A Casa de Golmar, magnífico escenario para a Matanza Tradicional do Porco

As súas dependencias e xardíns ofrecen axeitado marco e amplitude dabondo para a celebración deste domingo, que organizan os veciños de Anzo e Busto

Daniel González Alén

A casa señorial de Golmar, en Anzo, será mañá, domingo 21 de xaneiro, o escenario onde se celebre a XXIV Matanza Tradicional de Porco da Feira do Cocido de Lalín, que organizan os veciños desta parroquia xunto aos de Busto, co apoio do Concello de Lalín, aquí representado polos concelleiros de Festas, de Zona e de Turismo, José Cuñarro, Marcos Mariño e Begoña Blanco, respectivamente. Da actividade festiva e etnográfica xa se ten ultimado un amplo programa aberto ao público interesado en asistir, para o que se habilitou un aparcamento próximo ao recinto.

A magnífica casa grande de Golmar a as súas dependencias, xunto cos seus xardíns, ofrecen axeitado marco e amplitude dabondo para esta celebración que ten como acto central o sacrificio do animal, así coma a degustación de produtos típicos do porco, varias exposicións etnográficas, sen que falte a música tradicional.

Malia que carece de escudo e capela, esta casa señorial ten aires de pazo fidalgo logo de ser restaurada con rigor polos seus actuais propietarios, a familia Cortizo Méijome, que a mercou en 1989. Foi construída a mediados do século XIX, segundo reza unha inscrición que ten sobre o lintel da portada principal: “AÑO DE 1856. ESTA OBRA LA HIZO FRANCISCO GOLMAR”. Poida que fora erguida sobre unha casa anterior da mesma familia, neste excelente emprazamento que domina unha ampla zona que abrangue dende a Serra do Carrio, as ribeiras do Deza, ata a Serra do Candán, nos lindes da comarca de Deza; e o Pico Sacro, camiño de Compostela.

No edificio principal, todo el de boa pedra de cantería e no seu día destinado a vivenda e cortes, destaca a grande cheminea coa súa correspondente lareira con columna e forno, ampla solaina que dá ao poñente, na que se pode ollar sobre o lintel da porta de entrada a casa outra inscrición co nome de Francisco Golmar e a data de 1868; e nas portas de entrada ten as correspondentes troneiras para vixiar e disparar e un grande balcón ao nacente, con lucidas varandas de forxa ao igual cás da solaina.

No saído rodeado por centenarios exemplares de oliveiras e buxos, está un ben conservado hórreo de catro claros, coa data de 1879 no pinche. Tamén no saído hai unha fonte con dúas pías que se enchen coas augas dun abundante manancial, que logo rega horta e praderías. Noutra construción datada en 1902, que en tempos estivo dedicada a palleira e almacén, está un dos tres fornos que ten a casa, así coma un lagar que os actuais propietarios están a restaurar. Noutra construción anexa ao edificio principal polo norte, está o outro forno e unha curiosa lacena para as abellas que agora teñen o seu apiario preto dun dos muros do peche da propiedade, non lonxe dun bo pombal circular, visible dende unha ampla contorna.

A saga dos Golmar

Como xa se indicou anteriormente, quen mandou facer esta casa de Golmar en 1856, foi Francisco Golmar García nado nesta parroquia no ano 1831 e finado en 1909. Casou con Encarnación Cacheda Taboada, nada tamén en Anzo no ano 1837, ambos con ascendencia nesta parroquia e na de Madriñán, segundo a árbore xenealóxica que está preparando a profesora e escritora Charo Golmar Saavedra, filla do que fora mestre e alcalde de Lalín Xesús Golmar Rodríguez (Santiso, 1908-1962), descendentes desta familia. Francisco e Encarnación, tiveron oito fillos: Balbina, que casou con Francisco Seoane Ocampo, de Ponte, e foi concelleiro en Silleda; José María, concelleiro en Lalín, que casou con Joaquina Barral Pimentel do pazo da Pena en Carmuega e finou no ano 1931; Antonio, esposado con Mª Josefa Mato Rodríguez de Noceda, moradores da casa grande de Vilar do Xestal, agora propiedade da súa neta Maribel Golmar Rey; Andrés, que foi cura párroco de Escuadro, onde finou en 1923; Manuel, avogado e fiscal en Lalín, que casou con Manuela Rodríguez González de Santiso, sendo pais, entre outros, do citado Xesús Golmar; Salustiano, que finou solteiro; Cándido, comerciante, casado con Marcelina San Pedro Millares, de Santiso; e Avelina, desposada con José Pereiras Bértolo de Pereira, que foi concelleiro en Forcarei.

José María Golmar Cacheda, o mais vello dos fillos varóns, sería o morgado de Anzo e coa súa dona Joaquina Barral Pimentel, tiveron sete fillos: Luísa, que casou con José Núñez Lamas, sendo pais de María Luísa, quen casou con Andrés Breijo, finado en 1955, sendo pais dunha familia numerosa; Benjamín, que finou solteiro en 1962; Ramira, que tamén finou solteira no ano 1947; Joaquín Alfonso, casado e logo divorciado, finado en 1952, mestre en Camba, Doade e Amarante e padriño do citado Xesús Golmar; Francisco Ramón, que casou con Luísa González de la Iglesia, finou no ano 1968 e tiveron unha única filla de nome Joaquina, sendo os últimos moradores da casa de Golmar de Anzo, da que el era usufrutuario; Cándida, finada solteira en 1960; e José, que tamén morreu solteiro no ano 1949.

Deshabitada e espoliada

A casa de Golmar herdárona as irmáns Luísa e Cándida Golmar Barral, que a legarían aos seus sucesores e parentes, mentres o seu irmán Francisco Ramón, ficaba de usufrutuario e morador da casa coa súa familia ata o seu pasamento en 1968. Logo a casa quedaría deshabitada, sendo obxecto de embargos, procedementos xudiciais, especulación, vendas de mobiliario e espoliación continuada, que a privaron dos bens mobles da época que tiña, incluídas as valiosas lámpadas de araña, libros e documentos.

Vinte anos despois, no 1989, José Luís Cortizo e a súa dona, Josefa Méijome, adquiriron a propiedade e acometeron a súa restauración aos poucos, contando coa entusiasta axuda do seu fillo Rubén, que xentilmente nola mostrou e mesmo facilitou algunhas fotos que ilustran esta reportaxe, na que tamén contamos coa xenerosa e desinteresada colaboración dos veciños Eva González Brea, Pablo Baldonedo e José Luís Montoto, de Busto; das descendentes dos Golmar, Joaquina Golmar González e Maribel Golmar Rey, quen, co seu esposo Jesús Manuel García Mosquera, habita a ben conservada casa grande de Vilar do Xestal, en Noceda, á que habemos dedicar outra reportaxe a non moito tardar.

Suscríbete para seguir leyendo