Neira Vilas ‘festexa’ cumpreanos coa reedición de dous clásicos

Os volumes ‘Historia de emigrantes’ e ‘Galegos no Golfo de México’ reflicten o compromiso do escritor coa xente da diáspora

A presentación dos dous clásicos de Neira Vilas tivo lugar no Pazo de San Roque. |   // CONCHI PAZ

A presentación dos dous clásicos de Neira Vilas tivo lugar no Pazo de San Roque. | // CONCHI PAZ / salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Un día como hoxe, de hai 95 anos, viña ao mundo Xosé Neira Vilas. Por iso cada 3 de novembro se conmemora o Día do Lector, en agradecemento a un home e á súa dona, Anisia Miranda, que sempre tiveron aberta a súa casa de Gres para aqueles nenos e nenas (e non tan nenos) que desexasen viaxar agarrados da man dun libro.

Onte, na véspera do cumpreanos de Neira Vilas, a Xunta e a Editorial Galaxia quixeron festexar a data coa reedición de dous dos seus clásicos, Historia de emigrantes e Galegos no Golfo de México. A presentación tivo lugar no Pazo de San Roque, en Compostela, e contou coa asistencia do secretario xeral de Política Lingüística, o estradense Valentín García; o director de edicións de Galaxia, Marcos Calveiro; o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo Neira; e Xosé López García, prologuista de Galegos no Golfo de México.

Durante a súa intervención, Valentín García mostrouse satisfeito de que estes dous volumes volvan estar dispoñibles nas librarías, para lectores de calquera idade. García, que coñeceu moi de preto a Neira Vilas e a Anisia Miranda, destacou do escritor que “foi un gran narrador, pero tamén poeta, dramaturgo, ensaísta e magnífico xornalista, que esteou a súa creación sobre as súas propias vivencias”. Este feito dálle unha total autenticidade aos seus libros.

Os dous volumes supoñen unha extensión do compromiso do autor coa emigración galega, movemento do que foi partícipe coa súa estadía primeiro na Arxentina e despois en Cuba. No primeiro imos atopar notables retratos e paisaxes de Bos Aires, mentres que no segundo Neira Vilas recompila, a modo de relato xornalístico, a súa estadía na illa caribeña, na mesma liña que Tempo Novo, a súa novela sobre a emigración galega en Cuba que reeditaron o ano pasado tamén a Xunta e Galaxia. Estes dous títulos, ademais, súmanse á colección Biblioteca Neira Vilas, que xa acumula unha quincena de títulos do autor de Memorias dun neno labrego.

Acto hoxe en Gres

A de onte en Santiago non é a única homenaxe a Neira Vilas polo seu cumpreanos. Hoxe, ás 19.00 horas na sede da Fundación que leva o seu nome será entregado o Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta a Lionel Rexes Martínez, por Nove lúas. Recibirá 1.000 euros e a publicación do seu traballo en Edicións Embora. Ao longo do acto haberá unha lectura pública de poesía tanto de Neira Vilas como de Anisia Miranda.

Xosé Neira Vilas faleceu tamén en novembro, o día 27 de 2015. Na súa dilatada vida recibiu numerosos recoñecementos como a Medalla Castelao, en 1988, ou o Premio da Cultura Galega, na modalidade de Letras, en 2014.