. Sobre o capitel preséntase o crucifixo. No anverso, Cristo con barba curta e pelo longo que cae sobre os ombros, pé dereito sobre o esquerdo, mans abertas e os típicos tres cravos. Sobre o extremo da cruz a cartela do INRI, e Cristo cinguido co coroa de espiñas típica da paixón. No anverso atopamos unha Virxe en actitude orante, con manto que cubre desde a cabeza ata os pés, apoiada sobre unha bola a modo de peaña e mans sobre o peito, cruzadas unha sobre a outra.

Curiosamente, este cruceiro substituíu o orixinal de Artoño, que aínda podemos admirar preto da capela de San Ramón, e que conserva do orixinal unicamente o seu pedestal, o típico cubo no que se nos presenta inscrición case que ilexible, moi deteriorada pola erosión na pedra, e o paso do tempo, na que se adiviña, máis que ler, grazas á fotometría que hai tempo realizou para nós o amigo Álex Negreira: Devoción de José Méndez y su mujer María Sánchez, año de 1921.

Este cruceiro inicial fora derrubado nos anos setenta do pasado século por un camión. Ao parecer, tan so se puido salvar o fuste e o pedestal. Reutilizando estes elementos, tempo despois, foi recolocado outro cruceiro, que lamentablemente volveu ser derrubado. Neste caso foi o crucifixo o que se puido reutilizar, polo que se encargara a Vidal Paio facer un novo, levándose o vello, cun novo pedestal e fuste en forma de árbore, ao patio do colexio de Agolada, onde estivo ata agosto de 2023. Na actualidade o cruceiro que podemos contemplar en Artoño data do ano 2018, e o seu fuste máis o crucifixo foi esculpido polo canteiro de Lalín Luis Ferreiro, O Vila, mestre que ten polas nosas terras mostras sobrada da súa arte.

Posiblemente, o crucifixo que caera nos mencionados anos 80 xa era substituto doutro anterior, o que mandara esculpir o mencionado José Méndez. Por tanto, estamos a falar de catro crucifixos diferentes. Por certo, que foi do existente en 2007?

Estrutura “ameigada”

En xullo de 2018, dende as páxinas de FARO DE VIGO, Laura Moure dábanos conta do “mal de ollo” que estaba a padecer este fermoso cruceiro: “Desde hai uns tres meses, a parroquia agoladesa de Artoño loce un novo cruceiro, e con este xa van polo menos catro, tal e como apunta o alcalde, Ramiro Varela. Parece que a estrutura está ameigada, xa que foi derribada en máis dunha ocasión. Nesta última, acabou no chan debido a un golpe dun camión de reparto hai algo máis dun ano. De feito, polas festas patronais de agosto, na honra ao San Ramón, a estrutura carecía da imaxe.

‘Antes o cruceiro estaba onda a casa do cura, pero xa o cambiamos de sitio, na subida á capela, e aínda que o cercamos cunha beirarrúa, que ten uns 20 centímetros de alto, non hai maneira. Xa houbo que facer tres, e do orixinal xa non me lembro, pode facer máis de 40 anos que quedou todo esnaquizado’, manifesta Varela. Ao parecer o custe deste último cruceiro ascendeu a case 4.000 euros. ‘E menos mal que houbo xente que viu quen fora, apuntou a matrícula, e avisounos, porque, segundo o condutor, non se dera conta de que o tirara e marchou, e así grazas ás testemuñas, os gastos cubriunos o seguro do vehículo”. O cambio resalta á vista e calquera que pase por Artoño, non lle pasa desapercibido que é “un cruceiro a estrear”.

En setembro do ano pasado, dende as páxinas do mesmo diario, a xornalista Salomé Soutelo facíase eco do lamentable estado do cruceiro nun novo artigo, titulado O cruceiro que non acaba de encontrar o seu lugar: “O campo da feira de Agolada ‘garda’ a cruz desmontada por obras no CEIP e que antano fora derribada por un tractor en Artoño”.

Sexa coma sexa, o cruceiro, lamentablemente condenado ou con condena, continúa os seus días tirado, esquecido e abandonado, cando tería que estar nun cruzamento de camiños, no adro dalgunha igrexa, no monte para protexer camiñantes ou marcar distancias ou xurisdicións, porque, como ben dixo Castelao: “Debaixo de cada cruceiro hai agochado sempre un pecado”. O noso pecado, dende logo sen remisión é deixar que o cruceiro de Artoño continúe abandonado entre o lixo.