Edicións Fervenza, presente en Culturgal

A editorial dezá presentará o último libro da colección ‘Os Balbinos’

Camilo Franco, director de Culturgal, diante do posto da editorial de Silleda.   | // RAFA VÁZQUEZ

Camilo Franco, director de Culturgal, diante do posto da editorial de Silleda. | // RAFA VÁZQUEZ / REDACCIÓN

REDACCIÓN

O Pazo da Cultura de Pontevedra convértese un ano máis na cita de referencia para a cultura galega cunha nova edición de Culturgal, que se desenvolve nesta fin de semana. E alí estará novamente Edicións Fervenza cun amplo espazo no que o público poderá coñecer os seus títulos máis recentes, así como unha pequena mostra do catálogo da editorial. “Tamén manteremos diversas reunións de traballo con profesionais do sector e mesmo información para escritores noveles ou afeccionados”, apunta o editor Manuel Núñez Fiúza. Por suposto, contará con exemplares á venda, amais de programar varias presentacións.

Na presente xornada, Edicións Fervenza centrarase nas novidades infantís, coa presentación do último libro da colección Os Balbinos, que terá lugar ás 12.00 horas. Xa pola tarde, ás 17.00, será a quenda do libro Antón e a Moura do Lameiro de Viana. É un álbum infantil ilustrado en tapa dura, tamén da autoría de Xoán Carlos García Porral con coautoría de Santiago Gómez Fuentes e ilustrado por Gabriel Iglesias Sanmartín. Este libro conta cun apartado de carácter didáctico con explicacións e actividades e un código QR con acceso a un xogo dixital.

Mañá, domingo, a intensa actividade nas presentacións de Edicións Fervenza incluirá opcións infantís e para público adulto con poesía e narrativa. Ás 12.00 divulgarase o libro infantil O meu amigo conto, con ilustracións a toda cor e en tapa dura, de Fernando González Graña e ilustrado por Xaquín Blanco. Pola tarde, a partir das 16.00 horas, brinda unha presentación combinada con dous títulos gañadores de certames: o poemario Fío, de Manuel López Rodríguez, que se adxudicou o XXVII Premio Avelina Valladares Núñez de Poesía, e Loucine, de Clara Martín, que obtivo o VIII Concurso Balbino de Relatos.

O colofón de Fervenza a Culturgal chegará ás 18.00 horas coa presentación do libro infantil A lagoa máis fermosa de tódalas lagoas, un libro a toda cor con textos da actriz Antela Cid e ilustracións de Anabel Montoto. Este acto desenvolverase a xeito de contacontos pola propia autora.