As ocas que cantan ao Ulla

Adrián Fernández Salgueiro e Daniel Domínguez Padín crean en Camanzo unha explotación ecolóxica para a produción de ovos e experimentan cultivos de horta

Estas aves son tan dóciles que comen da man dos seus coidadores.

Estas aves son tan dóciles que comen da man dos seus coidadores. / Bernabé/Javier Lalín

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Adrián Fernández Salgueiro naceu en Camanzo (Vila de Cruces) hai 30 anos e traballa na hostalaría, aínda que é técnico de laboratorio, profesión que exerceu en Vigo ata a chegada do COVID. Daniel Domínguez Padín, natural do Grove de 45 anos, é mariño mercante e traballa en salvamento marítimo, pero a súa ilusión é vivir no e do campo. Así que cando Adrián quedou no paro empezaron a barallar opcións para montar algo na aldea.

“Queriamos facer algo diferente, en ecolóxico e aquí, na casa, en Camanzo”, explica Adrián. Logo de estudiar distintas opcións, decantáronse pola produción de ovos de oca de Toulouse como xermolo do seu proxecto. Elixiron esta variedade porque “son máis dóciles e máis produtivas, uns 30 ou 35 ovos por ano”, que as ocas blancas comúns. Fixeron un traballo de campo previo e detectaron interese por parte de tendas e restaurantes. Tampouco había nada igual en Galicia: “En Touro hai outra granxa de ocas de Toulouse, pero non é ecolóxica”, subliñan. Eles tiñan claro que querían “algo respectuoso co medio ambiente e cos propios animais”.

Ocas junto al estanque de su finca.

Ocas xunto ao estanque da finca. / BERNABE/JAVIER LALIN

Así foi como naceu Casa Morao, que tamén dispón dunha horta, na que xa cultivan alcachofas e están experimentando con xerminacións de cúrcuma, xenxibre e espárrago trigueiro. O nome é unha homenaxe á casa familiar de Souto Martín, como é popularmente coñecido este lugar de Camanzo, aínda que oficialmente figure integrado no de Albín. O logotipo da marca representa ao avó de Adrián, Pepe de Morao, afiando nunha moa de pedra.

Adrián e Daniel rodeados de ocas 
diante da charca con auga corrente 
que teñen na súa finca.   | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Adrián alimenta ás ocas. / Bernabé/Javier Lalín

En xullo comenzaron a levar as primeiras ocas para a explotación, unha finca de 6.700 metros cadrados, que está protexida cun valado electrificado. Teñen 80 ocas de entre seis meses e tres anos de idade, con un macho por cada tres ou catro femias. Pero a súa idea é chegar a 167, o máximo que lle permite o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) para a avicultura artesanal, unha por cada 15 m2 de parque exterior.

Las ocas persiguen a Daniel para alimentarse de grano.

Daniel porta un cubo de cereal rodeado de aves. / BERNABE/JAVIER LALIN

Venta por internet

Unha oca pon entre 30 e 35 ovos en cada ciclo, que vai desde xaneiro ou febreiro ata maio ou xuño, polo que durante a segunda metade do ano non hai produción. A rendibilidade vén do tamaño e do prezo, pois cada ovo equivale a tres de galiña e custa entre 3 e 4 euros. Desde Casa Morao, que ten venda por internet ao público xeral, cren que os ovos de oca teñen moito potencial para a hostalaría: “É máis contundente e saciador, enche ben o prato e combina de marabilla con trufas, por exemplo”, apunta Daniel. Ademais, “ten unha xema moito máis untuosa, máis espesa, máis laranxa, polo que noutros países é moi apreciado en repostería”.

En paralelo tamén recrían e venden exemplares, por exemplo, para limpeza de fincas, pois son excelentes “cortacéspedes”: “Hai quen prefire ter cinco ocas en vez de unha ovella”, comenta Adrián. O esterco das aves utilízano para abonar a horta ecolóxica que están poñendo en marcha como complemento. O investimento inicial achégase aos 60.000 euros, pero “agora non pensamos en recuperar os cartos, senón en que vaia ben” para poder vivir diso. “A min gústame isto, estar aquí”, comenta o mariño mercante.

Las ocas comen de la mano de sus dueños.

As ocas comen da mano dos seus donos. / BERNABE/JAVIER LALIN

O pasto constitúe a dieta básica destas aves, xunto con pequeno aporte de berzas e cereais: millo, trigo e centeo que cultivan, tamén en ecolóxico, en dúas hectáreas e media de terreo. Tamén aproveitan as mazás e as castañas que caen das árbores que hai na finca. “O noso é un proxecto real, non queremos vender algo que non é certo. Nós non lle imos dar penso nin soia ás nosas ocas”, sentenza Daniel.

Aínda que poderían vivir todo o ano á intemperie e, a diferencia das galiñas, tampouco precisan durmir dentro, pola noite recóllenas ao abrigo dunha nave pechada, onde teñen de poñedeiros, aínda que a maioría prefire facer os seus propios niños ao aire libre. “Dámoslles cereais como premio para que se acostumen a ir para dentro por se hai que vacinalas ou se nos piden xuntalas para unha inspección, por exemplo”, indica Adrián.

Daniel e Adrián gozan alimentando e acariñando aos seus animais.

Daniel e Adrián gozan alimentando e acariñando aos seus animais. / BERNABE/JAVIER LALIN

Invasión de albariño

Botar a andar o negocio non foi doado, sobre todo polas esixencias das distintas administracións: licencias de obras e de actividade do Concello de Vila de Cruces, permisos da Consellería de Medio Rural, de Augas de Galicia e ata de Aena (Aeropuertos Españoles y Navegación Aérea). Unhas trabas burocráticas que contrastan coas facilidades que parecen encontrar outros proxectos no seu mesmo entorno, caso das empresas que están a extender o monocultivo de viño albariño por todo o val do Ulla.

Non ocultan a súa preocupación por esta “invasión” de viñedo intensivo, que utiliza profusamente fitosanitarios. “Esíxennos a nó gardar unha distancia e non a eles, é algo anacrónico”, lamenta Daniel, que teme que calquera día o Craega os poida multar o incluso expulsar se aparecen restos de químicos na súa propiedade, aínda que sexan procedentes destes viñedos.

Posta, incubación e cría

  • Camuflan os seus niños con vexetación e plumas

    A oca de Toulouse pon de 30 a 35 ovos durante a época de posta, que vai de xaneiro/febreiro a xuño. Estas aves fan os seus niños no chan con restos de vexetación, paus e plumas, que tamén utilizan para camuflalos cando se levantan.

  • Contundencia: Un ovo equivale a tres de galiña

    Un ovo de oca equivale a tres de galiña en tamaño, amais de aportar outras características, coma mais cantidade de clara e unha xema máis espesa e dunha cor máis intensa. É máis contundente no sabor e tamén máis saciador.

  • Entre o 50 e o 70% de éxito na incubación

    A incubación artificial das ocas é máis complicada ca doutras aves. Só arredor do 50% dos ovos, ou o 70% no mellor dos casos, chegan a eclosionar correctamente. Os pitos tamén son moi delicados e a miudo morren por estrés.

Suscríbete para seguir leyendo