Un petróglifo no peche da vella rectoral de Oleiros

Nun chanto granítico poden apreciarse seis círculos concéntricos, cortados por unha liña que sae dunha coviña que hai no centro

Antonio Presas

A zona do Castro Montaz, localizada no sector setentrional de Serra do Candán, presenta varias peculiaridades xeolóxicas, xeográficas, bioxeográficas, hidrolóxicas e, sobre todo, unha notoria singularidade ocupacional, dado que atopamos restos arqueolóxicos que abarcan desde o Neolítico ata a Idade Media: mámoas, petróglifos, castros, románico... e outros restos de carácter patrimonial importantes, posteriores.

Pois ben, aquí non só hai que ter en conta a gran variedade senón, tamén, a gran cantidade, sobre todo a gran cantidade de estacións de arte rupestre que hai diseminadas polos arredores de Castro Montaz: Pena Longa I-II, Tras da Costeira, Espiñeira, Coto Grande, A Congostriña, Petos I-II, Pena das Cazolas ... Sen lugar a dúbidas, estamos na zona que, en base ao que se leva descoberto, se localiza a área máis importante da nosa comarca, en canto ao número de estacións de arte rupestre e a cantidade de petróglifos existentes. Outras estacións cercanas parecen orbitar en torno a esta área centralizadora e iso, aínda, converte ao Castro Montaz e a súa contorna nunha área de gran interese arqueolóxico-patrimonial.

Mapa de la ubicación de los petróglifos

Mapa de la ubicación de los petróglifos / FDV

Pequenas canteiras

A zona granítica do Castro Montaz sempre foi moi apreciada polos canteiros pola bondade da súa pedra para todo tipo de construcións: “Non hai pedra mellor ca do Castro Montaz. Trátase dunha cantería que rompe moi ben, non ten fallos, son fáciles de sacar as pezas e dá mi boas caras. En calquera sitio do monte se poden sacar pedras, que valen para facer moitas pezas de cantería distintas...”. Isto é o que teñen comentado algúns canteiros que eran usuarios destes materiais de construción.

Pois ben, podemos dicir o Castro Montaz e a súa contorna foi a zona de abastecemento de pedra de cantería para as parroquias do sur do concello de Lalín: Barcia, Gresande, Vilatuxe, Soutolongo, Ludeiro, Lebozán e, en menor medida Vilanova, A Xesta, Botos... e esa presión quedou perfectamente patente na gran cantidade de pequenas canteiras visibles, pero a explotación dos recursos pétreos empezou pola desfeita dos grandes penedos que afloraban en superficie. Eses traballos causaron a desaparición de numerosos petróglifos, que se perderon para sempre. Ao arrincar as pedras, cando había petróglifos, estes non se tiveron en conta, senón que, ata incluso, foron considerados como “marcas das bruxas” ou “meigas”, lugares de encontro do demo (Lucifer)..., segundo teñen informado algúns investigadores.

En certas partes da nosa comarca, alí onde houbo petróglifos, os paisanos denominábanos como “pedras riscadas”, pero non sabían quen os fixeran, nin porque motivo, nin que simbolizaban. Algunhas persoas ata nos teñen contado que os facían os pastores “ociosos” cando estaban co gando no monte: “Non tiñan moito que facer e pasaban o tempo riscando nos penedos. A veces, ata fixeron, cousas graciosas.... e basta con que o fagan uns, para que corra a moda e os empecen a facer noutros sitios”.

O Castro Montaz e a súa contorna foi a zona de abastecemento de pedra de cantería para as parroquias do sur do concello de Lalín: Barcia, Gresande, Vilatuxe, Soutolongo, Ludeiro, Lebozán e, en menor medida Vilanova, A Xesta, Botos... e esa presión quedou perfectamente patente na gran cantidade de pequenas canteiras visibles, pero a explotación dos recursos pétreos empezou pola desfeita dos grandes penedos que afloraban en superficie.

Con todo, non esperamos encontrar petróglifos en paredes ou valados, alí onde non se atopen cerca de sitios nos que aparecen, ao aire libre, nos penedos dos montes, a non ser que as pedras foran levadas a grandes distancias, como ten sucedido aquí, no Castro Montaz. De todas formas, hai que ter en conta unha circunstancia básica: cando se levan pedras de cantería a grandes distancias, sempre se transportaban desbastadas, para que pesaran menos e foran máis fáciles de levar nos carros tirados por xugadas de bois ou de vacas. O debastado das pedras para xambas, linteis, arcos, angulares, esquinas, etc. sempre se realizaba ao pé de canteira e nese traballo era no que se eliminaban os restos de petróglifos que puideran existir. Todos os petróglifos que houbo en pedras desbastadas polos picos dos canteiros quedaron eliminados e irremisiblemente desaparecidos para sempre.

Pero, de forma case milagrosa, salváronse algúns deses petróglifos que houbo nas “pedras de coberta” das canteiras, as envellecidas laxes que tiñan as marcas da erosión granítica, con pías, pozancas, perforacións, cacholiñas, cacholas, etc. Algunhas desas laxes empregáronse en peches cercanos de fincas, en valados ou como chantos. Un caso moi significativo e que, ata o de agora, ten pasado desapercibido, é o chanto que está colocado no circundo da vella rectoral de Oleiros.

Neste chanto granítico pode apreciarse un anaco dun petróglifo formado por un seis circulos concéntricos, cortados, moi posiblemente, por unha liña que en forma de radio sae dunha coviña que hai no centro, tal e como se pode apreciar en varios petróglifos desta zona xeográfica, como é o caso dalgúns de Pena Longa (Cortegada) e outros diseminados polo Castro Montaz.

Como conclusión final, podemos dicir que, no caso dos petróglifos afectados por canteiras tradicionais, é moito máis o que que se destruiu que o que se conserva, sendo isto último, practicamente insignificante. En calquera caso unicamente se puideron salvar algunhas laxes, posteriormente empregadas en construccións esencialmente rústicas, como peches en montes e zarras cercanas ao sitio onde se localizaban.

O Castro Montaz foi o espazo máis salientable da comarca de Deza no que dominaron as estacións de arte rupestre e no que tivo lugar unha intensa actividade de explotación de pedra de cantería.

Suscríbete para seguir leyendo