Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A silla do Mouro no Castro Montaz

A cadeira de pedra ofrece vistas panorámicas de todo o entorno. Antonio Presas

O Castro Montaz, en pleno dominio granítico, está localizado no sector setentrional da Serra do Candán, en pleno val do río Deza, sobre o que é un dos mellores “miradores naturais” existentes. Esta característica non pasou desapercibida ao ollo dalgúns investigadores, como é o caso de Xulio Carballo, que consideraron este castro como un dos que tiña un dos maiores dominios visuais desta comarca. Desde a cima poden verse uns 17 castros (6 de Silleda, na vertente esquerda do río Deza, e 11 no concello de Lalín, na vertente dereita), nun ángulo de case 180º.

A silla do Mouro no Castro Montaz

Pois ben, esta característica está, en certo modo, refrendada por unha lenda popular que sitúa na parte alta da súa croa (recinto superior) a denominada “silla do rei Mouro”. Segundo esta lenda, os antigos moradores do castro, os mouros, construiron un trono na cima do poboado, para que o seu gran rei puidera contemplar os vastos dominios que se podían ver desde a cima e as outras aldeas castrexas, tamén habitadas ao mesmo tempo.

A arqueoloxía puxo en evidencia que o Castro Montaz foi un dos que primeiro se habitou e iso quere dicir que, posiblemente, o hipotético rei mouro lexendario nunca puidera ver simultaneamente tal cantidade de castros, cos seus fogares, desde os que sairía fume case a diario, porque moitos deles foron posteriores ao seu fantástico reinado.

Na realidade existe unha concavidade natural de forma semicircular, no alto dun penedo, que se asemella a un trono real. Esta estrana forma é o resultado dun coñecido proceso de meteorización, que se desenvolve de forma bastante rápida, desde o punto de vista xeolóxico, nas vellas e erosionadas rochas graníticas. O seu proceso empeza pola formación dunha pozanca que terminará cortada e desactivada ao perder a capacidade de retención de auga, unha vez que queda aberta, na súa metade, por unha diaclasa ou fenda na rocha.

Pouco lles importou aos inventores de lendas o seu proceso de formación natural, porque resulta moito máis chamativo atribuir ese fenómeno a causas e traballos realizados polo home, o ocupador destes agrestes lugares.

Compartir el artículo

stats