O reloxo da igrexa de Codeseda

Donado no ano 1931 por Juan Rodríguez Bergueiro e a súa dona, pódese recuperar pero precisa limpeza, poleas e transmisións

Igrexa parroquial de San Xurxo de Codeseda.   | // FDV

Igrexa parroquial de San Xurxo de Codeseda. | // FDV / Luis Ferro pego

Luis Ferro pego

No frontispicio da igrexa parroquial de San Xurxo de Codeseda, e baixo unha cuncha de vieira, ábrese un oco circular onde chama a atención a esfera dun reloxo de torre, con numeración romana. Baixo este atópase unha placa de mármore de cor branca, que leva gravado en letras maiúsculas a seguinte inscrición.

RELOJ DONADO

POR JUAN RODRÍGUEZ BERGUEIRO

Y SU ESPOSA

AÑO 1931

Don Juan Rodríguez Bergueiro, foi bautizado na igrexa parroquial de San Xurxo de Codeseda o día 2 de novembro de 1862.Naceu ás seis da tarde do día 1, fillo de José María Rodríguez Pena e de Manuela Bergueiro Eirín. Avós paternos Manuel Rodríguez, natural de Codeseda, e Manuela da Pena (esta natural de Souto), veciños da Abragán. Avós maternos, Juan Bergueiro e María Josefa Eirín, veciños do lugar da Abragán, que foron os padriños de bautismo.

Posto en contacto en Buenos Aires con don Carlos A. Rodríguez, faime saber que o seú tío avó don Juan Rodríguez Bergueiro, finou en Buenos Aires-Argentina en agosto do ano 1928, que estaba casado con Dolores López, natural de San Román, concello do Vicedo-Lugo. Ademáis de aportar o documento onde se convocan a todos aqueles que crean poidan ter dereito sobre os bens deixados por Juan Rodríguez Bergueiro.

No Boletín Oficial da República de Argentina, dinos o edicto: “El Juez Nicolás González Iramain, ha dispuesto se cite, llame y emplace por el término de treinta días, a todos los que se consideren con derecho a los bienes dejados por Juan Rodríguez Bergueiro, ya sean como herederos o acreedores, para que dentro de dicho término, comparezca a deducir sus acciones. Buenos Aires, abril 29 de 1931”.

Cando fixo a doazón do reloxo de torre ó pobo de Codeseda, no ano 1931, xa acontecerá o seu pasamento, e a doazón debeuna facer a súa muller Dolores López, en nome del, pois como queda dito mais arriba este finara no ano 1928.

Para chegar ó reloxo de torre da igrexa de Codeseda, entramos por unha porta exterior que queda a dereita do edificio relixioso, que nos conduce ó campanario. Temos que subir uns 55 chanzos angostos, escuros e gastados polo paso do tempo. En cada andar unha xanela permite a entrada de luz. Baixo o campanario ábrese unha pequena porta que da acceso a un cuarto escuro e estreito onde se acubilla a maquinaria do reloxo. Esta descansa sobre unha estrutura de ladrillo.

Dinos unha placa de cor vermella, posta no bastidor: Fábrica de Reloxos Moisés Díez. Palencia. Modelo Nº 9. Construído no ano 1931. Nº 618. Si observamos con detenemento podemos apreciar, que o bastidor ten as mesmas feligranas, e o péndulo e igual e a malloría das pezas da maquinarioa pertencen a un reloxo da marca francesa terraillom-Petitjean.

Moisés Diaz importaba reloxos da factoría Odobey de Morez, en Francia. Polo tanto este reloxo é da marca Terraillon-Petitjean, aínda que fabricando nos talleres de Palencia as pezas que fosen precisas para a súa transformación e arranxo; e mesmo gravando na esfera o nome de Moisés Díez-Palencia.

Sobre a maquinaria do reloxo temos o campanario, polo que debemos subir 10 chanzos máis. E alí, no centro, atopamos unha torre de ferro da que pendura unha campá do reloxo de grandes dimensións, onde o antigo martelo facía soar con forza os sinais horarios, dando as badaladas das horas e das medias. Campá do reloxo. Dinos a inscrición da campá; ESTA CAMPANA FUE DONADA POR DON JUAN RODRIGUEZ BERGUEIRO Y SEÑORA. Un selo pon: FABRICADA POR OCAMPO EN ARCOS DE LA CONDESA. AÑO 1932.

No ano 1961 o cura párroco don José Barreiro, fai un acto fúnebre por don Juan Rodríguez e Dolores López, que anota no libro de fábrica. “Acto fúnebre polo e.d. dos donantes do reloxo 450 Pesetas”.

No ano 2009 o crego instala un reloxo electrónico, que mercou por 4.000 euros que se abonaron dos fondos da igrexa.

O estado do reloxo de torre, digamos que é regular: pódese recuperar, pero precisa dunha limpeza e engrase xerais. Así como mercar pesas, poleas e transmisións.